Habsburgo, Casa de ou Casa de Austria

Habsburgo, Casa de ou Casa de Austria

Dinastía de orixe xermánica orixinaria do Alto Rin que ocupou o trono austríaco (1279-1918), o do Sacro Imperio Romano-Xermánico (1273-1291, 1298-1308 e 1438-1806) e o hispánico (1516-1700).
Orixe da dinastía
Fundada por Werner (s X), bispo de Estrasburgo e construtor do castelo de Habsburgo (Suíza) que dá nome á liñaxe, o primeiro conde foi Werner I de Habsburgo (s XI), quen substituíu a forma Altenburgo pola de Habsburgo. O seu tataraneto, Rodolfo I de Habsburgo o Antigo (?-1232), adquiriu os territorios suízos de Laufenburg, Schwyz, Uri, Unterwalden e Lucerna, que trala súa morte se dividiron entre os seus fillos: Alberte IV de Habsburgo o Sabio (?-1240?) recibiu, ademais do primitivo castelo dos Habsburgo, as terras de Argovia, Zúric, Sundgau e Brisgovia e o dominio sobre os conventos de Muri, Seckingen, Bremgartem, Maienberg e Brugg, e fundou a rama albertina dos Habsburgo; e Rodolfo II de Habsburgo o Taciturno (?-1249), señor de Suabia, obtivo as terras de Schwyt, Sarnen, Stanz, Buochs, Sempach, Willisau, Meggenhorn, Ramefluth, Lauffenburg e Leinberg e fundou a rama dos Habsburgo-Lauffenburg extinguida en 1415. Na rama albertina destacaron Rodolfo III de Habsburgo (1218-1291), fillo de Rodolfo II, quen foi elixido emperador do Sacro Imperio Romano-Xermánico en 1273 (Rodolfo I) e aumentou o patrimonio familiar co Ducado de Austria (1279), posesión dos Habsburgo de forma ininterrompida ata 1918; os emperadores Alberte I (1250-1308) e Alberte II (1397-1439), que foi rei de Hungría e de Bohemia (1437-1439); e Ladislau VI de Hungría (1440-1457), último representante da liña albertina. En 1438 a rama da familia descendente de Leopoldo III de Austria (?-1386), accedeu ao trono imperial por medio da elección de Federico III (1415-1493), iniciándose así o control dos Habsburgo sobre o trono imperial.
Os Habsburgo xermánicos
Desde que Rodolfo III de Habsburgo (1218-1291) se converteu no primeiro emperador Habsburgo do Sacro Imperio Romano-Xermánico (1273) e declarou Austria feudo hereditario da súa familia (1279), os Habsburgo iniciaron o ascenso político que os levou a converterse nunha das liñaxes máis destacadas de Europa. O período de máximo esplendor da Casa de Austria produciuse durante os reinados de Maximiliano I de Austria e o seu neto Carlos V. Maximiliano I (1493-1519), fillo e herdeiro do Emperador Federico III, reorganizou todas as posesións dos Habsburgo, excepto as suízas, e preparou a anexión de novos territorios aos dominios familiares mediante unha brillante política matrimonial. Casado con María V de Borgoña, anexionou os territorios de Flandres e Borgoña e, tralo casamento do seu fillo Filipe I o Fermoso (1478-1506) con Xoana a Tola, asegurou para os Habsburgo o trono hispánico. Non obstante , o Emperador Carlos V (1500-1558), ocupado polos problemas políticos, fundamentalmente derivados da política que había seguir como rei de Castela (Carlos I) e da Reforma luterana, cedeu o goberno dos dominios familiares de Austria ao seu irmán Fernando I. A separación do conxunto que Carlos V dominara e as novas coroas de Bohemia e Hungría que recaeron en Fernando I (1522-1564) tralo seu casamento con Ana de Hungría, abocaron a Austria a converterse nun estado plurinacional centrado no Danubio. Trala morte de Fernando I (1564) os seus estados dividíronse entre os seus tres fillos, feito que deu orixe a tres novas ramas da familia, a de Austria, a de Estiria e a de Tirol. Dentro da rama austríaca destacaron Leopoldo I (1640-1705), que creou o moderno estado austríaco, e Carlos VI (1685-1740), pretendente á Coroa española durante a Guerra de Sucesión, reformador da administración financeira, promotor das actividades económicas, sobre todo coa repoboación de Hungría, e que aboliu a lei sálica, para asegurar a sucesión da súa filla. En 1740 a ausencia dun descendente masculino levou os Habsburgo a continuar a súa liñaxe na figura de María Tareixa I de Austria (1717-1780), que iniciou a liña Habsburgo-Lorena tralo seu casamento con Francisco Estevo de Lorena. Os Habsburgo-Lorena gobernaron en Austria ata 1918; destacaron Xosé II (1741-1790), fillo de María Tareixa, que comezou unha reforma total do Estado desde unha ideoloxía racionalista, centralista e xermanizadora; Francisco II (1768-1835), que participou activamente en todas as coalicións europeas contra o proceso revolucionario francés e logo contra Napoleón I Bonaparte e renunciou, perdida toda autoridade sobre Alemaña, ao Sacro Imperio e tomou en 1806 o título de Emperador de Austria (Fernando I); e Fernando I de Austria (1835-1848), que practicou unha política absolutista e reaccionaria baseada nunha rigorosa censura e un estreito control sobre as universidades. A onda revolucionaria de 1848 acabou co sistema represivo austríaco e iniciou un movemento revolucionario en Praga, Croacia e as cidades italianas baixo poder austríaco. En Viena o movemento popular provocou a dimisión do chanceler K. W. L. von Metternich e obrigou o emperador a fuxir, non sen antes abdicar no seu sobriño, Francisco Xosé I de Austria (1848-1916). En xuño de 1914 o asasinato a mans dun estudante Bosnio do herdeiro da coroa austro-húngara, o arquiduque Francisco Fernando de Habsburgo (1863-1914), significou o inicio da Primeira Guerra Mundial e a fin do Imperio dos Habsburgo. Tras asinar a rendición en novembro de 1918, o último dos Habsburgo reinante, Carlos I, abandonou Austria e refuxiouse na illa de Madeira, onde morreu en 1922.
Os Habsburgos hispánicos

A casa de Habsburgo converteuse na dinastía reinante nas coroas de Castela e Aragón en 1516 cando Carlos I (1500-1558), neto dos Reis Católicos e de Maximiliano I de Austria, tivo que facerse cargo, trala morte do seu pai Filipe I o Fermoso e ante a incapacidade mental da súa nai, Xoana I a Tola, dos territorios herdados por esta, as coroas de Castela e Aragón e os reinos de Nápoles e Sicilia. Del descenden os monarcas hispanos da casa de Habsburgo: Filipe II (1527-1598), que ademais dos territorios hispánicos e borgoñóns obtivo o trono de Portugal, continuou a política do seu pai e mantivo enfrontamentos nos Países Baixos e con Inglaterra; Filipe III (1578-1621), que despois dun primeiro período de relativa paz apoiou os Habsburgo austríacos na Guerra dos Trinta Anos; Filipe IV (1605-1665), que se enfrontou a Portugal, Francia e Países Baixos; e Carlos II o Enfeitizado (1661-1700), último Habsburgo no trono hispánico, que recoñeceu a independencia de Portugal (1668). No seu testamento nomeou herdeiro a Filipe de Anjou (Filipe V, 1683-1746), neto de Luís XIV e bisneto de Filipe IV, co que se iniciou a dinastía de Borbón. A non aceptación deste, deu inicio á Guerra de Sucesión.