Guizhou

Guizhou

Sheng de China, na rexión do SO (176.300 km2; 35.250.000 h [2000]). A capital é Guiyang. Situada ao S do Iang-Tsé, é unha rexión moi montañosa constituída por un altiplano cárstico que decrece de O a L. O clima é moi húmido, sobre todo no inverno, pola influencia do monzón do Pacífico. Entre os habitantes non chineses destacan os miao. A principal actividade é a agricultura, con produción de millo, liño, arroz e pataca doce. Dedícanse tamén á gandería bovina e á explotación forestal. Ten recursos mineiros de carbón, ferro, mercurio, fosfatos e reservas hidroeléctricas.