Helios
Divindade grega da xeración dos Titáns, fillo de Hiperión e Tía e irmán de Eos e Selene, que constitúe a representación antropomórfica do Sol. É un mozo de gran beleza que todas as mañás, precedido de Eos, percorre o ceo nun carro de lume tirado por catro veloces corceis. Ao anoitecer diríxese ao Océano, onde se bañan os seus cabalos mentres el descansa nun pazo de ouro ata a mañá seguinte. Casou coa oceánide Perseis, da que naceron a maga Circe, Eetes, Pasífae e Perses; coa ninfa Rodo tivo sete fillos, os Helíadas, e con Clímene, irmá de Perseis, tivo cinco fillas, coñecidas como Helíades, e a Faetonte. Cando o culto a Apolo alcanzou o seu apoxeo, este substituíu a Helios como condutor do carro do sol. Represéntase como un auriga viril coa cabeza rodeada de raios áureos, a xeito de cabeleira, montado nun carro tirado por catro cabalos.