grego -ga
(< lat Graecu)
-
adx
Relativo ou pertencente a Grecia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Grecia.
-
[ETN/HIST]
-
s
Individuo do pobo grego.
-
s
m pl
Pobo de orixe indoeuropea que chegou en sucesivos momentos históricos ata as costas do Mediterráneo a comezos do II milenio a C, procedente da conca do río Danubio, no SL de Europa. Estaba formado por diversos grupos unidos por lazos culturais e relixiosos. Os aqueos estendéronse polo S de Grecia e establecéronse no Peloponeso, os xonios asentáronse principalmente en Ática, na zona central do L de Grecia e nas illas Cícladas, onde asimilaron a cultura heládica. Un terceiro grupo, os eolios, asentouse en Tesalia. A expansión comercial, o crecemento demográfico, a falta de terras e o endebedamento do campesiñado obrigaron os gregos a deixar as súas poboacións de orixe e fundar colonias nas rexións costeiras do Mediterráneo a partir do 800 a C. As colonias mantiñan fortes lazos culturais coa metrópole, pero posuían independencia política e administrativa. A expansión por Oriente tivo dúas etapas: na primera colonizáronse as illas do Exeo e as costas de Asia Menor; e na segunda, despois de conquistar o N do Exeo e o Mar Negro, chegaron ata Crimea polo N e a Exipto polo S. Posteriormente, dirixíronse cara a Occidente e estableceron colonias en Sicilia, no S de Italia e chegaron ata as costas da Península Ibérica, onde entraron en contacto con Tartesos. Os primeiros contactos dos gregos coa Península Ibérica atribuíronse aos rodios durante o s VII a C, que, segundo a tradición, fundaron a cidade de Rhode (Roses). Os testemuños arqueolóxicos, xunto coa historiografía antiga, indican que cara ao 600 a C os focenses estenderon a súa colonización desde Massalia polo NL da costa mediterránea e fundaron a factoría de Empúries. Considéranse tamén fundacións gregas a poboación de Sagunt e os establecementos non identificados de Callipolis, Cípsela e Alonis. Malia as diversas lendas e mitos existentes sobre as orixes gregas de diversas cidades do NO da Península Ibérica, difundidas desde o helenismo e retomadas a partir do s XVI por diversos autores, as evidencias arqueolóxicas indican que non existen probas da fundación de ningunha cidade ou colonia grega en Galicia. Os restos localizados e as informacións dos autores clásicos permiten especular con posibles contactos comerciais directos por vía marítima entre o mundo grego e as comunidades que habitaban o NO. A través dos gregos penetraron, entre outras prácticas e innovacións, o emprego da moeda, do ferro e do torno de oleiro.
-
s
- s m [LING]
-
música grega
[MÚS]
Arte desenvolvida en Grecia e nos territorios que estiveron baixo a súa influencia cultural.
Arte grega antiga
As primeiras manifestacións artísticas gregas proceden da civilización heládica do Neolítico, entre outros, os xacementos de Sesklo e Dímini en Tesalia. Cara ao 2700 a C produciuse o paso á Idade de Bronce. Nas Illas Cícladas desenvolveuse unha cultura que se converteu na ponte entre o mundo asiático de Oriente Próximo e Creta, coa península grega. Desde o III milenio a C tivo lugar en Creta a cultura minoica, na que cabe salientar os palacios de Knossos e Faistos, e en Micenas a cultura micénica, da que destaca a porta dos Leóns e o tesouro de Atreo. Trala caída do mundo micénico, a recuperación cultural produciuse cara ao s XI a C co desenvolvemento do período protoxeométrico. Producíronse vasos cerámicos de dúas asas e popularizáronse a ánfora e o cráter. O período xeométrico, que comezou nos ss X ou IX a C, estendeuse durante a época escura. Caracterizouse polo carácter xeométrico das cerámicas localizadas nas necrópoles atenienses que evolucionaron ata a produción de escenas humanas estilizadas. Na arquitectura adoptouse o mégaron micénico. O período orientalizante produciuse polos contactos do mundo grego cos estados orientais e, segundo algúns autores, inclúese no período arcaico. Distinguiuse polas cerámicas corintia e ateniense, os bronces, as olas con asas en forma de cabeza de grifón, as figuras femininas de marfil, a escultura dedálica, entre outras a Dama de Auxerre; e pola creación de dous tipos escultóricos que se desenvolveron na etapa seguinte, a kórē ‘moza’ e o kuros ‘mozo’. A arte arcaica desenvolveuse entre o 620 e o 480 a C. Neste período definíronse as características propias da arte grega: os estilos dórico e xónico, as cerámicas con figuras negras e vermellas e as esculturas naturalistas estilizadas. Os elementos arquitectónicos formaron unha unidade orgánica seguindo un sistema de proporcións referido a un módulo que deu lugar á orde arquitectónica. Produciuse o tránsito aos grandes edificios de pedra das ordes dórica e xónica. Entre outros templos destacan o Artemision de Éfeso, de estilo xónico; o Heraion de Olimpia e o templo de Apolo en Corinto, de estilo dórico. Na escultura destacan os kuroi e as kórai, entre outros Cleobis e Bitón, o Moscóforo e o Cabaleiro Rampin, as esfinxes, os grandes bloques da avenida das Bránquidas en Dídimo, e os frontóns xónicos do tesouro dos Sifnios en Delfos. A pintura quedou reducida á cerámica de figuras negras, na que destacou Exekias. A finais deste período destacan o templo dórico de Afaia en Exina e as kórai da Acrópole de Atenas, o Zeus e o Posidón localizados no Mar Pireo e a decoración dos frontóns de Exina. No 530 a C comezou a producirse en Atenas a cerámica pintada de figuras vermellas. A arte clásica desenvolveuse entre o 480 e o 330 a C, cun primeiro período protoclásico ou severo ata o 450 a C. A arquitectura dórica continuou vixente na Magna Grecia. En Olimpia construíuse o templo de Zeus e na Acrópole de Atenas o Erecteion, o templo de Atenea Niké e o Partenón, no que se acollía a estatua criselefantina de Atenea Partenos. A orde dórica apareceu neste período, entre outros, no monumento a Lisícrates e no tholos de Epidauro. Ademais, leváronse a cabo grandes conxuntos urbanísticos. A escultura coñécese a través das copias romanas. Do período severo destaca o Efebo de Kritius, o Grupo dos Tiranicidas e o Auriga de Delfos. O Trono Ludovisi e os relevos do templo de Zeus en Olimpia anuncian o clasicismo do Discóbolo de Mirón, mestre do movemento, das obras de Fidias no Partenón e do Doríforo e do Diadumeno de Policleto, que estableceu un canon. No s IV a C, a escultura evolucionou cara á representación dos sentimentos e as reaccións humanas. Destacaron Praxíteles, autor de obras como a Afrodita de Knidos e o Apolo Sauróctonos; Escopas, que traballou na decoración do mausoleo de Halicarnaso; e Lisipo, autor do Apoxiomenos e precedente da escultura helenística. Na pintura mural destacou Apeles. O período helenístico estendeuse desde o 330 a C ata a conquista de Roma. Durante esta etapa as premisas establecidas na arte clásica foron levadas ata as súas últimas consecuencias, as formas complícanse ata o barroquismo e as proporcións chegan á desmesura. Xeneralizouse a orde corintia. A mostra da nova concepción arquitectónica e escultórica é o altar de Zeus en Pérgamo. Creáronse cidades novas de planta reticular, iniciada por Hipódamo de Mileto. Na escultura houbo unha tendencia realista e apareceron os retratos dos magnates. A atención do artista decantouse cara á representación de nenos e vellos, enfermos, estranxeiros e monstros. Destacan o Fauno Barberini, a Vic22toria de Samotracia, o Galo moribundo, Laoconte e os seus fillos, os relevos do altar de Zeus, o Neno da espiña e O touro Farnese. Decaeu a pintura de vasos e as ideas pitóricas conserváronse a través dos mosaicos. O estudo dos mosaicos de Praeneste e da pintura pompeiana proporcionan unha idea do que foi a pintura helenística, antecedente da romana. A finais do helenismo, a arte reflectiu a decadencia xeral do mundo grego. Ao se instalar o Imperio Latino de Constantinopla, a vida cultural grega recuperouse baixo a órbita cultural bizantina, ata o 1453. Durante a ocupación turca, a actividade artística foi nula.
Arte grega moderna
Despois de catro siglos de dominio turco, a liberación grega determinou a apertura ás correntes europeas e o inicio dunha nova etapa artística baixo a influencia do academicismo muniqués, patente na obra de Guizis, Litras, Iakovidis e Khalepàs. No comezo do s XX a fonte de inspiración foi a arte francesa. Pintores como Parthemis e Guikas recibiron a influencia do cubismo de Cézanne; Buzianis e Vitsionis, do expresionismo; Engonópulos, do surrealismo; e Papalukàs, Tsaroukhis e Diamandòpulos, de Matisse, ao tempo que toman elementos do estilo naif de Theòfilos e da arte bizantina. Os escultores Tombros, Apartis e Dimitriadis, e o gravador Galanis tamén se inspiraron na arte francesa. A Segunda Guerra Mundial e a Guerra Civil (1945-1949) obrigaron a moitos artistas a abandonar o país. A arte grega continuou na diáspora e recobrou nova vitalidade a partir da década de 1960. Influídos polas novas tendencias internacionais, destacan os pintores Kondòpulos, Spiròpulos, Danil, Kaniaris, Tsoklis, Pavlos, Kunelis, Samaràs, Perdikidis, Tsingos, Kokinidis e Maturàs; os escultores Zongolòpulos, Apergis, Takis, Kulendianos e Thòdoros; os gravadores Tassos, Katraki e Dimitri; e os arquitectos Pikionis, Kandilis, Doxiadis, Provelèngios e Faturos. -
relixión grega
[RELIX]
Arte cinematográfica realizada en Grecia. Os pais do cine grego son os realizadores Dimitrios Gaziadis e Orestes Laskos que, a partir de 1925, lles dan un pulo importante ás súas obras. Co tema da resistencia contra os alemáns deuse a coñecer un realizador novo, Iorgos Tzavelas, con Antígona (1961), que despois, xunto con Michalis Cacoyannis, autor de Alexis Zorba (1963) e Nikos Konduros, con Mikrés Afrodites (Pequenas Afroditas, 1963), foi o protagonista directo do apoxeo do cine grego da década de 1950. Con Poté tin Kyriakí (Nunca en domingo, 1960), dirixida por Jules Dassin, o cine deste país obtivo un éxito de resonancia internacional. O golpe de estado de 1967 freou a evolución da cinematografía grega. O restablecemento da democracia permitiu a aparición dunha nova xeración de cineastas como Nikos Koundouros, Tania Marketai e Kosta Ferris. Coa chegada ao poder dos socialistas en 1981, a actriz Melina Mercouri, ministra de Cultura, aboliu a censura e promoveu unha nova lei do cine (1986). Os realizadores máis coñecidos internacionalmente son Theo Angelopoulos (Taxidi sta Kythira, 1984; Mia aioniotita kai mia mera, 1998), Pantelis Vulgaris, Lefteris Xanthopoulos e Nikos Panayotopoulos (Beautiful People, 2001).
-
Doutrinas filosóficas que se desenvolveron dentro do ámbito cultural grego durante a Antigüidade e que constituíron o fundamento da posterior especulación filosófica en Occidente. Distínguense dentro da filosofía grega tres grandes períodos: a filosofía presocrática (ss VII-V a C), a clásica (ss V-IV a C) e a helenística (ss IV a C-III d C). Precedida pola especulación relixiosa, a filosofía naceu nas colonias xonias de Asia Menor a finais do s VII a C coa obra dos filósofos presocráticos. Os membros da escola xónica, fundada por Tales de Mileto (s VI a C), desenvolveron a idea dunha substancia primixenia e eterna que se transformaría en todas as formas materiais coñecidas. Para Tales esta substancia sería a auga, mentres que para Anaxímenes (585-524 a C) sería o aire. Heráclito (s VI a C) completou esta idea cunha concepción do mundo en constante cambio no que a maioría das substancias e obxectos serían o resultado da unión de principios opostos. Os seguidores de Pitágoras (550-500 a C) e a escola de Elea, en cambio, deron máis importancia á forma que á materia. Mentres Pitágoras incidiu na importancia da alma, os eleatas propugnaron a unidade de todo o que existe e a concepción continua do Universo. A finais deste período produciuse a combinación das ideas de ambas as dúas escolas nas persoas de Empédocles (492?-430 a C), quen aceptou a idea dunha realidade eterna, composta polas combinacións casuais de catro substancias primarias, o lume, o aire, a terra e a auga; e Demócrito (460?-370? a C), que defendeu que a materia estaba composta por diminutas partículas infinitamente pequenas, os átomos, que orixinaban as distintas propiedades de cada substancia. A filosofía clásica des-envolveuse a partir do s V a C en Atenas e caracterizouse pola aparición dos sofistas, do pensamento socrático e dos sistemas de Platón e Aristóteles. As contradicións da especulación anterior deron lugar á sofística, que daba importancia á percepción humana e na que destacou Protágoras (490-420 a C), quen dubidou da capacidade do home para acadar a verdade obxectiva a través da razón e defendeu o éxito material. Neste contexto apareceu Sócrates (470-399 a C), quen, ademais de desenvolver o método dialéctico, desvelou o interese pola reflexión sobre o home e os costumes. O seu discípulo, Platón (429-348 a C), estableceu a existencia da verdade dun mundo de esencias, non accesible aos sentidos e só ao entendemento; e o discípulo deste, Aristóteles (384-322 a C), investigou as leis do pensamento humano (lóxica), que limitou ao universal e abstracto e afirmou o carácter análogo do ser co que resolveu un dos equívocos da filosofía presocrática. Explicou o mundo físico coa teoría das catro causas, sostivo que todo individuo estaba composto de materia e forma (hilomorfismo) e explicou o cambio a través do concepto de potencia. Coa crise da civilización das polis, os filósofos centraron as súas investigacións na ciencia pura, con centros en Alexandría e Pérgamo, e nunha filosofía de resposta ás inquietudes da época. A filosofía helenística caracterizouse, entón, por volver ao concepto unitario do universo, en considerar o todo como o logos e a realidade. Desenvolvéronse varias escolas, entre as que destacaron o estoicismo, iniciado por Zenón de Citio (336-264 a C) e baseado no postulado “vivir de acordo coa natureza”; e o epicureísmo, fundado por Epicuro (341-270 a C), que eliminou as grandes inquietudes que impedían a felicidade humana e elaborou unha ética baseada nun hedonismo razoable. O dominio de Roma no Mediterráneo abriu o pensamento grego ás influencias relixiosas de Oriente. As filosofías tradicionais renováronse e desenvolveron unilateralmente o seu aspecto ético-relixioso (neopitagorismo, platonismo medio e estoicismo tardío) e deron lugar a novas correntes de pensamento que incorporaron categorías filosóficas helénicas a unha actitude fundamentalmente relixiosa (gnosticismo, hermetismo, cristianismo e maniqueísmo). A mediados do s III, Plotino (204?-270) realizou a síntese do platonismo e a nova relixiosidade nun sistema pechado e total, que exerceu unha grande influencia nos pensadores cristiáns.
-
Literatura en lingua grega producida dentro da área do territorio helénico. Comprende tres períodos claramente diferenciados: antigo, medieval ou bizantino e moderno.
Literatura antiga
A literatura grega antiga acostuma dividirse en tres épocas: arcaica, clásica e helenística.
Época arcaica
Este período abarca desde as primeiras manifestacións literarias (s VIII a C) ata a época de máximo florecemento das letras atenienses (s V a C). Hai que distinguir tres momentos: o primeiro, exclusivamente épico; o segundo, que marca a aparición da poesía lírica e que se divide en dous subperíodos separados polo momento de crise que sofre a poesía sobre o 530 a C e que deu orixe á prosa; e finalmente, pódese falar dun preclasicismo que prepara o gran momento da época de Pericles. En conxunto, toda a literatura arcaica caracterízase por un forte pesimismo. Homero e Hesíodo ocupan o primeiro período. Probablemente a poesía épica se nutrise, nun primeiro momento, dos pequenos poemas en honor dos heroes e dos grandes personaxes do pasado. A Ilíada e A Odisea refliten unha técnica oral e céntranse arredor dos feitos máis importantes dun ciclo troiano: o primeiro poema trata da ira de Aquiles contra Agamemnon, dentro do tema máis amplo da conquista de Troia, e o segundo fai referencia ao retorno de Ulises á patria, despois do saqueo da cidade. Hesíodo representa un espírito moi oposto, por razóns cronolóxicas e xeográficas; emprega o hexámetro, pero canta a xénese do mundo e os deuses (Teogonia) e predica contra a maldade dos homes que se opuñan ás leis de Zeus e á Xustiza (Traballos e días). Iniciou o subxectivismo e abriu o camiño do período da lírica arcaica. Arquíloco, o fundador da lírica arcaica, empregou a elexía para as súas reflexións. A poesía de Calinos e de Tirteo (Esparta s VII a C) ofreceu xa un aspecto diferente, este último exhortaba os seus concidadáns a morrer pola patria. Alcman, outro espartano, escribía unha poesía coral, composta por un grupo de rapaces que cantaban os partenis ou os himnos nas cerimonias relixiosas. Alceo (poesía política e cortesá) e Safo (poesía amorosa) representaron a lírica monódica (acompañada coa lira ou a cítara) e fixeron notables innovacións métricas. Foron autores de elexías Semonidas (autor dun poema misóxino), Mimnerm (representante do pesimismo arcaico, que constituíu o momento elexíaco máis álxido), Hipónax (realista) e Solón (elexía política). Contra o 530 a C apareceu a prosa, ao mesmo tempo que se produciu unha crise poética. A aparición da prosa xónica, que culminou con Herodoto, abriu camiños para a expresión da filosofía (Tales, Anaximandro), medicina (Hipócrates) e unha primitiva etnoloxía (Hecateo). No terceiro período a poesía recuperou impulso cun credo estético moi diferente: Estesicoro, un dos iniciadores, quixo unir a lírica coral coa temática épica, e Íbico, un discípulo seu, anunciou a técnica clásica. Anacreonte continuou a poesía de Alceo e de Safo, mentres que Simónides abriu novos horizontes á poesía arcaica, que con Píndaro acadou o momento culminante.
Época clásica
Comprende o s V a C, denominado de Pericles, e case todo o s IV a C. Nun principio pódense distinguir dúas características fundamentais que diferencian o s V a C dos anteriores: o centro está en Atenas, e apareceron xéneros literarios novos (traxedia, comedia). Así, Herodoto non era de Atenas, non obstante fixa o centro da súa obra na cidade e nas súas institucións. E a traxedia foi rigorosamente coetánea da democracia. A democracia ateniense aspiraba a perpetuar a ideoloxía das clases dominantes do período anterior sobre un corpo social non separado conflitivamente en clases; a traxedia, vinculada ás festas dun deus popular, Dióniso, foi mitográfica e acolleu os deuses e os mitos olímpicos, de signo máis aristocrático, nun intento de síntese conciliadora, que parece acadada no teatro de Esquilo, que é problemática no teatro de Sófocles e decididamente crítica no de Eurípides. Na Atenas clásica, aquel que desexaba formar parte da aristocracia -o mellor (ό δριστος)- accedía a está clase a través da educación, e non por nacemento, como reflectían os poemas de Píndaro. Este feito explica a profileración dos sofistas, que tiñan como arma principal a palabra. Refliten as tensións do momento a comedia, politizada, irónica, pacifista e evasiva de Aristófanes e a forza da reacción oligárquica que causa a morte de Sócrates, o cidadán que se opuxera máis aos sofistas. No segundo período, s IV a C, a filosofía (Platón), a oratoria (Isócrates) e a historiografía (Xenofonte) abandonaron os ideais políticos do s V e buscaron fóra de Atenas ideais máis autoritarios ou utópicos. A comedia aproxímase sen forza á vida diaria. Os sucesores dos sofistas (Isócrates, discípulo de Gorxias) foron mestres de retórica, que só falaron do pasado de Atenas e na súa escola aprenderon os historiadores que, como Teopompo e Éforo, se preocupaban menos da interpretación dos feitos que de aprender un xeito de contalos. Foi o século da prosa, pero maduraron algúns intentos poéticos (o de Antímaco) que deron futuro á poesía helenística.
Época helenística
Comezou o 323 a C, ano da morte de Alexandre. Neste período, o home de letras foi reclamado como un profesor ou como un arquivador do pasado, máis que como un escritor de imaxinación ou como un creador. Calímaco, bibliotecario en Alexandría, cultivou unha poesía cultísima. Menandro escribiu comedias, pero os personaxes non pasaban de ser caracteres cerrados e as intrigas seguían sempre o mesmo patrón. Epicuro acabou coa fe nos deuses tradicionais e coa escasa confianza que se podía ter na vida política. A poesía péchase nela mesma (Calímaco) e evoca formas de vida máis elementais (Crates, Teócrito); a miúdo faise pesada polas complicacións léxicas e enigmáticas (Lícofron); e tamén se agudiza, a través da graza breve, pero intensa, do epigrama, un xénero que se cultivou interrompidamente ata fins do helenismo (Asclepíades, Meleagre, Palladas). Apolonio de Rodas imitou a Homero nunha epopea novelesca e arqueolóxica que enaltece o heroe Xasón. Desta época quedan tamén carmina figurata. A historiografía busca o patetismo, articúlase ao redor dun personaxe principal (Alexandre) ou convértese nun tipo de xeografía pintoresca. Son poucas, sen embargo, as obras históricas que perviviron antes de Polibio, un historiador vinculado a Roma e á historia romana. Os homes de letras necesitaban un mecenas e a partir do s II a C os escritores buscáronos en Roma, onde o grego estaba de moda. Con todo, Grecia, mantivo unha cultura singular e foi capaz, desde mediados do s I, de crear a novela europea. Dentro do período helenístico hai que mencionar a versión grega dos textos bíblicos, chamada dos Setenta (III-II a C). Paralelamente, desenvolveuse unha literatura que era reflexo do pensamento cristián, con intención didáctica e apoloxética, que chegou a constituír un corpus literario propio, coñecido como literatura patrística.
Período medieval e moderno
Aínda que se ten proposto a data de 1453 como inicio da literatura neogrega, os estudiosos sosteñen que empezou nos ss X-XI, á marxe da literatura oficial bizantina, nunha lingua popular cos cantos akríticos. Ao seu lado, floreceu unha poesía máis culta que trata temas novelescos e épico-novelescos, costumistas e satíricos, históricos ou semihistóricos. A mediados do s XV, a poesía reflectiu cuns υρῆνοι (‘queixas’) a dor pola caída de Constantinopla e outras cidades en poder dos otomanos. Durante os séculos que seguiron, a cultura e a tradición refuxiáronse nas illas. A poesía popular testemuñou os sentimentos de resistencia contra o invasor, cun cancioneiro moi diverso e rico. Ata que a comezos do s XIX colleu forza o movemento de liberación do país, animado polos novos aires da Revolución Francesa e do romanticismo. Seguindo o exemplo de R. Fereos e doutros, nas illas xónicas, D. Solomós e A. Kalvos foron os cantores da revolución de 1821 e os apóstolos do renacemento literario. En Atenas, os fanariotas continuaron creando unha poesía culta escrita en καϑαρεύουσα, ata que K. Palamas, poeta, e I. Psikharis, prosista, fixaron definitivamente a δημοτική como unha lingua de expresión literaria. A nova escola de Atenas proseguiu, entre outros, con I. Drosinis, I. Polemis, A. Eftaliotis, M. Malakassis e A. Provelenguios. Como figura illada sobresaíu o alexandrino K. Kavafis; e a xeración chamada dos anos trinta, reaccionou contra as formas tradicionais: I. Seferis (Premio Nobel 1963), A. Embirikos, O. Elitis (Premio Nobel 1979), N. Engonópulos, N. Gatsos, I. Ritsos e N. Vrettakos. A prosa, de desenvolvemento máis lento, foi cultivada no período romántico por K. Ramfos e M. Roïdis, e posteriormente por I. Venezis, S. Mirivilis, A. Terzakis, I. Viziinos, A. Papadiamandis, A. Karkavitsas, G. Xenópulos e Nikos Kazandzakis. Despois da Segunda Guerra Mundial, a literatura neogrega ofreceu un panorama brillante, ademais dos xa mencionados, destacaron T. Livaditis, N. Kharutsos, P. Prevelakis, S. Tsirkas, D. Khatzís, A. Samarakis e V. Vassilikós. Se a década de 1970 estivo presidida pola sombra de Seferis, a caída da ditadura (1974) e a concesión do Premio Nobel de Literatura a O. Elitis marcaron, a partir de 1979, un cambio de orientación política e estética. Entre 1971 e 1980, ao lado dos escritores consagrados destacaron os que participaron no volume-manifesto Dezaoito textos (1971): T. Sinópulos, M. Anagnostakis, S. Tsirkas, R. Rufos, A. Kotziàs, N. Kàsdaglis, S. Plaskovitis, M. Kumandareas, T. Valtinó, D. M. Maronitis e A. Arguiríu. Á marxe, hai que mencionar poetas como N. Karuzos ou T. Patríkios e os Poetas de Tesalónica, que se agruparon ao redor da revista Diagónios, dirixida por D. Khristianópulos. Son dunha xeración máis nova (da contestación ou dos setenta) I. Kondos, L. Púlios, V. Steriadis, K. Mavrudís, D. Kalokiris, A. Ziras, A. Fostieris e T. Niarkhos. Na narrativa destacaron M. Kumandareas, G. Sarandi, M. Liberaki, P. Kaliotsos, K. Mitropulu, A. Alexandru, T. Gritsi--Milliex, M. Kranaki, A. Nikolaïdis e A. Zei. No teatro, a presenza de Karolos Kun foi decisiva para o lanzamento doutros autores. Na historia e a crítica literaria sobresaen I. P. Savvidis, M. Vitti, N. Anagnostaki, A. Arguiríu e o grupo da Universidade de Salónica. -
Na Antigüidade, o coñecemento musical limitouse ás obras teóricas gregas e ás descricións dos autores clásicos. Foi unha música esencialmente melódica baseada en dous tetracordos descendentes, coa escala dórica como modelo e con tres xéneros musicais baseados nas variacións melódicas: diatónico, cromático e enharmónico. Coa fin do mundo antigo, a música relixiosa, vinculada ao rito bizantino, foi a única cultivada durante moitos séculos. A consolidación da nacionalidade, na segunda metade do s XIX, determinou o cultivo da música culta e o inicio dun nacionalismo musical. Destacaron N. Manzaros, autor do himno nacional, P. Karrel e S. Samaras, e posteriormente A. Evangelatos, D. Dragatakis, A. Xenos e I. Xenakis. No campo da música popular sobresaíron Manos Khatzidakis e Mikis Theodorakis.
-
Relixión propia dos gregos antigos. Pódese identificar o primeiro estadio da relixión helénica en Creta, na civilización minoica. Esta relixión sucumbiu no momento en que entraron os pobos indoeuropeos e impuxeron a súa cultura. Pouco coñecida, a relixiosidade micénica cedeu ante a invasión de pobos dorios, portadores duns ideais que cristalizaron na formación dun mundo novo, o arcaico, entre os ss IX-VIII a C. Pódense localizar os trazos específicos desta etapa nas epopeas homéricas. Homero organizou o estado olímpico dos deuses baixo a soberanía de Zeus, como un señor que reina sobre vasalos máis ben rebeldes. A súa foi unha relixión purificada, aristocrática, que se opoñía á relixión popular de raíz agrícola. Foi, deste xeito, a base da corrente apolínea da relixión arcaica. A relixión de Dióniso, libre e orxiástica (dionisias), fomentou, pola contra, a unión mística, sobre todo dun xeito colectivo, entre o home e o deus. A relixión grega achegou tamén a idea de que o mundo non fora creado polos deuses, senón que estes interviñeran só na súa transformación. Hai que ter en conta que en Grecia non existía unha clase sacerdotal nin tampouco unha doutrina dogmática, polo que os filósofos e os poetas tiñan liberdade para elaborar as crenzas propias, e, así, xunto coa relixión da cidade existía unha relixión persoal. A relixiosidade grega tendía cara ao monoteísmo (como no caso de Esquilo, Píndaro, Eurípides e Platón). Con Alexandre o Grande iniciouse unha crise relixiosa que distanciou o sabio das formas de culto tradicionais e introduciu divindades orientais, ou desenvolveu as doutrinas monoteístas de ascendencia platónica, que, elaboradas por un filósofo tardío (Plotino), constituíron a esencia do mundo grego.