Grupo Imaxe
Agrupación cinematográfica creada na Coruña en 1973. Os seus fundadores foron Carlos A. López Piñeiro, Félix Casado e Luis Gayol, aos que se incorporaron máis tarde Xavier Villaverde, Carlos Amil, Marcial Lens, Manuel Abad, Suso Vázquez Montero, Antonio Barandela, Xavier Iglesias, Maruchi Olmo, Juan Cuesta, Carmen Jove, María Vilanova, Manuel Prieto, Argimiro García e Xosé A. Vilanova. Cada un dos seus compoñentes asumiu unha faceta técnica, polo que o Grupo Imaxe realizaba os traballos en equipo, coa vontade de aprender cine a través da experiencia. Autodefiníanse como “Cooperativa de Produción Distribución i Ensino dos Medios Audiovisuais”. Os seus primeiros traballos foron Un pequeno incidente (1973) e Serán (1974) aos que seguiron Arredor (1974) e A fala do muíño mudo (1974). Nese momento a chegada ao grupo de Víctor Ruppén provocou o salto do mesmo aos formatos semiprofesionais coa realización de Illa (1975), dirixida como as anteriores por Carlos L. Piñeiro. Posteriormente volveron ao Super 8 con cintas como A semente (1977), A rebelión das pulgas (1978) e Aos meus queridos pais que me estarán escoitando (1979) de Xavier Villaverde; Un intre na vida de Manuel (1978), de Xosé Manuel Villanueva; Duelo (1979), de Juan Cuesta; Circos (1979), de Xavier Villaverde; e A cidade que se nos vai e Érase unha vez unha fábrica, ambas as dúas de 1979 e dirixidas por Carlos L. Piñeiro en 16 mm. O grupo disolveuse debido ao fracaso da súa primeira longametraxe, o filme en 16 mm dirixido por Carlos L. Piñeiro, Malapata (1980). Moitos dos seus compoñentes seguiron no mundo audiovisual.