Góngora y Argote, Luis de
Poeta. Pertencente a unha familia acomodada, en 1576 trasladouse a Salamanca para estudar leis e posteriormente ordenouse diácono, sacerdote e foi capelán de Filipe III. Protexido do duque de Lerma, foi beneficiado da catedral de Córdoba, cumpriu misións en Galicia, Navarra e nas dúas Castelas e foi obxecto dunha amoestación episcopal polo feito de tratar con comediantes, asistir aos touros e escribir versos profanos. En 1580 publicou o seu primeiro poema, unha composición ao comezo da tradución de Os Lusiadas, a cargo de Luis Gómez de Tapia. A súa obra poética bifúrcase en dúas vertentes que moitas veces se superpoñen: a de inspiración popular, constituída por composicións de versos curtos, sonetos e romances (amorosos, cabaleirescos, mouriscos ou pastorís), como “Las flores del romero”, “Amarrado al duro banco”, “Servía en Orán al rey”, “Ande yo caliente”, “La dulce boca que a gustar convida”, “Hermana Marica”, “Ahora que estoy despacio”, “En la capilla estoy condenado...” e “Mientras por competir con tu cabello”; e a de inspiración cultista, iniciada con Oda a la toma de Larache e continuada coa Fábula de Polifemo y Galatea, recreación desta fábula mitolóxica, as Soledades e o Panegírico al duque de Lerma. Influenciado por Petrarca, Ovidio e Horacio, e creador e representante por antonomasia do culteranismo, o seu estilo caracterízase pola acumulación de referencias mitolóxicas, metáforas, xogos de palabras, efectos sensoriais, hipérboles, hipérbatos, cultismos e unha sintaxe complicada chea de perífrases. A súa obra influíu notablemente na Xeración do 27.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Córdoba -
Deceso