González del Blanco, Roberto

González del Blanco, Roberto

Pintor. Trasladouse coa súa familia a Santiago de Compostela, onde comezou a súa formación con Ánxel Bar, Uxío Villar, Josep Maria Fenollera e Tito Vázquez. Contou coa protección de Manuel Otero Acevedo e comezou a traballar en Madrid no estudo de Fernando Alberti Barcelau. No eido do gravado formouse con Ricardo Baroja e no do debuxo no Círculo de Bellas Artes. En 1911 trasladouse a Ávila, onde traballou con Eduardo Chicharro. Entre 1912 e 1914 viaxou por Palestina, Exipto, Italia e Grecia. O comezo da Primeira Guerra Mundial sorprendeuno en Turquía e trasladouse a Venecia ata que Italia entrou na guerra. En 1919 participou na Bienal de Venecia e na Exposición do Petit Palais. Viaxou a Cuba e Nova York e en 1925 instalouse en Santiago de Compostela pero dous anos máis tarde trasladouse a Cádiz, onde foi catedrático de Anatomía Pitórica na Escuela de Artes y Oficios e foi nomeado membro da Real Academia de Bellas Artes (1928). En 1930 obtivo unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios e trasladouse a Francia e Inglaterra, onde estudiou a técnica da vidreira. En 1933 contribuíu a crear a cátedra de Anatomía Pitórica na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, da que foi primeiro profesor. Acadou o título de profesor de debuxo da Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando (1935) e en 1938 nomeárono profesor interino de debuxo da Escola de Traballo de Santiago, ano no que inaugurou o obradoiro de artesanía Jacobea. Desde 1954 foi profesor de debuxo no Instituto Xelmírez. Os seus primeiros cadros inclúense na temática da pintura de comezos de século con temas exóticos tratados desde un punto estilístico occidental, pero desde 1925 plasmou unha temática costumista de carácter rexionalista. As súas obras caracterizáronse pola luminosidade, polo dominio do debuxo e polo naturalismo das tipoloxías retratadas, xunto cunha influencia da pintura florentina. En 1907 enviou á Exposición de Bruxelas un retrato da súa irmá, polo que recibiu unha medalla vermella, e un autorretrato á Exposición Internacional de Dibujo de Madrid, onde recibiu a medalla de prata. En 1908 recibiu a medalla de ouro da Exposición do Traballo de París polo debuxo Doce sopor. Presentouse na Exposición Rexional Galega de 1909 co óleo A saída do aparello e acadou a medalla de ouro. Participou na Exposición de Artes Decorativas de 1911 e recibiu a segunda das terceiras medallas co panel Verbena. En 1915 presentouse á Exposición Nacional de Bellas Artes na que obtivo a terceira medalla por Forza domea a Beleza. Durante a súa estancia en Nova York realizou a Festa da Raza (1920), coa que participou na Exposición dos Independentes e na Exposición Rexional da Coruña. En 1932 participou por derradeira vez no certame nacional con Adeus e en 1935 presentouse á Exposición Nacional de Temas Folklóricos con O carro. Desde 1952 foi correspondente da Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario. A súa obra está, entre outras, nas coleccións Caixa Galicia, Caixanova, Museo do Pobo Galego e Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : León

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela