Groba Groba, Rogelio

Groba Groba, Rogelio

Compositor, músico e director. Do seu tío Eduardo Groba e de Secundino Vidal recibiu as primeiras leccións de solfexo e de frautín, aos trece anos foi solista deste instrumento na banda La Unión de Guláns e en 1947 director da mesma. Ampliou estudios en Vigo con Mónico García de la Parra e en Madrid no Real Conservatorio, onde foi discípulo de José Forns, Conrado del Campo e Daniel Bravo, e complementariamente asistiu a clases con Benito García de la Parra. En 1953 foi director da Banda Municipal da Estrada e, xunto con Xosé Docampo Vázquez, fundou a Masa Coral Estradense. En 1956 ingresou no Corpo de Directores de Bandas de Música Civís e en 1959 rematou os estudios no Real Conservatorio de Madrid e obtivo o título de profesor de composición. Dirixiu a Banda Municipal de Tui, a de Ponteareas e a de Pedro Muñoz (Ciudad Real), e o Coro Rosalía de Castro do Centro Gallego de Madrid. En 1962 trasladouse a Suíza e gañou por oposición o cargo de director da Société de Musique de Perroy e o do Corps de Musique de Yverdon. Regresou en 1967 a Galicia e dirixiu a Banda Municipal da Coruña, cidade en que se asentou e na que dirixiu o Conservatorio Profesional de Música y Declamación, as corais Follas Novas e El Eco, e fundou en 1971 a Orquestra da Coruña, presentada oficialmente ao ano seguinte. Da súa produción instrumental para orquestra sobresae Cruñesas (1973), Ignis coronat opus (Premio Internacional Dante Luini da Radio Suisse Romande, 1973), Concerto gulansés (1979), para frauta e orquestra, Coexistencias (1979), para piano e orquestra, Danzas gulansesas (1996), para orquestra de corda, e as sinfonías Lúdica (1983), Bucólica (1985), Christmas Simphony (1989) e Máxica (1990). Para banda compuxo, entre outras pezas, De romaxe á Franqueira (1958), Yverdon 1963 (1964) e Guláns (1964); para coro e orquestra Cantigas de mar (1981) e Gran Cantata Xacobea (1992); para coro mixto Seis cancións galegas (1968), Galicia esperta! (1976), Galicia Cantada (1983), Vintecatro alalás (1984), a misa galega Corpus Christi (1991); para voz e piano, Cantigas do Miño (1958) e Galicia anterga (1987). Das obras pianísticas salientan Soatiña (1974), Galecia (1980), Tipoloxías (1982), Sete xoguetes (1987) e Meditacións en branco e negro (1987); e no eido operístico Divinas palabras (1987), María Pita, a forza da liberdade (1991), Camiños de Rosalía (1994), Floralba (1999) e Pedro Madruga, o noso Rei (2002). Membro correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, recibiu o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural (1990), a Medalla Castelao (1995) e o Premio de Artes Escénicas y Música (2001).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Guláns, Ponteareas