Hannover

Hannover

Capital do land da Baixa Saxonia, Alemaña (514.718 h [2000]). Situada á beira do Leine, o seu desenvolvemento demográfico débese ao feito de ser un cruzamento de importantes vías de comunicación e á proximidade do Mittellandkanal, que enlaza o Weser, o Ems, o Rin e o mar do Norte. A industria está moi diversificada: automóbiles, produtos químicos, maquinaria para a construción, industria téxtil e produtos alimentarios; tamén destacan as funcións comerciais e administrativas. Fundada no s XII, foi unha das principais cidades da Hansa ata o s XIV. Residencia dos soberanos da Casa de Hannover (1636-1714 e 1837-1866), do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, o barrio medieval na beira esquerda de Leine, Marktkirche (s XIV), Kreuzkirche (s XIV), Ballhof (s XVII), e Leibnizhaus (s XV) e reconstruída no s XVII).