Groningen

Groningen

Capital da provincia de Groningen, Países Baixos (171.193 h [1999]). Situada no extremo do Hondsrug, no punto de transición do terreo areoso de Drenthe ao arxiloso da provincia de Groningen. Centro comercial da provincia, está unida con outras poboacións provinciais por unha rede de canles e ríos que fan a cidade accesible a barcos de gran calado e que a unen ao sistema de vías navegables dos Países Baixos. Ten industrias de construción naval, industria eléctrica, química, téxtil, mecánica, de elaboración de tabaco e refinerías de azucre. A cidade, coa rexión homónima, formou parte de Frisia ata que pasou ao Sacro Imperio Romano Xermánico (962). Anexionada por Carlos V (1536), a rexión opúxose á monarquía hispánica (1581) e integrouse nas Provincias Unidas en 1594. Dependente de Francia (1795-1814), foi ocupada polos alemáns (1940-1945). Do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, o convento de Heilingen Geest (s XIII), a Gereformeerde Zuiderkerk, a sinagoga deseñada por T. Kuipers (1905-1906) e a estación do ferrocarril (1893-1896).