grupo

grupo

(< ital gruppo)

    1. s m

      Certo número de persoas, animais ou cousas que forman un conxunto por ter semellanzas ou características en común ou por estar no mesmo lugar.

      Ex: Toca nun grupo de jazz. Había un grupo de nenos xogando. Derrubaron un grupo de casas vellas.

    2. s m [ARTE]

      Conxunto de figuras, retratos, pinturas ou outra manifestación artística, que forman unha unidade nunha obra.

    3. grupo escultórico [ARTE]

      Escultura integrada por un conxunto de figuras.

    4. grupo flexible [EDUC]

      Agrupación periódica de alumnos, que mesmo poden provir de aulas diferentes dunha mesma escola, que amosa un nivel, un ritmo, unha preocupación ou unhas dificultades de aprendizaxe similares. Polo xeral, os grupos flexibles responden á intención de individualizar o proceso de ensino-aprendizaxe.

  1. [MAT]
    1. s m

      Estrutura alxébrica que se constitúe por un conxunto G onde se define unha operación, que se designa por *, que para calquera elemento a, b, c de G ten as seguintes propiedades: propiedade asociativa, ou sexa (a*b) *c = a* (b*c); G contén un elemento neutro e, ou sexa a*e = a; e para calquer elemento a existe outro en G, que se representa por a’, que é o seu inverso. Se ademais se cumpre a propiedade commutativa, o grupo chámase commutativo ou abeliano. Denomínase orde dun grupo o número de elementos que contén (máis exactamente, é o cardinal do conxunto dos seus elementos). Durante moitos anos os matemáticos usaron conceptos da teoría de grupos antes de que o concepto abstracto fose publicado por A. Cayley no ano 1854, con escasa resonancia, e por C. Jordan, quen comezou a darse conta da riqueza da teoría. Como iniciadores cómpre destacar a E. Galois, M.S. Lie e Felix Klein. Ademais de constituír unha das bases da álxebra moderna (teoría de grupos), os grupos aparecen en todas as ramas da matemática (grupos de transformacións en xeometría, grupos topolóxicos dentro do campo da análise, etc), e tamén noutras ciencias, especialmente na física. Hai que destacar a influencia que o estudo da xénese do concepto de grupos, feito por J. Piaget, tivo na evolución da ensinanza.

    2. grupo de tipo finito

      Grupo formado por un número finito de elementos.

    3. grupo finito

      Grupo que ten un número finito de elementos.

    4. grupo formado por unha das súas partes

      Grupo que coincide co subgrupo formado por unha das súas partes.

    5. grupo simétrico dun conxunto

      Dado un conxunto C, grupo S(C) os elementos do que son as permutacións dos elementos de C e a operación interna do que é a composición de aplicacións. Se C= {1,...,n}, o correspondente grupo simétrico é o que se denomina grupo simétrico de n elementos, e nótase por S n .

  2. [FÍS]
    1. grupo especial de simetría

      Cada un dos grupos de operacións de simetría que resultan de combinar a operación de translación cos grupos puntuais de simetría.

    2. grupo puntual de simetría

      Clase cristalina que forma parte dun sistema cristalino.

  3. s m [FÍS]

    Conxunto de dúas máquinas (xeralmente un motor e un xerador), que se axustan mecanicamente. Pódese destinar a converter a corrente eléctrica (grupo convertidor), pero a miúdo o motor non é eléctrico e o grupo emprégase para producir enerxía eléctrica a partir doutra forma de enerxía; neste caso denomínase grupo xerador ou electróxeno, que pode ser un grupo térmico, hidráulico ou turboxerador. Os grupos tamén se empregan para a excitación de máquinas eléctricas (grupo de excitación).

  4. [LING]
    1. grupo consonántico

      Reunión de dúas ou máis consoantes sucesivas con ou sen unidade silábica.

    2. grupo de intensidade/tónico

      Elemento ou conxunto de elementos lingüísticos dotado de sentido e supeditado a unha sílaba tónica preponderante que regula o resto dos acentos secundarios, de acordo, ou non, coas sílabas tónicas dos outros elementos.

    3. grupo fónico/fonético

      Elemento ou conxunto de elementos lingüísticos dotado de sentido e limitado por dúas pausas.

    4. grupo polifonemático

      Conxunto de formas susceptibles de funcionar independentemente.

    5. grupo vocálico

      Reunión de dúas ou máis vocais sucesivas con ou sen unidade silábica.

  5. s m [BÉL]
    1. Unidade táctica que na artillería se forma por diferentes baterías baixo o mando dun tenente coronel ou comandante, que equivale a un batallón de infantería.

    2. Unidade integrada na cabalería por diversos escuadróns.

  6. [SOCIOL/POLÍT]
    1. s m

      Unidade social composta por uns membros que se consideran vinculados entre eles a un esquema de conduta semellante ou pola realización dunha acción concreta. Esta unidade social ten formas establecidas de interacción psicolóxica.

    2. grupo de presión

      Grupo de persoas con intereses afíns de tipo económico, político, ideolóxico ou relixioso, que en beneficio propio inflúen nunha organización, esfera ou actividade social.

    3. grupo parlamentario

      Grupo formado polos representantes dunha mesma tendencia política e que para constituírse deben acadar un número establecido de membros.

  7. grupo de cola [AERON]

    Conxunto das empenaxes dunha aeronave.

  8. grupo de empresas [ECON]

    Unidade formada por unha sociedade mercantil denominada matriz e unha ou varias sociedades denominadas filiais, ligadas entre si por lazos económicos e financeiros, principalmente a través de participacións de capital.

  9. grupo espectral [FÍS]

    Conxunto constituído por un número determinado de clases espectrais que se asocian polo que representan.

  10. grupo funcional [QUÍM]

    Átomo ou grupos de átomos que se atopan formando parte das moléculas orgánicas, que lles confiren un conxunto de propiedades particulares que as caracterizan. Os grupos funcionais teñen funcións características e é onde se atopa a reactividade da molécula (poden oxidarse, reducirse ou transformarse). Unha mesma molécula pode conter máis dun e estes poden ser iguais ou diferentes. O concepto de grupo funcional é fundamental na sistemática orgánica e ten un gran papel na nomenclatura.

  11. grupo propulsor [TECNOL]

    Conxunto de mecanismos que fan mover un vehículo, especialmente unha aeronave.

  12. grupo prostético [BIOQ]

    Compoñente non proteico dunha proteína conxugada, con funcionalidade diversa, da que se pode separar mediante tratamentos químicos.

  13. grupo sanguíneo [FISIOL]

    Conxunto de sistemas ou de factores sanguíneos, independentes uns dos outros. Baséanse na presenza ou ausencia nos eritrocitos e no soro de diferentes características (bioquímicas e immunolóxicas), persoais e hereditarias, que, en conxunto, confiren aos individuos unha personalidade hematolóxica determinada. Existen diversos sistemas, como o sistema ABO, o sistema Rh, os sistemas Mp, P, Lutheran, Kell, Lewis, Kidd, etc. Tamén cabe incluír dentro dos grupos sanguíneos os grupos séricos, dos que os máis importante son as haptoglobinas, os grupos Gm, InV, Gc, Ag e Lp, os grupos colinesterase e as prealbúminas. O estudo dos grupos sanguíneos permiten múltiples aplicacións, unhas fan referencia á transfusión sanguínea e aos problemas inmunitarios que se poden derivar, e aos problemas tamén inmunolóxicos das embarazadas no caso de que os membros da parella posúan grupos incompatibles. Outros refírense á diagnose sobre a paternidade ou a maternidade. Tamén ten interese o estudo dos grupos sanguíneos para a identificación persoal, para estudios etnolóxicos, criminalísticos ou doutros tipos.