grave

grave

(< lat grave ‘pesado’)

  1. adx e s m [FÍS]

    Aplícase ao corpo sometido á gravidade.

  2. adx
    1. Que é importante, transcendente ou que pode ter consecuencias prexudiciais.

      Ex: Reuníronse para tratar dos graves sucesos acontecidos durante a manifestación. Debe tomar unha grave decisión. A grave situación da empresa precisa a axuda de todos.

      Confrontacións: difícil.
    2. Aplícase a situacións ou accións que son susceptibles de ter algún perigo ou dano.

      Ex: Superou unha grave enfermidade. Está nunha situación grave.

  3. adx
    1. Que expresa dignidade, respecto ou seriedade.

      Ex: O arcebispo destacaba entre o resto polas súas ricas roupas e o seu aspecto grave.

    2. Aplícase ao estilo de carácter serio e elevado.

      Ex: Tratou o tema da ética e da moral cun estilo grave.

  4. adx [FÍS/LING]

    Aplícase ao son que no seu espectro acústico presenta unha concentración de enerxía nas frecuencias baixas. Segundo R. Jakobson, son graves os fonemas consonánticos labiais e velares, cun resoador largo e ben compartimentado, que se opoñen aos palatais e dentais, chamados agudos.

  5. adx e s m [MÚS]
    1. Nome que se aplica a algúns movementos lentos dunha sonata, dunha sinfonía, etc. Na música francesa do s XVII e XVIII adoitaba ser o principio do primeiro movemento, seguido dun allegro.

    2. Nome que se dá aos sons inferiores da escala nun instrumento ou na voz.

  6. adx [LING]

    Aplícase ao signo diacrítico (`) que, por exemplo, en francés indica, combinado cunha vogal e, a vocal aberta [ɛ] (dès), ou en combianción con a, u distingue homónimos (où/ou). Foi J. Silvinus quen o empregou por primeira vez en 1531.

  7. adx e s [LING]

    paroxítono.

  8. s m [NUMIS]

    Moeda portuguesa de billón acuñada durante o reinado do Rei Fernando I (1367-1383), cun valor de tres diñeiros de lei e un peso de 1,95 g.