Hallstatt, cultura de

Hallstatt, cultura de

Primeira cultura da Idade de Ferro centroeuropea, que recibiu o nome dunha necrópole de túmulos de incineración e inhumación descuberta en 1846 na localidade austríaca de Hallstatt. A arqueoloxía indica que se trataba dunha sociedade fortemente xerarquizada que, desde finais do Bronce, iniciou a explotación das minas de sal da rexión, feito que lle permitiu o desenvolvemento do comercio do ferro coas poboacións de Grecia e Italia. Dividida en dúas fases durante o Ferro, Hallstatt C (750? a C-600 a C) e Hallstatt D (600 a C-450 a C), caracterizouse polos seus enterramentos con ricos enxovais funerarios que inclúen, entre outros obxectos, espadas de ferro e bronce, dagas, machados e cascos, cuncas e caldeiros de bronce, doas de ámbar e vidro, e cerámica, feita a man e decorada con motivos xeométricos. Esta cultura estendeuse desde o núcleo austríaco cara ao S de Alemaña, Suíza, Francia, o SL de Inglaterra e o N da Península Ibérica, onde prosperaron facies culturais con fortes influencias locais.

Palabras veciñas

Halley, cometa | Halley, Edmond | hallstático -ca | Hallstatt, cultura de | Hallstein, Walter | hallux* | Hallwachs, Wilhelm