Hanseática, Liga ou Hansa Teutónica
Asociación de mercaderes que monopolizou as relacións comerciais no N de Europa durante toda a Idade Media e parte da Idade Moderna. Ao longo dos ss XII e XIII, as guildas de comerciantes alemáns conseguiron consolidar o seu control sobre unha serie de cidades nas illas e ribeiras dos países bálticos e garantir así o seu monopolio comercial. En 1241 numerosas cidades xermánicas lideradas por Lübeck e Hamburgo asinaron un tratado polo que a primitiva asociación de mercaderes se transformou nunha confederación de setenta e seis cidades dotadas con privilexios marítimos e comerciais. O centro da alianza, establecido inicialmente en Visby, pasou a Lübeck, onde a partir de 1356 se celebraron as asembleas para elaborar os regulamentos xerais de comercio e navegación e as normas de carácter económico. Ademais, tamén se estableceron importantes factorías nas cidades de Bruxas, Nowgorod, Bergen e Londres. A federación aseguraba desta maneira a supremacía marítima e establecía un bloqueo económico contra aqueles países reticentes, como Noruega (1284), Flandres (1307-1309) e Dinamarca (1362-1370). Bruxas e Londres eran os centros desde os que se efectuaban os intercambios comerciais dos produtos do Atlántico e do Mediterráneo por produtos agrícolas, peles e ámbar do Báltico e do mar do Norte. O desenvolvemento deste tipo de transaccións mercantís favoreceu a prosperidade económica destas cidades nas que medraron as actividades industriais, melloráronse os sistemas de pesos e medidas e construíronse numerosas canles e estradas. A Liga estaba gobernada de xeito democrático pola Hansetad, dieta na que estaban presentes todas as cidades. O proceso de desintegración iniciouse a principios da Idade Moderna, cando se descubriron novas rutas comerciais e nalgúns países europeos se consolidaron estados soberanos. En 1630 tan só integraban a Liga as cidades de Lübeck, Bremen e Hamburgo e en 1669 celebrouse a última asemblea desta asociación.