Graubünden

Graubünden

Cantón do L de Suíza, o máis grande do país (7.105 km2; 186.026 h [2000]). A capital é Chur. Limita cos cantóns de Sankt Gallen, Glarus, Uri e Ticino, con Italia (Lombardia e Trentino-Alto Adige), Austria (Tirol e Vorarlberg) e Liechtenstein. É unha rexión moi montañosa cun relevo constituído polos Alpes Grisóns occidentais (cadeas de Tödi, Piz Sardona e o grupo de Adula) e polos Alpes Grisóns orientais (grupos de Albula, Silvretta, Rhätikon, Plesur, Bernina e Offen Pass). Os vales principais son os do Rin superior e o do Inn (Engiadina). A poboación de fala alemá habita principalmente nos arredores de Chur, Arosa e Davos, e a italiana no Val Mesocco, Val Bregaglia e o val de Poschiavo. Fálase o retorrománico no Bünder Oberland, en Engiadina e nos vales veciños de Mustair (Münster), Bravuogn (Bergün) e Oberhalbstein. A explotación forestal e a gandería son as principais actividades económicas. A agricultura produce cereais, hortalizas e froita. A industria principal é a que aproveita os recursos naturais (madeira, industria alimentaria). Unha gran parte da poboación dedícase a actividades relacionadas co turismo. Poboada por grupos celtas, a rexión foi sometida polos romanos no 15 a C. Xermanizada durante as invasións do s V, posteriormente formou parte do ducado de Suabia (916-1256). O bispo de Chur converteuse no principal señor feudal, pero trala súa alianza cos Habsburgo, a poboación, dirixida polos abades, organizouse en tres ligas e enfrontouse con el. Derrotaron aos Habsburgo na Batalla de Calven (22.5.1499) aliadas coa Confederación Helvética. En 1803 transformáronse nun cantón da Confederación Helvética.