Gómez González, Ana María

Gómez González, Ana María

Pintora. Coñecida como Maruja Mallo, viviu en diferentes vilas por mor da profesión do seu pai, administrador de aduanas. En Avilés comezou a súa formación artística e aprendeu, entre outras técnicas, o dominio do debuxo ao lapis. En 1922 trasladouse a Madrid e ingresou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando. Alí coñeceu a Salvador Dalí que a introduciu no círculo artístico da Residencia de Estudiantes, onde se relacionou con F. García Lorca e L. Buñuel, cos que participou na Cofradía de la Perdiz. Xunto coa poetisa Concha Méndez introduciuse na vida cultural madrileña, asistiu a parladoiros e coñeceu, da man do seu irmán Xusto, a Benjamín Palencia. Durante a súa etapa de aprendizaxe realizou retratos tradicionais e participou en diversos certames colectivos. Completou a súa formación coas clases de debuxo de Julio Moisés. Na Exposición de Arte Galega de Santiago participou coas obras Retrato, Montserrat e Cabeza (en 1924) e con paisaxes de Corcubión e retratos femininos (en 1926). Este mesmo ano, no que tamén rematou os seus estudios, recibiu unha bolsa da Deputación de Lugo, prorrogada ao ano seguinte; a cambio entregou O indio e A dama do abano. En 1928 coñeceu a José Ortega y Gasset que a invitou a expoñer nos salóns da Revista de Occidente, con Verbenas e Estampas. Relacionouse tamén cos membros da Xeración do 27, como Miguel Hernández e Rafael Alberti. Con Alberti realizou o libro Yo era tonto y lo que vi me hizo dos tontos que adiantaron na Gaceta Literaria (1928), colaborou deseñando a escenografía de La pájara pinta e dedicoulle o poema “La primera ascensión de Maruja Mallo al subsuelo” publicado na Gaceta Literaria (1929). Ademais, contou co apoio de diversos intelectuais da época, como R. Gómez de la Serna; colaborou en revistas literarias, como Cruz y Raya e Revista de Occidente, e ilustrou libros, como Yo, inspector de alcantarillas, de Giménez Caballero. Neste tempo comezou a representar terras baldías, excrementos, esqueletos e outras visións que mostran a súa relación cos membros da escola de Vallecas, como B. Palencia e Alberto Sánchez e na que ela mesma se incluía. En 1929 colaborou coa Deputación lucense en Lugo e a súa provincia. Libro de ouro con Guía postal de Lugo. En 1932 a Junta de Ampliación de Estudios concedeulle unha bolsa e trasladouse a París, onde expuxo a serie Cloacas e campanarios, na galería Pierre Loeb, e coñeceu a André Breton, que adquiriu o cadro Espantallo. Ao regresar a Madrid continuou asistindo aos diversos parladoiros. As obras deste momento, Arquitecturas vexetais, Arquitecturas minerais e Construcións rurais, entre outras, tiveron como eixe central a construción e incluírona no Grupo de Arte Construtiva de Torres García; desde entón, as súas obras tiveron como elemento central a xeometría. Durante a Segunda República impartiu a docencia na Escuela de Cerámica, no Instituto de Arévalo e na Residencia de Estudiantes, e asistiu a actos culturais e políticos a favor da República, xunto co seu compañeiro Alberto Fernández Mezquita, membro do POUM. En 1935 participou na exposición colectiva L’Art Espagnol Contemporain no Musée Jeu de Paume de París. Membro da Asociación de Amigos del Arte Nuevo (ADLAN), colaborou na mostra colectiva organizada en Barcelona e realizou unha individual no Centro de la Construción de Madrid. En 1936 preparaba a escenografía da ópera Clavileño de Rodolfo Halftter que non se chegou a representar. A Guerra Civil sorprendeuna en Galicia, onde acudira coas Misións Pedagóxicas. Cruzou a fronteira por Tui e marchou a Lisboa, onde tomou un barco que a levou a Arxentina. Con ela levou o lenzo Sorpresa do trigo, realizado trala manifestación do primeiro de maio de 1936, e que mostrara en ADLAN. Estableceuse en Bos Aires, onde ademais de pintar celebrou conferencias por todo o país, Chile e Uruguay, entre as que destaca “Proceso histórico de la forma en las artes plásticas” e “Lo popular en la plástica española a través de mis obras”, publicada en Revista Sur. En 1938 escribiu o artigo “Relato veraz de la realidad de Galicia”, publicado no xornal La Vanguardia de Barcelona, no que reflectiu a situación galega tralo golpe do 36. Viaxou por diversos países americanos e relacionouse cos exiliados españois, como Manuel de Falla e Luis Jiménez de Asúa, e cos intelectuais galegos. En 1942 R. Gómez de la Serna escribiu Maruja Mallo, publicado en Bos Aires. Realizou a escenografía de Cantata na tumba de Federico García Lorca de Alfonso Reyes, e, entre outras obras, as series Retratos Bidimensionais, Relixión do traballo, Naturezas mortas (1941) e Naturezas vivas (1942-1944), os murais Harmonías Plásticas (1945) para o cine Los Ángeles de Bos Aires e as series Atletas e Bailarinas (1951). Ademais, realizou exposicións en Montevideo, Santiago de Chile, Rio de Janeiro e outras cidades, e en 1947 viaxou a Nova York, onde obtivo o premio pictórico da XII exposición con Cabeza de negra. Durante as súas estancias en Chile, retomou a relación con Pablo Neruda, a quen coñecera en Madrid nas festas e parladoiros que este celebraba na súa Casa de las Flores, e con el viaxou por todo Chile. A súa obra americana caracterizouse pola representación de motivos naturais organizados en composicións simétricas de coloridos brillantes. En 1961 regresou a España e, agás unha breve estancia en Bos Aires, instalouse en Madrid, onde tivo que loitar contra o esquecemento da súa obra e dela mesma. A súa actividade artística acadou un novo período de auxe despois de 1975. Volveu colaborar en Revista de Occidente e participou en numerosas mostras colectivas. Tralo regreso, realizou a súa primeira exposición individual en 1979 e, en Galicia, en 1980. Compuxo figuras, a maior parte delas representacións femininas, e máscaras cun carácter xeométrico. Entre outras obras destacan as series Os moradores do baleiro e Viaxeiros do Éter. En 1982 o ministerio de Cultura concedeulle a Medalla de Oro, galardón que tamén recibiu en 1990 da Comunidad Autónoma de Madrid. En 1993 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia e, cunha exposición retrospectiva da súa obra, inaugurouse o Centro de Galego de Arte Contemporánea (CGAC), mostra que despois viaxou ao Museo Nacional de Bellas Artes de Bos Aires.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Viveiro

  • Deceso

    Lugar : Madrid