Guiné-Bissau
De relevo pouco vigoroso, o país divídese nunha ampla chaira litoral recurtada polos esteiros dos ríos Geba e Corubal, e rodeada de illas, un altiplano interior e baixos altiplanos no extremo SL. O clima é tropical, cálido e húmido. A hidrografía caracterízase polos esteiros e as mareas, que penetran ata a 100 km da costa e permiten a navegación ata Bafatá e Binta. A vexetación é principalmente de sabana con áreas selváticas de bosque galería á beira dos ríos e con mangleiros na costa. A agricultura é a actividade económica predominante en todo o país e ocupaba o 77,8% da poboación activa en 1992. No litoral predominan os cultivos de arroz en chairas inundables, de feixóns, hortalizas, plataneiros, palmeiras de aceite, cocos e cana de azucre. Posúe gandería bovina, cabrúa e porcina e no interior a gandería é máis importante ca os cultivos, que son de secaño (millo, cacahuetes, sorgo, mandioca e pataca doce). A explotación forestal é relativamente importante (madeira e caucho), e a pesca é moi importante, sobre todo de crustáceos. Carece de minas en explotación, aínda que ten abundantes recursos, fundamentalmente bauxita, fosfatos e titanio. A industria de transformación está representada pola produción de aceite de palma, xabóns de aceite de cacahuete, a elaboración do arroz e do coco, e o traballo da madeira. O comercio interior benefíciase dos esteiros, que permiten a navegación. A principal vía navegable é o Geba, co porto de Bissau, que dispón tamén do único aeroporto. As comunicacións terrestres son moi deficientes. Así, carece de ferrocarril e a rede de estradas é moi cativa, con só 4.400 km. Exporta madeira, cacahuetes, peixe, marisco e cocos. As importacións céntranse en equipamento industrial, material de transporte, alimentos, bebidas, maquinaria, bens de consumo non comestibles e petróleo. A poboación repártese desigualmente polo territorio. A costa, fortemente poboada, agrupa o 60% da poboación e está ocupada por un mosaico de pequenos grupos étnicos (diulas e papeis), dedicados ao cultivo do arroz. Nela están as principais cidades, Bissau, a capital e principal porto do país, e Bolama. A rexión interior é o dominio dos grupos sudaneses (mandingos e fulbes). As poboacións son rurais, articuladas por tres pequenos centros rectores: Farim, Nova Lamego e Bafatá. A lingua oficial é o portugués, do que se fala un crioulo, e as linguas nacionais, moi extensas, son o ful,o mandinga e o balanta. Non hai unha relixión oficial. O 39,5% da poboación é animista, o 45,8% é musulmá e o 4,7% é cristiá.
Sociedade e goberno
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 2000 situaba a Guiné-Bissau entre os países cun desenvolvemento humano baixo (no posto 156º, cun índice do 0,339). Este indicador desgregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 48 anos para os homes e de 51 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 38,5% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 37%; e o PNB real por habitante é de 755 $ EE UU
Goberno e política
Colonia portuguesa, proclamou a súa independencia o 24 de setembro de 1973 e segundo a constitución de maio de 1984, modificada en 1991, o poder executivo reside no presidente da república, elixido por sufraxio popular para un período de cinco anos. O presidente designa, ademais, o primeiro ministro e o consello de ministros. O poder lexislativo reside na Assembleia Nacional Popular, formada por 102 membros elixidos para un período de cinco anos nunhas eleccións multipartidistas. O sistema xudicial baséase no dereito portugués, pero está influído polas tradicións locais. Non está en vigor a pena de morte. Os principais partidos políticos son o Partido para a Renovação Social (PRS), de ideoloxía progresista e liderado por Kumba Yalá, o Partido Africano da Independência de Guiné e Cabo Verde (PAIGC), marxista e dirixido por Malam Bacai Sanhá, Resistência da Guiné-Bissau-Movimento Bafatá (RGB), liderado por Helder Jorge Vaz Gomes Lopes e União Nacional para a Democracia e o Progresso (UNDP), con Abubacar Baldé como secretario xeral. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, OUA, ECOWAS, Organización da Conferencia Islámica (OCI) e é membro asociado da UE.
Historia
Os navegantes portugueses chegaron á rexión en 1446 e Álvaro Fernandes estableceu contactos coas etnias da rexión. A ocupación inicial da costa realizouse mediante a concesión de monopolios en cada unha das rexións a distintas compañías, que estableceron factorías comerciais. Inicialmente, as factorías portuguesas pagaban tributos aos xefes locais e dedicábanse ao intercambio de alcohol e produtos manufacturados téxtiles por copra, ouro, marfil e aceite de palma. Os portugueses substituíron os árabes no comercio de escravos, que foron destinados ás plantacións de azucre das illas de Cabo Verde ou enviados a América. En 1615 foi nomeado o primeiro gobernador do porto de Cacheu, posteriormente xurdiu o presidio de Farim (1641) e a finais do s XVII constituíuse a capitanía de Bissau. Durante o s XVIII os inmigrantes portugueses e mestizos caboverdianos de ascendencia portuguesa instaláronse na rexión e comezaron a explotación de grandes extensións de terra dedicadas ao cultivo de cacahuetes, café, cana de azucre e algodón. A partir de 1836 converteuse nun distrito gobernado desde Cabo Verde. A debilidade e o fraccionamento dos poderosos estados escravistas foi aproveitada polos portugueses, que apoiaron unha rebelión dos fulani e fixéronse co control da rexión cara a 1870, mentres os fulani constituían unha multitude de pequenos estados enfrontados. Os portugueses apoiaron unha sublevación de escravos entre os fulani (1870-1880) e, a cambio, conseguiron o seu apoio para impoñerse sobre outros grupos indíxenas.
A colonia
Portugal declarouna provincia súa en 1879, pero a súa presenza na rexión era moi limitada e a poboación africana, malia a súa división, comezou a rexeitar o control portugués, que impuxo traballos forzados á poboación para compensar as perdas económicas provocadas pola supresión do tráfico de escravos. As forzas portuguesas emprenderon unha serie de campañas militares de pacificación que fracasaron pola abundancia de armas de fogo entre os africanos (1880-1890). Unha nova sublevación dos africanos (1908) obrigou á poboación portuguesa a refuxiarse na fortaleza de Bissau. Finalmente, o goberno republicano portugués conseguiu impoñerse coa axuda dos fulani e cun envío masivo de tropas. A ditadura salazarista centralizou o control administrativo da colonia e mentres os portugueses dirixían a administración, os mestizos caboverdianos ocupaban a maior parte dos postos funcionariais e designaban como xefes os membros do pobo fulani. Desde a administración instituíuse, ademais, un sistema de traballo forzado na extracción de aceite de palma, nas plantacións de arroz e de cacahuetes. Despois da Segunda Guerra Mundial apareceron entre os núcleos de estudiantes de Cabo Verde as primeiras ideas independentistas. En 1956 fundouse o PAIGC, dirixido por Amilcar Cabral, que emprendeu, en 1962, unha longa guerra de guerrillas contra os portugueses. Estableceu as súas bases nas rexións pantanosas do S e nos bosques do N, e recibiu a axuda dos países socialistas e da poboación, farta dos abusos do goberno colonial, polo que cara a 1968 xa se fixeran co control de case dous tercios do país. En 1973 os portugueses só conservaban baixo o seu poder as principais cidades e en setembro dese ano os independentistas proclamaron a independencia da República de Guiné-Bissau.
A Guiné Independente
O primeiro presidente foi Luis Cabral, do PAIGC, que emprendeu unha política marcada polo pragmatismo e a ideoloxía comunista. En 1980, un golpe de estado dirixido polo primeiro ministro João Bernardo Vieira depuxo o presidente Luis Cabral. Aprobouse unha nova constitución en 1984 que lle outorgou grandes poderes a Vieira, e asumiu os cargos de presidente do consello de estado, xefe do goberno e secretario xeral do PAIGC. En 1985 produciuse un intento de golpe de estado que, malia o seu fracaso, desestabilizou o réxime de Vieira. A oposición tomou forma no exilio, no Movimento Bafatá de Resistencia de Guiné-Bissau, que tiña como obxectivo principal o restablecemento do pluralismo democrático. Nas eleccións rexionais de xuño de 1989 triunfou o PAIGC, e as súas tendencias durante os anos 1990-1991 decantáronse pola democratización e a liberalización da economía. En 1991 aprobouse unha emenda da constitución que permitiu a legalización dos partidos políticos. En xullo de 1994 celebráronse as primeiras eleccións lexislativas multipartidistas, nas que venceu o PAIGC por maioría absoluta. Unha sublevación do exército contra o goberno de Vieira, en xuño de 1998, levou a unha guerra civil (1998-1999) que provocou o desprazamento de grandes grupos de poboación e a destrución da maior parte das infraestruturas do país. O presidente foi derrocado por unha xunta militar en maio de 1999 e despois da vitoria nas eleccións presidenciais e lexislativas, o líder da oposición, Kumba Ialá, fundador do PRS, chegou ao poder en febreiro de 2000 e dirixiu un goberno interino. O presidente Kumba Ialá mantivo un enfrontamento con Mané, autoproclamado xefe do exército, ata que a finais de 2000 foi abatido polas forzas leais ao presidente. O país recuperou unha certa tranquilidade política e social coa condonación de parte da súa débeda externa en decembro de 2000, e a partir de xaneiro de 2001 comezou a chegar axuda internacional, especialmente de China e da ONU.