gregoriano -na

gregoriano -na

(< antropónimo Gregorio)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a algún dos papas de nome Gregorio.

  2. calendario gregoriano

    calendario gregoriano.

  3. canto gregoriano [MÚS]

    Canto en latín, ao unísono, propio da liturxia da Igrexa Romana, afín ao da sinagoga (salmodia), ao das antigas liturxias cristiás occidentais e ao folclore grecorromano dos primeiros séculos do cristianismo. Algunhas teorías sitúano no país franco na época carolinxia, en parte como a manipulación do canto antigo romano e en gran parte, a máis artística, como creación nova. Outras, cren que se elaborou tecnicamente en Roma (ss V-VII), época de Gregorio I, con material do antigo canto romano. Inicialmente, parece que se transmitiu oralmente a través das Scholae de lectores e cantores, e das comunidades monásticas ou basilicais. Non se conservan notacións musicais anteriores ao s IX, a boa tradición manuscrita é dos ss IX-XII.

  4. misa gregoriana [RELIX]

    Cada unha das misas que, en número de trinta en sufraxio por un defunto, se celebra nunha sucesión ininterrompida de días.

  5. reforma gregoriana [RELIX]

    Movemento de reforma da Igrexa Católica, nos ss XI e XII, contra a decadencia moral e institucional (relaxación moral ou dos costumes, politización dos cargos eclesiásticos, etc), orixinada no s X pola desaparición da orde establecida polos carolinxios. A reforma iniciouna o Papa León IX (1048), continuouna Nicolao II, que conseguiu que o papa fose elixido só polos cardeais (1059), e culminouna Gregorio VII, de quen recibe o nome, xunto con Federico de Lorena, Humberto de Moyenmontier e Pere Damià. Nos sínodos romanos de 1074 e 1075 e, sobre todo, nos Ditatus papae, Gregorio VII expuxo o plan reformador. Enfrontouse deseguido co Emperador Enrique IV, co que se iniciou a loita das Investiduras, que durou ata o Concordato de Worms (1122). Os sucesores de Gregorio VII (Urbano II, Pascual II e Calixto II) continuaron, con máis flexibilidade a reforma, que orixinou un reflorecemento da vida eclesiástica.