González González, Manuel
Filólogo. Graduouse (1974) en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura A fala do Incio e doutorouse en Filoloxía Románica coa tese O xugo e o carro. Contribución ao estudo das denominacións dos apeiros de labranza en Galicia. Catedrático de Filoloxía Románica na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago e director (1988) dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros, forma parte do equipo investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG), do que tamén foi secretario (1991-1996). As súas áreas de investigación e especialización céntranse na lingüística e, sobre todo, na lingua galega. Os seus estudios sobre o galego abranguen diferentes áreas filolóxicas. En dialectoloxía e xeografía lingüística, destaca o seu labor como coautor do Atlas Lingüístico Galego e do Atlas Lingüistique Roman. En lexicografía, coordinou o Dicionario da Lingua Galega (1990) da Real Academia Galega (RAG) e o ILG, codirixiu, xunto con Constantino García, o Dicionario Manual da Lingua Galega (coas súas correspondencias en castelán) (15 vols, 1991), dirixiu o Dicionario da Real Academia Galega (1997) e publicou o Vocabulario ortográfico da lingua galega (Versión provisional, 1990), en colaboración con Antón Santamarina, o Dicionario inverso da lingua galega (1990), o Léxico de matemáticas, física e química (1988) e o Vocabulario de telefonía y comunicaciones móviles castellano-galego, galego-castellano (1998). En sociolingüística e historia da lingua, destaca a súa participación na elaboración das Bases prá unificación das Normas Lingüísticas do Galego (1977) e das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982), e a publicación de Las lenguas románicas españolas tras la constitución de 1978 (1988); xunto con A. Santamarina dirixiu a Exposición sobre a historia da lingua galega, que se inaugurou en setembro de 1988, e que percorreu as distintas cidades de Galicia; ademais, dirixiu, a partir de 1994, dentro de Seminario de Sociolingüística da RAG, a elaboración do Mapa sociolingüístico de Galicia, obra da que se publicaron tres volumes, que levan por título: Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia, Usos lingüísticos en Galicia e Actitudes lingüísticas en Galicia. En fonética, ademais de ser un dos promotores dos estudios de fonética acústica en Galicia, investiga as tecnoloxías da fala e dirixe, dentro do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a elaboración dun conversor texto-voz para o galego, á parte de coordinar varios proxectos relacionados coa síntese de voz, co recoñecemento de voz e con sistemas de diálogo home--máquina, en colaboración cun grupo de enxeñeiros de telecomunicacións da Universidade de Vigo. En didáctica é coautor de Edigal. Galego 1,2,3,4. Primeiro método audiovisual para aprendizaxe da lingua galega (acompañado de tres cintas, 1985) e de varios libros de texto de lingua galega para diferentes niveis educativos. Tamén é un dos autores do Dicionario de verbos galegos Laverca (2002), de finalidade didáctica, que contén un programa informático de conxugación de verbos e de análise de formas verbais, con incorporación de voz sintetizada. É membro do consello científico das revistas Verba. Anuario Galego de Filoloxía, Journal of Portuguese Linguistics e Estudios de Fonética Experimental, do comité de redacción do Atlas Linguistique Roman e do equipo de asesores da Enciclopedia Galega Universal (EGU, 1998). É académico numerario (1992) e secretario da RAG, director dos seminarios de sociolingüística e lexicografía da RAG, director de TERMIGAL (Servicio Galego de Terminoloxía Técnico-científica), coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e vicedirector da revista Cadernos de Lingua.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Beba, Mazaricos