Guinea

Guinea

Rexión litoral de África, comprendida entre o cabo Verde e cabo López, que rodea o golfo de Guinea (2.300.000 km2; cuns 146.000.000 h [1991]). De O a L distínguense diversas unidades de relevo. A Guinea media, con altiplanos arxilosos que culminan no monte Loura (1.537 m) ao NL, a Guinea forestal (Serra Leona, Liberia, Costa de Marfil), de relevos de chairas e altiplanos graduados dominados por altos relevos que culminan co Fon (1.656 m) e o Nimba (1.752 m), e un terceiro sector, unha rexión de chairas e baixos altiplanos onde os únicos relevos importantes están en Ghana e Costa de Marfil. O último sector é Nixeria central e oriental, onde sobre o zócolo antigo se alzan grandes relevos volcánicos e graníticos. O clima é subecuatorial, caracterizado pola calor e a humidade constante. A rexión ten abundantes cursos fluviais, de réxime moi regular todo o ano. Os únicos grandes ríos son o Senegal, o Volta e o Níxer. A vexetación é de sabana na parte setentrional, aproximadamente ata Monrovia, e sobre todo de selva pluvial, entre Monrovia e Accra. A poboación está constituída por grupos de negros sudaneses, bantús e mestizos, e os brancos son unha minoría. A actividade principal é a agricultura de subsistencia (millo, arroz, sorgo, mandioca) e as plantacións de cacao, algodón, palmeiras de aceite, plátanos, café, caucho e cacahuetes. Son abundantes os recursos mineiros, con   bauxita, diamantes, ouro, ferro, manganeso, cobre e petróleo. Está integrada polos estados de Senegal, Gambia, Guiné-Bissau, Guinea, Serra Leona, Liberia, Costa de Marfil, Ghana, Togo, Benin e Nixeria. No s XII o Imperio de Mali incorporouse a Guinea, onde existían unha serie de estados de carácter urbano e agrícola, entre os que destacaba o Reino de Benin. Estes estados evolucionaron cara a unha sociedade urbana e mercantil, que se estendeu polo S da sabana sudánica. As costas guineanas, coñecidas polos europeos desde 1350, foron frecuentadas polos portugueses desde o s XV e máis tarde foron seguidos polos franceses, holandeses, ingleses e brandenburgueses, que se introduciron no comercio de escravos e ouro. A comezos do s XVII a crise dos reinos sudaneses desviou o tráfico de escravos cara á costa atlántica e a finais deste século os franceses, ingleses e holandeses iniciaron o tráfico de escravos a grande escala e revolucionaron a estrutura política do interior. Desde 1893 o territorio da beira esquerda do río Níxer ata Tombouctou foi sometido a protección francesa malia a oposición dos grupos mandingos.