Guadalajara
Capital do estado de Jalisco, México (1.646.319 h [2000]). Está situada no centro-oeste do país, no val de Atemajac, a 1.589 m de altitude. Constitúe o núcleo comercial das tres principais rexións económicas do país: a depresión Chapala, gran produtora de cereais; a Sierra Madre Occidental, importante polos xacementos mineiros, e a costa do Pacífico. Entre 1940 e 1950 a poboación aumentou máis do 65%. Nacida como un núcleo colonial, o río San Juan de Dios divide en dúas partes a cidade, que constitúe o mercado principal do O da República. Ten industrias téxtiles, de alimentación, cerámicas, de pezas do automóbil, etc. Fundada inicialmente por Cristóbal de Oñate en 1529 co nome de Espíritu Santo, foi trasladada ao seu lugar actual en 1542 e convertida na capital do Reino de Nueva Galicia. Trala independencia, pasou a ser a capital do estado de Jalisco. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral (1571-1618), as igrexas barrocas de San Francisco e Santa Teresa, o teatro Degollado e o palacio municipal.