Guyenne
Rexión de Occitania que comprende os países articulados sobre o val do Garonne e que limita ao N co Limousin, ao S con Gascoña e ao SL con Languedoc. O nome, deformación popular do de Aquitania, designaba Bordeos e a súa rexión, as Landes, Perigord, Limosín e Quercy. Territorio dos condes de Poitiers, transformouse en ducado sometido a eles en 1070. Polo matrimonio de Leonor de Aquitania con Enrique Plantagenet pasou a formar parte dos territorios que a coroa inglesa posuía en Francia. Durante a Guerra dos Cen Anos converteuse nun centro comercial exportador de viños integrado na economía inglesa. Carlos VII de Francia concedeulle o territorio como feudo ao seu fillo Luis (1453), pero a permanencia dos ingleses na rexión impediulle tomar posesión. En 1474 quedou definitivamente integrada na Coroa francesa. Posteriormente, engadíronselle o Agenais e o Roergue e formaron a provincia francesa de Guyenne.