Hannover

Hannover

Dinastía xermánica que ocupou o trono de Inglaterra (1714-1901), o dos ducados de Brunswick (1884-1885 e 1913-1918) e Lüneburg (1705-1866 e 1913-1918) e o do electorado de Hannover (1692-1866). Ten a súa orixe no duque Ernesto Augusto de Brunswick-Calenberg (1629-1698), quen despois de casar coa princesa herdeira do trono inglés, Sofía do Palatinado (1658), recibiu os títulos de elector de Hannover e tesoureiro do Imperio. O seu fillo Xurxo Ludovico de Hannover (1660-1727) converteuse en 1714 no rei de Inglaterra (Xurxo I de Inglaterra) e iniciou a dinastía Hannover no trono inglés. En 1837 ao morrer sen descendencia Guillerme IV de Inglaterra (1765-1837), o patrimonio dos Hannover dividiuse, e mentres a sobriña do monarca, Victoria de Inglaterra, recibía o trono inglés, o seu irmán, o duque de Cumberland, converteuse en Ernesto Augusto I de Hannover (1771-1851). Tralo casamento da Raíña Victoria I de Inglaterra co príncipe Alberte Saxonia-Coburgo-Gotha (1840), a rama inglesa dos Hannover cambiou o seu nome polo de Casa Hannover-Saxonia-Coburgo-Gotha, que se volveu modificar durante a Primeira Guerra Mundial polo de Casa de Windsor. A rama alemá dos Hannover continuou gobernando as súas terras patrimoniais ata 1866, cando foron anexionadas a Prusia. En 1913 Ernesto Augusto III de Hannover renunciou aos seus dereitos sobre o ducado de Brunswick a favor dos seus fillos Ernesto Augusto IV de Hannover (?-1953), pai da Raíña Federica de Grecia, e de Ernesto Augusto V de Hannover (?-1987). Trala morte de Ernesto Augusto V de Hannover (1987), o titular da casa Hannover é Ernesto Augusto VI de Hannover , casado desde 1999 con Carolina de Mónaco.