González Pascual, Alexandre

González Pascual, Alexandre

Pintor. Participou na revista Atlántida con U. Lugrís, X. M. Labra, F. Mon e A. Abelenda, entre outros. Comezou a expoñer en 1954 na Coruña. As súas primeiras obras amosaron o coñecemento das linguaxes vangardistas pero, desde 1960, realizou unha obra máis persoal baseada na simplicidade temática, nas composicións equilibradas, a pintura grosa e empastada e unha sobria gama cromática. Foi un dos renovadores da visión da paisaxe galega ao representar a Galicia invernal. Realizou tamén bodegóns, caracterizados pola representación dun motivo sinxelo cunha simplicidade compositiva baseada na composición horizontal; retratos, nos que a figura se recorta sobre o fondo neutro; e debuxos, nos que experimentou con diversas técnicas, agás o carbón. Das súas obras destacan as series dedicadas aos montes (1960-1973?), entre outros, Montes do Eume, Serra da Faladoira, Seixo Branco e Montes da Pastoriza, e ás árbores (1973?-1977), entre outras, A Caldeira (1973) e Castiñeiro (1976). Ilustrou A Frauta e o Garamelo e Un corvo chamado Alberte, de Avilés de Taramancos, El cuervo en la ventana (1967), de M. González Garcés, e colaborou na edición galega de Rubaiyat (1992), de Omar Khayyam. Colaborou en diversas publicacións e realizou, entre outros, os decorados de A casa da Troia (1956) e Edipo abandonado (1960).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso