Guillerme Tell
Guillerme Tell
Heroe lendario da independencia helvética, orixinario do cantón de Uri. Crese que en 1307 xurou liberar a patria da dominación austríaca, polo que se negou a renderlle homenaxe ao gobernador austríaco Gessler. Por este motivo foi sometido á proba de lle ter que atinar cunha frecha, lanzada cunha bésta, a unha mazá colocada sobre a cabeza do seu fillo. Superada a proba, vingou a afronta dándolle morte ao gobernador. Os suízos considérano o forxador da súa nacionalidade. A lenda deste personaxe constituíu a base argumental da obra Wilhelm Tell (1804) de F. Von Schiller e do libreto da ópera Guillaume Tell de G. Rossini (1829).