Hawaii
Arquipélago de Oceanía, no medio do Océano Pacífico e ao S do trópico de Cáncer, que constitúe un estado dos EE UU (16.759 km2; 1.211.537 h [estim 2000]). A súa capital é Honolulu. As illas máis extensas do arquipélago son: Hawaii (10.414 km2; Kahoolawe (117 km2), Kauai (1.427 km2), Lanai (365 km2), Maui (1.886 km2), Molokai (671 km2), Niihau (186 km2) e Oahu (1.549 km2); son de orixe volcánica e moi montañosas. As altitudes máximas rexístranse na illa de Hawaii cos volcáns Mauna Loa (4.170 m) e Mauna Kea (4.205 m). Afectado polos ventos alisios do NL, o clima é tropical con chuvias abundantes. A vexetación natural clímax é a pluvisilva; sen embargo, o arquipélago está moi antropizado e degradado. A poboación experimentou un incremento considerable desde os comezos do s XX, grazas á inmigración de man de obra para traballar nas plantacións de cana de azucre e piña tropical. Isto tivo como consecuencia que o grupo étnico dominante sexa o xaponés. A poboación distribúese desigualmente polo territorio do arquipélago: a illa de Oahu, coa capital Honolulu, acapara máis do 82%. A actividade económica principal é a agricultura, moi mecanizada. Os cultivos principais son os de cana de azucre e ananás, e con menos importancia, o café e as bananas. A industria e os recursos minerais son pouco importantes. En cambio, o turismo constitúe unha fonte de ingresos moi destacada. É tamén un importante centro militar norteamericano coa base naval de Pearl Harbor. Descubertas por James Cook en 1778, a penetración europea comezou a partir de 1820, pero un tratado asinado polo monarca local outorgoulle o control económico a EE UU en 1872. Apoiados polo proteccionismo norteamericano, os plantadores de azucre e café deron un golpe de estado en 1894, depuxeron a Raíña Liliokalani e demandaron a anexión a EE UU en 1898. Incorporouse como territorio de EE UU en 1900. Baluarte da defensa norteamericana no Pacífico, Pearl Harbor foi bombardeada polos xaponeses o 7 de decembro de 1941, feito que desencadeou a guerra entre estes e EE UU. En 1959 as illas Hawaii foron admitidas como Estado de EE UU.