Goya y Lucientes, Francisco de
Pintor e gravador. Fillo dun dourador, en 1760 ingresou no taller de José Luzán en Zaragoza. Trasladouse pola súa conta a Roma (1771) e, ao regresar, pintou ao fresco o coro da basílica de El Pilar de Zaragoza (1772) e realizou once pinturas ao óleo sobre xeso para a cartuxa da Aula Dei nas que narrou a vida da Virxe. En 1774 residía xa en Madrid e, protexido polo seu cuñado Francisco Bayeu, ingresou na Real Fábrica de Tapices, na que realizou, ata 1792, 63 cartóns nos que reflectiu desde escenas idílicas ata escenas da vida cotiá nun estilo romántico e decorativo de carácter costumista. Entre os primeiros cartóns que realizou destacan La caza de la codorniz (1775), El quitasol (1777), El paseo de Andalucía (1777) e Las lavanderas (1780). Neste tempo gravou obras de Velázquez, realizou retratos e obras relixiosas, entre as que destaca Cristo crucificado (1780), co que ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, da que foi tenente director de pintura en 1785, e pintou ao fresco unha das cúpulas do Pilar de Zaragoza, Regina Martyrum, pola que recibiu numerosas críticas. Retornou a Madrid e pintou San Bernardino predicando en presenza de Alfonso V de Aragón (1782-1783) para San Francisco el Grande e os retratos de El Conde de Floridablanca (1783?) e La Duquesa de Osuna (1785). En 1786 xa era pintor fixo de Carlos III e continuaba coa realización de tapices, como La pradera de san Isidro (1788) e La gallinita ciega (1788-1789), ademais das obras dedicadas a san Francisco de Borja na catedral de València. Coa chegada ao trono de Carlos IV (1789) converteuse en pintor de cámara e fixo, entre outras obras, os últimos cartóns para tapices, La boda e El pelele (1791-1792), e os retratos La familia del duque de Osuna (1788) e La Tirana (1790-1792). A convalecencia dunha grave enfermidade (1793) que lle provocou xordeira crónica, permitiulle facer diversas obras nas que se puido expresar con liberdade, entre outras, Corral de locos (1794). Retratou a duquesa de Alba (1795), gravou Los Caprichos (1797-1799) e fixo os frescos da ermida de San Antonio de la Florida (1798). Compuxo o grupo La familia de Carlos IV (1800), no que a caracterización psicolóxica chegou ata os límites da sátira, e para Godoy realizou La condesa de Chinchón (1800) e, posiblemente, La Maja desnuda e La Maja vestida (1803-1805). Entre outros retratos desta época destacan Bayeu (1795), Jovellanos (1798), Leandro Fernández de Moratín (1799) e Isabel Corbos de Porcel (1806). Durante a ocupación francesa fixo pequenos cadros inspirados na guerra, como El coloso (1810-1812), e gravou Los desastres de la guerra (1810-1815). Co retorno de Fernando VII en 1814 realizou dous retratos do monarca, Fernando VII en un campamento e Fernando VII con manto real; ademais tivo que repintar un lenzo que en orixe era o retrato de Xosé Bonaparte e que converteu en Alegoría a la Villa de Madrid, e que trala morte do pintor sufriu algúns cambios. Reflectiu os horrores da guerra cos lenzos El 2 de mayo de 1808 en Madrid: La lucha con los mamelucos (1814) e El 3 de mayo en Madrid: Los fusilamientos en la montaña del Príncipe Pío (1814). Continuou a facer retratos, entre os que destaca El Duque de San Carlos (1815), realizou unha terceira serie de augafortes, La Tauromaquia (1815), e retomou a pintura relixiosa en La última comunión de san José de Calasanz (1819). Durante a convalecencia dunha nova enfermidade pintou Goya atendido por Arrieta (1820), realizou a serie de gravados Los Disparates (1816-1823) e pintou os murais, ao óleo sobre xeso, para a súa casa, coñecida co nome da Quinta del Sordo, e a serie das pinturas negras (1821-1822), entre outras, Saturno devorando a un hijo, Duelo a garrotazos, El perro e Aquelarre ou El Gran Cabrón; nelas predominan os tons negros e escuros. En 1824, co restablecemento do absolutismo, exiliouse a Francia e estableceuse en Bordeos, onde fixo numerosos debuxos, retratos, como os de José Pío de Molina (1827), Juan Bautista de Muguiro (1827) e Mariano Goya (1827), litografías de temas taurinos e, entre outras obras, o óleo La lechera de Burdeos (1827), no que anticipou o impresionismo coa pincelada solta e o tratamento lumínico. A súa capacidade de invención de contido e de renovación de recursos formais e o seu perfecto dominio da cor, fano dificilmente clasificable e precursor das principais tendencias posteriores.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Fuendetodos, Zaragoza -
Deceso
Lugar : Bordeos