guerra

guerra

(< xerm *werra ‘discordia,pelexa’)

    1. s f [HIST/BÉL]

      Loita armada entre dous ou máis países ou estados, ou entre grupos ou bandos dunha mesma nación. Inicialmente empregábanse armas que tiñan como única función incrementar a forza física dos combatentes, pero o seu escaso alcance e a pouca mobilidade destas tropas limitaban as súas tácticas e estratexias. Nos exércitos asirio e persa predominaban os corpos de cabalería, aínda que os gregos constituíron unha infantería pesada organizada nunha formación, a falanxe, que lles permitiu enfrontrarse á cabalería asiática e que serviu de modelo á lexión romana. Trala caída do Imperio Romano, os grandes exércitos desapareceron do Occidente europeo, mentres que os únicos elementos militares permanentes na sociedade feudal europea foron as mesnadas, compostas por cabaleiros que servían a un señor en virtude de vínculos de vasalaxe; provistos dun pesado armamento ofensivo e defensivo, pero con escasa mobilidade. Na Baixa Idade Media os monarcas comezaron a recrutar peóns especializados (almogávares cataláns, infantería suíza) e a guerra comezou a regularse xuridicamante polos concilios dos ss XI e XII, que instauraron a tregua de Deus e prohibiron loitar certos días da semana e certas épocas do ano e sinalaron lugares de asilo. A partir do s XIV a aparición das armas de fogo provocou unha revolución na guerra. Ao principio empregábanse só para derrubar fortificacións, pero a súa evolución permitiu empregar a artillería para apoiar as tropas no campo de batalla, desprazándoas e concentrándoas en función das esixencias. Dende o s XVI as armas de fogo convertéronse no principal armamento dos soldados. As monarquías absolutas, que xurdiron na Idade Contemporánea, organizaron grandes exércitos baseados na infantería mercenaria e na artillería. No s XVIII os prusianos introduciron o emprego da cabalería lixeira e os mercenarios foron substituídos por recrutas designados por sorteo. Coa Revolución Industrial produciuse o incremento e perfeccionamento na produción de armamento e, a finais do s XIX, o poder económico converteuse no criterio decisivo do éxito na guerra. A aparición dos carros de combate acoirazados e o emprego combinado de artillería e ametralladoras nas posicións defensivas, xunto co emprego de avións e dirixibles con fins bélicos, provocou un cambio na guerra durante a Primeira Guerra Mundial. O proceso de motorización dos exércitos xeneralizouse durante a Segunda Guerra Mundial, mentres que se perfeccionaron novas tácticas, nas que se combinaban a aviación coa infantería ou coa mariña. Despois da Segunda Guerra Mundial a nova orde política mundial, xunto coa aparición do avión a reacción, os mísiles e as armas nucleares, incrementaron a importancia da guerra aérea. Ata o s XIX a Igrexa foi a única que ditou leis e consellos sobre a guerra, pero cando o progreso do armamento fixo as guerras máis mortíferas (guerra bacteriolóxica, química, nuclear), codificáronse unha serie de principios internacionais para regulala, nas convencións de Xenebra e da Haia. As primeiras mostras de actividades bélicas en Galicia aparecen vinculadas á existencia dunha aristocracia guerreira na cultura castrexa, que emprendía expedicións na procura de botíns. As posteriores guerras de conquista dos romanos apoiáronse na súa superioridade táctica, numérica e técnica. Tralas invasións dos suevos e visigodos, que se impuxeron sobre o decadente Imperio Romano, establecéronse monarquías inestables nas que se producían frecuentes guerras civís. A descomposición do reino visigodo rematou coa conquista musulmana, feito que tivo unha incidencia limitada en Galicia pola súa posición periférica. Durante a Idade Media, co desenvolvemento do feudalismo, a nobreza galega converteuse no grupo social que monopolizou a actividade militar. Participaron nas guerras de reconquista contra os musulmáns e durante a Baixa Idade Media os enfrontamentos entre os nobres convertéronse en guerras nobiliarias. No s XV producíronse as Guerras Irmandiñas, nas que os burgueses se uniron aos fidalgos e aos campesiños para enfrontarse coa nobreza; derrubaron as fortalezas dos señores e fixéronse co control de Galicia entre 1467 e 1469. Dende o s XVI Galicia viuse involucrada nas guerras da coroa, polo que tivo que enfrontarse cos ataques piratas ás costas galegas durante os ss XVI e XVII, e participou na Guerra da Independencia de Portugal. Trala invasión francesa, o goberno de Galicia foi asumido por unha Xunta (1808) que dirixiu e coordinou a loita popular e as partidas de guerrilleiros ata a liberación no 1809. Durante o s XIX as guerras carlistas tiveron unha especial incidencia en Galicia onde se organizaron numerosas partidas guerrilleiras. A Guerra Civil (1936-1939) resolveuse axiña no territorio da actual Comunidade Autónoma debido ao apoio das gornicións militares, especialmente a de Ferrol, que se sumaron masivamente á sublevación militar e eliminaron calquera tipo de resistencia popular.

    2. estado de guerra [DER]

      Situación de excepción decretada polo goberno dun Estado, que transmite á autoridade militar os poderes relativos ao mantemento da orde pública e substitúe a xurisdicción ordinaria pola xurisdición militar. A Constitución de 1978 non prevé esta situación de excepción.

    3. guerra bacteriolóxica/biolóxica [BÉL]

      Guerra na que se empregan contra o inimigo microorganismos como bacterias, virus, fungos e outros, aos que se engaden os axentes do ántrax e do botulismo, dispersados co fin de provocar os correspondentes efectos nocivos ou mortais sobre as persoas, gando e plantacións.

    4. guerra civil [POLÍT]

      Guerra entre os cidadáns dun mesmo país ou dun mesmo Estado.

    5. guerra espacial/das estrelas [BÉL]

      Guerra que se desenvolve no espazo exterior á Terra. A concepción do espazo como ámbito bélico tivo os seus inicios nos primeiros satélites militares lanzados por EE UU e a URSS a partir de 1957. Durante a década de 1970 os avances tecnolóxicos permitiron que os satélites artificiais se convertesen en parte integrante dos modernos sistemas de armamento nuclear. A comezos da década de 1980 desenvolvéronse sistemas antisatélites e  EE UU chegou a promulgar unha Strategic Defense Initiative (Iniciativa de defensa estratégica) en 1983; sen embargo, despois da desintegración da URSS, a guerra espacial quedou nun segundo plano.

    6. guerra nuclear/atómica [BÉL]

      Guerra na que se empregan armas nucleares.

    7. guerra privada [HIST]

      Loita armada, mantida durante a Idade Media, entre señores territoriais, soberanos, cidades ou vilas e que non afectaba á totalidade dun Estado. Desde o s XI recóllense nas coleccións de dereito feudal unha serie de ordenanzas destinadas a regular o exercicio deste tipo de guerras. Desde finais do s XIII dexeneraron na bandidaxe.

    8. guerra química [BÉL]

      Guerra na que se empregan contra o inimigo diversas substancias químicas polos seus efectos tóxicos sobre os seres vivos. Esta denominación adoptouse despois do ataque con cloro gasoso que fixeron as tropas alemanas na fronte de Ieper (Bélxica) o 22 de abril de 1915. As substancias máis empregadas foron o fósxeno e o ácido cianhídrico. Durante o s XX empregáronse tamén as arsinas pulverizadas (1917), a iperita (1918), os trilóns (1937) e os produtos V. Os distintos gases empregados na guerra química poden dividirse en tres grupos: irritantes, que producen unha excitación dos nervios sensitivos e poden ser lacrimóxenos, esternutarorios e cutáneos ou urticantes; incapacitantes, que actúan sobre os centros nerviosos, e que se clasifican en físicos e psíquicos; e letais, que se clasifican en sufocantes, vesicantes e tóxicos.

    9. guerra relampo [BÉL]

      Estratexia de guerra (en alemán Blitzkrieg) baseada nun avance rápido e sorpresivo de unidades terrestres (Wehrmacht), principalmente acoirazadas, combinadas co apoio da aviación (Luftwaffe), atacando puntos estratéxicos do inimigo (militares, industriais e de comunicacións) máis alá da fronte principal de batalla. Concibida polo xeneral Fritz Erich von Manstein, baseándose nas estratexias tradicionais prusianas de rápidas ofensivas, e ensaiada sen éxito na Primeira Guerra Mundial no Plan Schlieffen para invadir Bélxica e Francia, foi empregada por primeira vez de xeito efectivo polo exército alemán para invadir Polonia en setembro de 1939.

    10. guerra santa / [HIST/RELIX]

      Guerra que se produce por motivos relixiosos. Entre outras a ǧīhād islámica e as cruzadas cristiás.

  1. s f

    Calquera tipo de loita que se establece entre persoas, animais ou cousas. Na tradición oral recóllese o seguinte dito: “Na guerra do amor o que foxe é o vencedor”.

    Ex: Os rapaces do barrio declaráronse en guerra polo campo de fútbol.

  2. guerra de prezos [ECON]

    Competición entre empresas dun mesmo sector para baixar os prezos, que serve de estratexia para gañar unha maior cota de mercado.

  3. industrias de guerra [IND/BÉL]

    Conxunto de industrias destinadas á produción de armamento.

Refráns

  • A boa guerra fai a boa paz.
  • A guerra e a cea, comezándoa, logo se atea.
  • Ataque quen queira, que o que é forte espera.
  • Ben fala da guerra o que non foi a ela/non vai a ela.
  • Ben lle parece a guerra ao que está looxe dela.
  • Cando se afia o aceiro gárdase a pluma e o tinteiro.
  • Cen anos de guerra e nin un de preitos.
  • Cen anos de guerra e non un día de batalla.
  • Fala da guerra e líbrate dela.
  • Fala da guerra e, se podes, non vaias a ela.
  • Ir á guerra e casar, non se debe aconsellar.
  • Moitos hai na guerra e non todos están na pelexa.
  • Non é o mesmo falar da guerra, que verse neIa.
  • Non se debe aconsellar ir á guerra nin casar.
  • O mellor da guerra é non estar nela.
  • O prudente todo o ten que mirar, antes de armas tomar.
  • Quen non sabe o que é a guerra, que vaia a eIa.