Gran Chaco
Rexión da América Meridional entre a cordilleira dos Andes ao O, o río Paraguay ao L, os Llanos de Chiquitos ao N e o río Salado ao S (800.000 km2). Esténdese por Bolivia, Paraguay e Arxentina. Está formada por un zócolo cristalino recuberto por terreos aluviais e loess, inclinado cara ao L. É unha gran conca endorreica e só os ríos Pilcomayo e Salado atravesan a rexión de O a L, para desembocar no río Paraguay. Divídese en tres rexións: o Chaco Boreal, entre os Llanos de Chiquitos e o río Pilcomayo; o Chaco Central, entre o río Pilcomayo e o Bermejo e o Chaco Austral, entre o río Bermejo e o Salado. O clima é tropical, cunha pluviosidade que, sobre todo no verán, provoca o desbordamento dos ríos, inundando a rexión. A vexetación está basicamente constituída por bosques tropicais xerófilos. As fontes de riqueza do Chaco, ademais da explotación do petróleo, descuberto en 1931, son a explotación forestal, a minería (estaño) e actualmente adquiriron moita importancia as plantacións de algodón e té. A verdadeira colonización iniciárona os xenerais Roca e Vitórica (1884-1885). A súa situación fronteiriza orixinou fortes discusións, que se agravaron co achado do petróleo, e deu lugar á chamada Guerra do Chaco (1932-1935), que definiu os límites actuais.