González de Araújo
Familia de mestres de obras que traballaron en Santiago de Compostela ao longo dos ss XVI e XVII. Bieto González de Araújo (?-1620?) trasladouse desde Pontevedra a Santiago de Compostela cara a 1590, onde traballou como aparellador en San Martiño Pinario, do que foi mestre maior en 1606. Proxectou a antiga capela de Nosa Señora da Cerca (1595) e realizou, para o concello, a fonte do Camiño e os canos de pedra desde a fonte da praza de San Xoán ata a Acibechería (1597). En 1599 realizou, por encargo da universidade, as columnas para o encadeado da portada do colexio de Fonseca. En 1602 reedificou a capela maior e a sancristía da igrexa de Santa Susana, segundo o proxecto de Xoán de Vila, e en 1608 realizou un lenzo do claustro do colexio da Compañía de Xesús, segundo o seu propio proxecto. Reedificou parte do palacio arcebispal que dá á praza do Obradoiro (1611) e construíu o lenzo da botica do Hospital Real (1619). Francisco González Araújo (?-Santiago de Compostela 27.4.1634) reedificou as pontes Portomouro (1591) e Sionlla (1596) e reformou a igrexa de Santa María de Conxo, onde erixiu o campanario segundo un proxecto seu. Foi aparellador da catedral de Santiago de Compostela (1611) e realizou as obras proxectadas por Xácome Fernández para a praza da Quintana e o peche do claustro. Reparou as fontes de San Miguel e da praza do Campo e, en 1620, nomeárono fontaneiro da cidade de Santiago. Recoñeceu a igrexa de San Xurxo de Codeseda (A Estrada, 1619) e reconstruíu a ermida da Nosa Señora de Gundián en Ponte Ulla (1620). En 1624 nomeárono mestre de obras da catedral, onde construíu o sepulcro do arcebispo J. Beltrán de Guevara. Foi confrade da confraría da Concepción e encargouse das obras da súa capela e sancristía. En 1632 realizou a capela da confraría do Rosario en San Domingos de Bonaval e encargouse do remate das obras da igrexa e do claustro de Santo Agostiño, que non chegou a rematar. Francisco González de Araújo Escudero (s XVII) construíu unha capela en San Fiz de Solovio por encargo de Bartolomé López Vasadre e recoñeceu a edificación dunha igrexa en Araño (Rianxo). Foi escudeiro da Real Audiencia. Xoán González Araújo (s XVII) realizou, entre outras obras, unha escaleira de pedra entre os dous claustros do convento de San Francisco.