hábitat

hábitat

(

  1. s m [ECOL]

    Área que reúne as características físicas e biolóxicas necesarias para a supervivencia e reprodución dunha especie.

  2. [XEOG]
    1. s m

      Modo de distribución territorial da poboación humana nos seus asentamentos. O hábitat resulta da adaptación das sociedades ao seu medio, como produto das súas relacións con el, principalmente os modos de produción. Do hábitat derivan as características distintivas dunha poboación, segundo dous puntos de vista diferentes: o da área natural e o da área cultural. O primeiro termo aplícase a áreas de clima, tipos de solo ou vexetación uniformes e a áreas que presentan unhas combinacións destes factores. O concepto de área de cultura, baseado no feito de que a cultura se localiza en espacios determinados, enténdese como unha sucesión de zonas de distribución que xiran ao redor dun núcleo, que é o centro de dispersión desde onde se difunden os trazos culturais. No proceso de mundialización ou globalización, experimentouse unha expansión do hábitat occidental a todo o mundo, favorecida pola capacidade de difusión da información.

    2. hábitat concentrado

      Forma de ocupación do espazo por parte dunha poboación humana na que os núcleos de poboación ou as vivendas se concentran ao redor dalgún punto estratéxico (encrucillada de camiños, manancial, santuario ou instalación portuaria).

    3. hábitat disperso

      Forma de ocupación do espazo por parte dunha poboación humana na que os núcleos de poboación ou as vivendas se espallan polo territorio. O asentamento da poboación no espazo está en relación co modo de produción da sociedade que o ocupa, ademais de con outros condicionantes culturais ou mesmo lexislativos, polo que o hábitat disperso sería, en determinados medios e culturas, unha estratexia para optimizar a explotación dos recursos naturais de acordo cunha estrutura social xerarquizada dun xeito concreto.

Palabras veciñas

habitante | Habitantes do Lago, Os | habitar | hábitat | hábito | habituación | habitual