Gorbačov, Mikhail
Político ruso. Licenciado en Dereito pola Universidade estatal de Moscova, afiliouse ao PCUS en 1952 e foi adquirindo responsabilidades políticas. Accedeu ao comité central en 1971, en 1978 asumiu a dirección da secretaría de Agricultura e en 1980 accedeu ao Politburó. En 1985 foi elixido secretario xeral do partido, e en 1989 presidente da Unión Soviética. Impulsou as reformas políticas e económicas que puxeron fin ao réxime soviético e abriron o bloque do Leste a Occidente a través das súas políticas de perestrojka, ou reestruturación económica, e de glasnost, ou transparencia na xestión política. Estas reformas levárono ao enfrontamento cos sectores máis radicais da Unión Soviética e cos sectores inmobilistas, que protagonizaron en 1991 un intento fallido de golpe de estado. En política internacional, asinou diversos acordos sobre desarmamento con EE UU e aceptou o proceso de unificación alemana. En 1991 dimitiu como secretario xeral do PCUS e, coa constitución da CEI, presentou a dimisión como presidente. Foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias á Cooperación Internacional (1989) e co Premio Nobel da Paz (1990).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Privolnoje