Guinea

Guinea
Nome científico: [Nome oficia fr: République de Guinée]

Estado de África occidental, limitado por Guiné-Bissau ao NO, por Senegal e Mali ao N, por Costa de Marfil ao L, por Liberia e Serra Leona ao S, e polo Océano Atlántico ao O (245.857 km2; 7.497.000 h [estim 2001]). A capital é ↪ Conakry.
Xeografía
A chaira litoral é baixa e areosa, coas costas recurtadas polos esteiros dos ríos que proceden do Fouta Djalon. O clima caracterízase pola existencia dunha estación seca e unha húmida, cunha temperatura media elevada (26° C). A costa está cuberta de mangleiros. Cara ao interior elévanse gradualmente unha serie de socalcos que culminan no Fouta Djalon, con temperaturas máis baixas (22,5° C) e unha vexetación é de bosque denso e seco e con sabanas nas vertentes. As rexións do L forman un altiplano que constitúe a conca superior do Níxer. As chuvias son abundantes, as temperaturas de 26° C e están cubertas de sabanas. Ao SL o relevo elévase e culmina no macizo de Nimba (1.760 m). Chove de 10 a 11 meses ao ano e está cuberto polo bosque ecuatorial. A principal actividade é a agricultura (un 71% da poboación activa dedicábase a ela), destinada principalmente ao consumo local (arroz, mandioca, pataca doce, millo, iñame, sorgo, mazás, hortalizas e legumes). Os cacahuetes, o café, os plátanos, a noz de palma, os cítricos e a piña dedícanse á exportación. Os recursos forestais comezaron a ser explotados a comezos da década de 1990. Os recursos mineiros son abundantes, especialmente a bauxita (segundo produtor mundial en 1992). O ferro é tamén abundante e os xacementos de diamantes son considerables. Outras industrias son a elaboración de té, tabaco, cacahuetes, algodón, cana de azucre, noces de palma, quina, carne e madeira. As comunicacións están pouco desenvolvidas. O comercio exterior presenta un gran superávit e é pouco variado. A bauxita e a alúmina deixan un pequeno remanente exportador ás oleaxinosas (cacahuetes), legumes e froitas (plátanos, sobre todo), que é absorbido pola Unión Europea e EE UU, que tamén son os seus provedores principais. Importa, sobre todo, petróleo e derivados, equipamento industrial, alimentos e equipamento agrícola. A economía guineana estivo rexida por plans de desenvolvemento de inspiración soviética (1960-1963, 1964-1971, 1973-1978 e 1981-1985), que se orientaron a partir de 1984 en sentido occidental, volvendo a mans privadas a maioría das empresas.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A costa está ocupada polos baga, os nalu e os landoma, dedicados ao cultivo do arroz, e os susu. O Fouta Djalon está ocupado polos fulbes, pastores que constitúen o grupo étnico dominante (40% da poboación). O L, de poboación máis dispersa, está ocupado polos kissi, dedicados ao cultivo do arroz e do café. Non existe unha relixión oficial e a maioría é musulmá (85%) ou cristiá (26%). A lingua oficial é o francés, pero fálanse moitas linguas pertencentes ao phylum níxer-congo (entre elas, o susu, o maninka, o yalunka, o toma, o dan, o mano, o jahanka, o kpelle, o baga, ou o fuuta jalon, que o fala o 40% da poboación).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 2000 situaba a Guinea entre os países cun desenvolvemento humano baixo (no posto 150º, cun índice do 0,397. Este indicador desgregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 46 anos para os homes e de 47 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 41% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 28%; e o PNB real por habitante é de 1.982 $ EE UU
Goberno e política
Colonia francesa, acadou a súa independencia o 2 de outubro de 1958. Segundo a Constitución do 23 de decembro de 1991 o poder executivo reside no presidente da República e xefe do estado, elixido por sufraxio popular para un período de cinco anos. O primeiro ministro desígnao o presidente. O poder lexislativo correspóndelle á Assemblée Nationale Populaire, formada por 114 deputados elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos. O máximo órgano do poder xudicial é a Cour d’Appel (Tribunal de Apelacións). A pena de morte permanece en vigor. Os principais partidos políticos son o Parti de l’Unité et du Progrès (PUP), autoritario e liderado por Lansana Conté; a Union pour le Progrès et le Renouveau, en que se integraron o Parti du Renouveau et le Progrès (PRP) e a Union pour la Nouvelle République (UNR); Rassemblement du Peuple Guinéen (RPG), centrista e dirixido por Alpha Condé; a Union pour le Progrès et le Renoveau (UPR) e o Parti du Peuple de Guinée (PPG). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, OUA, ECOWAS, Organización da Conferencia Islámica (OCI) e é membro asociado da UE.
Historia

A época precolonial
Poboada orixinalmente por grupos de pigmeos, a rexión interior de Guinea integrouse no s X no Imperio de Ghana. A partir do s XIII, a rexión estivo dominada polo Imperio de Mali e estableceu vínculos co Mediterráneo polas rutas comerciais que atravesaban o deserto. Os primeiros europeos en chegar ás súas costas foron os portugueses a finais do s XV, mentres a rexión do L estivo sometida á influencia do Imperio Songhai ata finais do s XVI. A paulatina chegada de grupos fulbe desde o Sahel a partir do s XIII acabou consolidando a súa presenza na rexión de Fouta Djalon e, cara a 1725, estableceuse un estado musulmán teocrático. A finais do s XVIII a loita polo poder entre as principais familias rematou cun acordo para a alternancia no poder de dous monarcas, un de cada unha das familas. Os primeiros comerciantes franceses acudiron á rexión no s XVII pero non foi ata 1865 cando unha compañía francesa conseguiu a exclusiva no comercio da rexión. Cara a 1870 un comerciante de escravos do pobo diula, Samory Touré, constituíu un imperio no alto Níxer que chegou ás terras altas do interior de Guinea. Converteuse ao Islam en 1880 e incrementou as súas conquistas, que adquiriron o carácter dunha guerra santa, apoiado por un poderoso exército equipado con fusís.
A conquista francesa
Os franceses comezaron as exploracións do territorio no s XIX e en 1840 o almirante Bouet-Willaumez asinou os primeiros tratados cos xefes locais. En 1880, Olivier de Sanderval estableceu as bases da colonización e ao ano seguinte Bayol asinou un tratado de amizade, comercio e protección co soberano de Fouta-Djalon. A Conferencia de Berlín (1884-1885) recoñeceu os dereitos de Francia na rexión e desde 1890 Guinea converteuse nunha colonia autónoma, coa capital en Conakry. Incrementouse coa adquisición de territorios na ribeira dereita do Níxer. Os franceses, que se impuxeron con facilidade na rexión costeira aproveitándose das diferencias entre os poderes locais, tiveron que enfrontarse no interior coas tropas de Samory Touré, que non foron vencidas ata 1892. Trala súa derrota continuaron os enfrontamentos ata 1912.
O réxime colonial francés
En 1911 definíronse co Reino Unido os límites da colonia con Serra Leona. A administración colonial instrumentalizou o feudalismo fulbe e impúxolle á poboación custosas prestacións persoais e fiscais. Trala Primeira Guerra Mundial, produciuse unha expansión do Islam, apoiada desde a administración francesa. Nas eleccións de 1945-1946 venceron os francófilos e pouco despois os habitantes de Guinea acadaron a cidadanía francesa e o dereito ao sufraxio universal (1957). Entre 1947 e 1954 desenvolveuse a extracción de bauxita grazas aos investimentos de capital anglosaxón, o que apoiou o seu crecemento económico. En 1952, o dirixente sindicalista Sékou Touré converteuse en secretario xeral do Parti Démocratique Guinéen (PDG) e acadou a vitoria nas eleccións de 1956-1957. Inmediatamente, emprendeuse unha africanización da administración, mentres que as xefaturas tradicionais foron substituídas pola xerarquía do PDG.
A independencia e o goberno de Sékou Touré
En 1958 Guinea rexeitou a constitución proposta por Francia e acadou a independencia (2.10.1958) baixo a presidencia de Sékou Touré. O PDG transformouse en partido único (1958) e, fronte ao boicot de Francia, conseguiu a axuda de países socialistas como a URSS, Checoslovaquia e China (1961). En 1965 produciuse unha ruptura co goberno francés e, trala súa confirmación como presidente en 1968, Sékou Touré radicalizou o réxime e substituíu o francés polas linguas autóctonas, ao tempo que prohibiu o comercio co estranxeiro. En 1970 produciuse un intento de derrocar o réxime, que provocou unha forte represión no país e motivou o seu illamento internacional. Os movementos de oposición populares (1977) e as dificultades económicas obrigaron ao goberno de Sékou Touré a permitir a creación de empresas privadas, ao tempo que abandonou boa parte da súa política revolucionaria inicial (1979). Sékou Touré ocupou a presidencia do Estado ata a súa morte en marzo de 1984.
Os gobernos de Lansana Conté
En abril de 1984 produciuse un golpe militar que situou á fronte do Estado ao coronel Lansana Conté. Formou o Comité Militaire de Redressement National (CMRN) e entre as súas medidas inmediatas destacaron a supresión da constitución, a organización de masas, a disolución da Assemblée Nationale Populaire e a ilegalización do PDG. Ademais, adoptou un sistema económico liberal, apoiou o sector privado e eliminou as empresas vinculadas co Estado. A elevada débeda externa obrigouno a depreciar a moeda, o syla, un 100%, ao tempo que emprendeu unha redución masiva do gasto público. Despois dun fracasado golpe de estado en 1985, emprendeu un programa de recuperación económica en que acometeu a privatización de empresas comerciais, industriais e agropecuarias. Desde 1986 aplicou un plan de axuste estrutural establecido polo FMI para conseguir a axuda internacional. Para reducir o gasto público efectuouse unha destitución masiva de empregados estatais en 1987, feito que provocou un incremento nas tensións sociais. En 1989 sucedéronse as manifestacións e os disturbios protagonizados polos estudiantes. En decembro de 1990 entrou en vigor unha nova constitución, aprobada por referendo, que regulaba a transición cara á democracia. En xaneiro de 1991 disolveuse o CMNR, que foi substituído por un Comité Transitoire de Redressement National (CTRN) integrado por civís e militares, e presidido por Conté. O CTRN autorizou o multipartidismo (1992), mentres se produciu unha liberalización progresiva da vida política. Despois dun cambio ministerial (1992), a maioría dos militares abandonaron o goberno nunha situación de descontento social. Nas eleccións presidenciais de decembro de 1993, foi confirmado no seu cargo o presidente L. Conté por unha pequena marxe. A oposición rexeitou os resultados e sucedéronse os enfrontamentos entre a policía e os membros da oposición. Os bos resultados económicos que acadou o país levaron á anulación da metade da súa débeda externa mentres que se conseguía o refinanciamento da outra metade. Nas eleccións á Assemblée Nationale Populaire que se celebraron en xuño de 1995, o PUP de L. Conté acadou unha nova maioría nunhas eleccións marcadas polas irregularidades e denunciadas pola oposición. Despois dun intento militar en 1996, L. Conté nomeou xefe de goberno a Sidia Touré. Nas eleccións presidenciais de decembro de 1998, Conté foi reelixido entre as críticas dos observadores internacionais e da oposición, mentres os votos volveron repartirse segundo criterios étnicos. O goberno de Guinea incrementou as medidas represivas sobre calquera forma de oposición e encarcerou a Alpha Condé, líder do RPG. Os conflitos civís e militares que afectaron a Liberia, Serra Leona e Guiné-Bissau provocaron a chegada de decenas de miles de refuxiados destes países á rexión do SO de Guinea. En setembro de 2000 producíronse violentos combates no S do país entre o exército regular guineano, apoiado por grupos contrarios ao presidente de Liberia Charles Taylor, co grupo armado de oposición guineano Rassemblement des Forces Democratiques de Guinée (RFDG), aliados do presidente liberiano. As eleccións lexislativas previstas para novembro de 2000 foron aprazadas sen data. Os intentos de mediación entre ambos países fracasaron e L. Conté boicoteou unha reunión extraordinaria para chegar a un acordo en abril de 2001.