Grupo Correo-Prensa Española
Empresa multimedia líder en España en prensa de información xeral, cunha difusión media de máis de 800.000 exemplares diarios e unha audiencia que supera os 3.000.000 de lectores. Obtivo en 2001 unha facturación agregada de máis de 600 millóns de euros e posúe un activo de 808,5 millóns de euros. É a primeira empresa en prensa escrita e suplementos semanais, e cunha significativa presenza noutros ámbitos da comunicación: televisión, radio, medios dixitais, novas tecnoloxías, distribución e produtoras de cine e televisión. A orixe do Grupo Correo está na fundación de El Pueblo Vasco en 1910, que logo se fusionou co periódico El Correo. Posteriormente, sumáronse El Diario Vasco (1948), El Diario Montañés (1984), La Verdad (1988), Hoy (1988), Ideal (1988), Sur (1990), La Rioja (1993), El Norte de Castilla (1994), El Comercio (1995) e La Voz de Avilés (1999). A eles, súmase a empresa TESA, que integra as revistas El Semanal, El Semanal TV e MH Mujer de Hoy, ademais da axencia de noticias Colpisa. Por outra banda, participa cun 25% no accionariado de Telecinco. No eido internacional, constituíu, xunto con La Nación e o Grupo Clarín, a sociedade CIMECO, coa que adquiriron La Voz del Interior e Diario de los Andes. En 2001 produciuse a fusión con Prensa Española, propietaria, entre outros, de ABC.