Guevara de la Serna, Ernesto
Revolucionario arxentino. Coñecido como Che Guevara, doutorouse en Medicina en Bos Aires (1953). En Guatemala apoiou o goberno do presidente Jacobo Arbenz, e en 1956 estableceuse en México, onde contactou con Fidel Castro e cos revolucionarios cubanos, cos que participou na operación Granma, que iniciou a loita guerrilleira contra as forzas de F. Batista. Tralo triunfo da Revolución Cubana (1959), asumiu a carteira de Industria (1961-1965) e marcou o posterior signo da economía do país. Realizou tamén o labor de embaixador visitando a URSS e China, entre outros países, e interveu nas conferencias de Punta del Este (1961) e Alxer (1963), nas que fixo un chamamento á solidariedade dos pobos do Terceiro Mundo para combater as forzas imperialistas. Incorporado á guerrilla boliviana, foi capturado e executado. En 1997 descubríronse os seus restos na fosa común de Vallegrande, que foron trasladados ao mausoleo da Plaza Ernesto Che Guevara na cidade cubana de Santa Clara. Escribiu Guerra de guerrillas (1960) e Socialismo y el hombre en Cuba (1968).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Rosario -
Deceso
Lugar : La Higuera, Bolivia