graal

graal

(

s m [MIT]

Obxecto máxico de virtudes milagreiras, ao que só tiñan acceso os iniciados que, tralo pertinente proceso de iniciación, acreditasen a perfección espiritual. A etimoloxía do termo (lat cratale) describe o graal como unha vasilla ampla e algo profunda, semellante á bandexa para peixes que aparece en Perceval ou Li contes del graal (1190?) de Chrétien de Troyes. Pola súa banda, o Parzival de Wolfram von Eschembach (1200-1212) móstrao como unha pedra luminosa, en tanto que as versións cristianizadas da lenda remataron por asimilalo á vasilla na que Xosé de Arimatea recolleu o sangue do Crucificado (no ciclo atribuído a Robert de Boron) ou co cáliz que Xesús tomou nas súas mans para instituír a Eucaristía o día da Última Cea (nos ciclos da Vulgata e da Post-Vulgata artúricas). As súas orixes seguen a ser escuras xa que, ao seu arredor, se creou unha lenda que acadou gran relevancia na Idade Media, produto da fusión do evanxeo apócrifo de Nicodemo, a historia de Xosé de Arimatea e as lendas célticas, que produciron nos ss XII e XIII unha serie de relatos sobre a procura do cáliz e o seu descubrimento, sobre todo por parte dos cabaleiros da Táboa Redonda. As diversas teorías sobre a súa orixe poden agruparse en tres grandes tendencias: 1) as teorías celtizantes emparéntano cos caldeiros máxicos da abundancia propios desa mitoloxía; de feito, nos mitos e contos populares celtas son frecuentes talismáns como lanzas máxicas e recipientes produtores de alimentos; neste sentido o mabinogi de Peredur, colección de contos galeses medievais, co seu sinxelo argumento de vinganza mediante talismáns e desprovisto de significado relixioso, é a versión máis próxima á forma orixinal da lenda; 2) as teorías naturalistas intégrano en ritos de fecundidade propios das relixións agrarias; 3) as teorías cristianizantes remóntano á liturxia xudeucristiá, ao sacramento da Eucaristía e á figura do Redentor. Probablemente, o elemento relixioso engadiríase á lenda cando o antigo conto de vinganza se fusionou coa lenda de Xosé de Arimatea, que ten como tema principal a evanxelización de Inglaterra. Os primeiros contos sobre o Graal puideron ser escritos en latín e converterse na base da obra de Robert de Boron, contemporáneo de Chrétien e Map. Máis tarde mesturaríase con outras lendas, como a de Lohengrin, o cabaleiro cisne, no poema de Wolfram, ou a do preste Xoán. Tralo Renacemento, caeu no esquecemento, pero restableceuse no Romanticismo. As dificultades para explicar satisfactoriamente a natureza do Graal xa se aprecian no primeiro texto no que aparece, o inconcluso Li contes del graal. Neste relato, o heroe, Perceval, é criado e educado pola súa nai na soidade e na ignorancia dos costumes dos cabaleiros, xa que os seus irmáns morreran neles e non quería que a el lle pasase o mesmo. Pero cando o azar o pon en relación co mundo da cabalería, apodérase del o desexo de aventuras, sepárase da súa nai e ponse en camiño na procura delas. O cabaleiro Gornemant aconséllalle que nunca promova cuestións inútiles. Seguindo este consello, chega ao castelo do Graal, unha fortaleza habitada por un rei tolleito, o Rei Pescador; durante a cea contempla unha procesión en que uns serventes portan uns candelabros e unha doncela leva un resplandecente graal, con xoias incrustadas, acompañado dunha lanza sanguenta e un prato de prata, que contiña unha hostia (coa que se alimentaba desde había quince anos o ancián pai do rei), pero non pregunta cal é o significado do que ve. Deste xeito, incorre na culpa e na vergoña e é expulsado do castelo. Marcha, daquela, co Rei Artur, quen o admite na Táboa Redonda, e lánzase á conquista do Graal sen o concurso divino. Logo de cinco anos de busca en van, atopa o ermitán Travezent, quen lle explica por fin a natureza de Deus e do Graal. Finalmente, volto á relixión, e despois de ter triunfado en varios combates, chega a converterse no rei do Graal. Chrétien parece que tiña a intención de relatar a segunda visita do heroe ao castelo, durante a que faría a pregunta e recibiría a información desexada; sen embargo, o poeta morreu antes de terminar a historia, sen dar unha explicación adecuada. Con todo, as versións francesas posteriores cristianizan a lenda, converten o obxecto nunha reliquia revestida de gran santidade e asóciano á figura de Xosé de Arimatea, o custodio do Santo Graal, que recolle o sangue derramado polo Señor, cando, crucificado, foi alanceado por Lonxinos. Tras sufrir persecución por parte das autoridades romanas, abandonou Israel coa súa familia e, segundo os evanxeos apócrifos, marchou cara ao Occidente e evanxelizou a illa de Bretaña, deixando o cáliz oculto ou perdido nalgún lugar próximo a Glastonbury, o centro cristián máis antigo da Britania artúrica. No relato de William de Malmesbury, este lugar identifícase co mítico Avalón e, por esta razón, hai quen relaciona este santuario británico coa orixe dos contos cabaleirescos sobre o Graal. A súa cristianización culmina no ciclo da Vulgata (1215-1230), na que se asimila ao cáliz da Santa Cea e, xa que logo, aos misterios eucarísticos que, por esas datas, promocionaba a espiritualidade cisterciense. Neste ciclo narrativo, a busca ten un carácter moi sagrado, e a atmosfera cabaleiresca do poema de Chrétien cede ante un intenso ascetismo que insiste non só na pureza do cabaleiro, senón na súa castidade. Ademais, o cabaleiro destinado a descubrir os misterios da reliquia vai ser o fillo de Lanzarote, o célibe Galahad, representante da cabalería espiritual, inmune ás tentacións e celoso gardián da súa virxindade. Esta versión sería a que se recolleu no ciclo da Post-Vulgata (1230-1240), entre eles a Demanda do Santo Graal portuguesa. A historia temperá do Graal está intimamente ligada á historia de Xosé de Arimatea. Cando os xudeus o encarceran, Cristo aparéceselle e dálle o recipiente, grazas ao que logra sobrevivir milagrosamente durante corenta e dous anos, ata ser liberado por Vespasiano. Logo, o Graal é levado a Inglaterra, xa sexa por Xosé e Xosefés, seu fillo, ou por Alain, un dos seus parentes (Robert de Boron). Galahad (ou Perceval) ten éxito na busca, pero o Graal desaparece ao morrer o seu gardián. Segundo a versión do Perlesvaus, Perceval desaparece nun barco de velas brancas cunha cruz vermella. Na versión de Guiot de Wolfram aparece un concepto do Graal diferente ao das aventuras cabaleirescas francesas. O autor concíbeo como unha pedra preciosa caída do ceo, lapsit exillis (lapis ou lapsi ex caelis), de especial pureza e poderes milagrosos que lle son conferidos polo contacto cunha hostia consagrada traída do Ceo por unha pomba cada Venres Santo. Os anxos que permaneceron neutrais durante a rebelión de Lucifer foron os seus primeiros gardiáns; logo foi levada á terra e confiada a Titurel, o primeiro rei do Graal. A pedra custódiase e nútrese no espléndido castelo de Munsalvaesche, mediante o seu milagroso poder de produción de alimentos. Desde o s XIII téñense desenvolvido, ademais, interpretacións esotéricas do Graal, que o asocian con ritos mistéricos e saberes ocultos, dos que serían depositarios os cabaleiros templarios. Baixo este punto de vista, a reliquia vincularíase coas máis poderosas casas nobiliarias occitanas, en especial coa liñaxe dos Trencavel, condes de Toulouse, que se consideraban descendentes da dinastía de David e Salomón. Arredor do Graal, convertido en ideal purificador e en centro dun sistema de ritos iniciáticos, converxerían as ensinanzas da cábala e outros saberes místicos e herméticos de orixe xudía, que florecían en Provenza durante eses anos. Todo este coñecemento sería aproveitado pola doutrina cátara, que, xunto coa orde do Temple, sufriu a persecución dos poderes político e eclesiástico a comenzos do s XIII. A versión literaria que máis se achegaría a esta vertente do mito sería o Parzival de Von Eschembach, que, segundo declara o seu autor, se inspiraba nun texto de procedencia provenzal da autoría dun tal Kyot ou Guiot de Provins; sobre esta versión compuxo Wagner o seu drama lírico Parsifal (1882). O misterio que sempre rodeou o Graal, unido á súa consagración como reliquia cristiá ou, cando menos, a obxecto de intensa espiritualidade, así como ao colapso da civilización do S de Francia, favoreceron que diferentes santuarios se atribuísen a súa custodia. Wagner sitúa o famoso templo nas montañas setentrionais da España gótica, nos Pireneos, correspondéndose posiblemente con Montserrat. Pero tense polo menos noticia doutros 16 espallados por todo o mundo -Xénova, Luca, Borionda, Lyon ou Reims-, ademais dos da catedral de Valencia e o santuario do Cebreiro na igrexa de Santa María a Real, porta de entrada a Galicia, polo Camiño Francés, das antigas peregrinacións compostelás, e que na tradición xacobea sitúa o milagre do Cebreiro, acontecido a comezos do s XIII. O cáliz conservado é de prata sobredourada, a copa é esférica e aséntase nun pé abucinado de base circular. Conserva dúas inscricións nieladas: unha no pé, “in nomine nostri Ihesu Christi et beate Marie Virgine” e outra na embocadura, “Hoc sacratur quo cuntis vita parabatur”, con caracteres máis bastos e, quizais, máis antigos. O nexo de unión ten unha decoración máis rica que representa arcos de medio punto sobre columnas con capiteis vexetais en catro casos. Na parte central da patena atópase unha figura esvaída, probablemente un santo, rodeada de seis círculos tanxentes. O escudo de Galicia e o de Lugo incorporaron como símbolo o Santo Graal do Cebreiro.

Formas incorrectas

grial