Guerra Civil

Guerra Civil

Loitas entre César e Pompeio que se sucederon entre o 50 e o 45 a C. Comezaron despois de que César atravesara o Rubicón, límite entre a provincia da Galia Cisalpina, sometida ao seu goberno consular, e Italia. Apoderouse da Península Itálica en pouco máis de dous meses, mentres Pompeio marchou cara ao L para reunir as súas tropas. Para evitar o desabastecemento de trigo da Península Itálica, César ocupou Sardeña e Sicilia, e máis tarde dirixiuse á Hispania Citerior para atacar os pompeianos concentrados en Ilerda. Despois de someter a Varrón, que se sublevara na Hispania Ulterior, dirixiuse a Grecia, e en xuño do 48 a C derrotou a Pompeio en Farsalia, que fuxiu a Exipto, onde morreu asasinado. Os enfrontamentos cos pompeianos prolongáronse en África e Hispania, pero César derrotounos en Tapso (46 a C) e Munda (45 a C), onde morreu o fillo maior de Pompeio. O propio César describiu estes episodios en De bello civile (A guerra civil).