Graña, castro da
Situado no lugar de Mourelos (Toques), aséntase sobre un outeiro. O estudo do xacemento iniciouse en 1933 coa catalogación feita polo Seminario de Estudos Galegos e continuou coas diversas campañas de escavación (1987-1993), realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto de Arqueoloxía da Universidade de Lodz (Polonia) e o Museo da Terra de Melide. Ocupado entre o s VIII a C e o s II d C, trátase dun asentamento de tamaño reducido defendido por unha muralla oval, primeiramente un simple terraplén de terra, e en época romana construída en pedra. Ao xacemento accédese por medio dun camiño de época romana escavado na rocha con muros de cachotería nos laterais, que estaría cuberto por unha estrutura de madeira. Neste camiño, ademais de apreciarse as rodeiras de carros no seu lousado, atopáronse gran número de chatolas de ferro pertencentes á cuberta de madeira e restos materiais romanos. A entrada do castro estaría protexida por unha porta levadiza flanqueada por dúas torres pétreas. No interior encontráronse numerosas vivendas de forma rectangular con esquinas redondeadas datadas en época romana, e unha serie de construcións das que se conservaron os fondos escavados na rocha amodo de gabia, e sobre as que probablemente se realizaron alicerces de pedra ou madeira, e restos de fogares. Entre os materiais romanos descubertos, ademais dos muíños circulares, dos restos de cerámica común e pintada e dos fragmentos de metal, destaca unha cabeza escultórica, localizada no camiño, de trazos rudos, á que os investigadores deron un valor ritual e situaron na cima dunha das torres de entrada.