Groenlandia

Groenlandia
Nome científico: [din: Grønland; inuit: Kalaallit Nunaat]

Illa da rexión polar ártica (2.175.600 km2; 55.986 h [estim 2001]). A capital é Nuuk, tamén chamada Godthåb (14.042 h [2001]). Depende administrativamente de Dinamarca.
Xeografía
Ó O está separada dos territorios árticos americanos polo estreito de Baffin e limita ao L e ao N co mar de Groenlandia e o Atlántico Norte, respectivamente. Ten forma alongada e esténdese no sentido da latitude, do cabo Morris Jesup, ao N, ao cabo Farvel, ao S. Desde o punto de vista estrutural, forma parte estrita do escudo laurentiano. Unha depresión tectónica divide a illa en dous altiplanos principais, un ao S e outro ao N, cubertos desde o Cuaternario por unha masa de xeo, que se estende aproximadamente polo 85% do territorio, formando un vasto inlandsis. As zonas costeiras libres de xeo presentan os accidentes típicos da erosión glacial con fiordes. O territorio acada altitudes superiores aos 3.000 m; a máxima altitude é o Gunnbjørn Fjeld (3.700 m). Unha parte da illa está ao N do Círculo Polar Ártico e o clima é moi rigoroso; a temperatura aumenta lixeiramente cara ao S e en certos sectores da costa occidental, baixo a influencia dunha corrente mariña cálida. Case non hai vexetación; nos lugares sen cubrir polo inlandsis hai especies características da tundra. A poboación é sobre todo de orixe esquimó. As linguas oficiais son o groenlandés, falado polo 85% da poboación, e o dinamarqués. Outras poboacións son Sisimiut (5.371 h [2000]), Ilulissat (4.663 h [2000]) e Maniitsoq (3.725 h [2000]). A caza, a pesca, o gando ovino e bovino e os renos son a base da economía. Hai xacementos importantes de criolita e atopouse carbón, grafito, chumbo e cinc.
Historia
Os primeiros poboadores, denominados paleo-esquimós, chegaron ao extremo N de Groenlandia cara ao 2500 a C e estendéronse por todo o territorio libre de xeo. Presentaban unha marcada homoxeneidade cultural coas poboacións de Alasca. Ao redor do 1000 a C produciuse a chegada dun novo grupo de poboación desde Canadá, que se estendeu polas costas groenlandesas. A poboación esquimó experimentou un desenvolvemento autónomo, que se distinguiu pola súa adaptación, a captura de focas e a caza de renos, así como pola súa abundante produción artística. Descuberta polo islandés Eric o Vermello (892), que a denominou Terra Verde (Grønland), foi colonizada no seu extermo SO. Constituíuse un estado dirixido polos grandes propietarios cunha sociedade baseada na agricultura e na caza, que dependía economicamente dos seus contactos con Europa. Neste período establecéronse contactos coa poboación esquimó. A Igrexa Católica nomeou o seu primeiro bispo para Groenlandia en 1124 e en 1261 integrouse no Reino de Noruega. Durante os séculos seguintes as condicións de vida da sociedade groenlandesa empeoraron pola súa reducida importancia económica, a sobreexplotación dos escasos recursos e por un cambio climático significativo. A unión entre Dinamarca, Noruega e Suecia (1397), vinculou a Groenlandia con Dinamarca. A sociedade groenlandesa extinguiuse no s XV. Durante os ss XVI e XVII, o interese dos europeos pola explotación dos bancos de pesca entre Islandia e Terranova e a caza de baleas ao redor das illas Spitzbergen reactivaron a navegación nestas augas, feito que levou ao redescubrimento de Groenlandia. En 1721 o misioneiro danés Hans Egede fundou unha nova colonia na costa O. Durante o s XVIII establecéronse diversas sucursais comerciais, que se someteron á organización da Compañía Real Groenlandesa desde 1774. Polo Tratado de Kiel (1814) Dinamarca conservou Groenlandia. Durante o s XIX introducíronse órganos de xestión local en que participaban diversos funcionarios e un coñecido cazador de focas de cada un dos distritos do país. No s XIX comezaron as expedicións científicas e creouse unha comisión para a exploración da xeografía e da xeoloxía de Groenlandia (1878). Desde comezos do s XX produciuse un espertar cultural que reforzou o sentimento de identidade dos groenlandeses, ao tempo que apareceron novas institucións, como os consellos rexionais, mentres que a Dirección Xeral de Groenlandia se desligaba da Compañía Real Groenlandesa. En 1917 EE UU recoñeceu a soberanía danesa sobre a rexión de Tule, no N de Groenlandia, pero Noruega ocupou partes do L de Groenlandia en 1931. O Tribunal Internacional da Haia confirmou a soberanía danesa sobre o conxunto do territorio groenlandés en 1933. Trala invasión alemá durante a Segunda Guerra Mundial, EE UU comprometeuse a defender a soberanía danesa sobre estes territorios a cambio do permiso de instalar neles bases científicas e de defensa (1941). Desde o plebiscito de 1953 converteuse nun condado de Dinamarca. Malia que votou contra a entrada na CEE (1972), pasou a formar parte dela como un condado de Dinamarca. A reforma municipal de 1975 outorgoulles aos consellos a competencia sobre os asuntos locais e permitiulles dispoñer dos ingresos tributarios. O declive do sector pesqueiro, provocou unha crise e obrigou á sociedade groenlandesa á busca de novas fontes de financiamento mediante o aumento na prospección de minerais e petróleo. A mobilización política de Groenlandia levou á creación de tres partidos políticos: o Siumut, de principios socialdemócratas, o Atassut, que insistía na continuidade da cooperación con Dinamarca, e o Inuit Ataqatigiit, que prentendía reducir a dependencia de Dinamarca. A illa acadou a autonomía en 1979, o Siumut foi o partido maioritario no Landsting ou Parlamento groenlandés, e o seu líder Jonathan Mozfeldt converteuse no primeiro ministro. Como consecuencia dos problemas pesqueiros coa CEE, Groenlandia decidiu abandonala despois dun referendo (1982). A autonomía groenlandesa baséase economicamente sobre a transferencia dunha subvención de Dinamarca, administrada polo goberno de Groenlandia, xunto cos ingresos tributarios. En 1990 foi elixido primeiro ministro Lars Emil Johansen e sucedeuno no cargo Jonathan Motzfeldt en 1999.