Guadalupe

Guadalupe

Illa das Pequenas Antillas, que constitúe un departamento francés de ultramar xunto coas pequenas illas veciñas (1.703 km2; 426.000 h [estim 2000]). A capital é Basse-Terre (12.410 h [1999]). A illa está dividida en dúas partes por un brazo de mar (Rivière Salée): a Basse-Terre, de formación volcánica, e a Grande-Terre, de terreos calcarios. Ten cultivos de cana de azucre, plátanos e industrias azucreiras e de destilación de ron. Descuberta por Colón (1493), foi ocupada polos franceses (1635) e explotada especialmente pola Compañía das Indias Occidentais, que implantou unha economía azucreira, do café e algodoeira, baseada na escravitude. En 1946 converteuse nun departamento de ultramar da República Francesa.