herba
(
-
[PLANTA]
-
herba do lagarto [Sedum album, Fam das crasuláceas]
Planta herbácea con talos de ata 20 cm de lonxitude, follas planas ou cilíndricas, flores pentámeras de pétalos libres e brancos, e froitos foliculares. A propagación é vexetativa, grazas ás follas caedizas. Vexeta en zonas rochosas e muros, en ambientes húmidos. OBS: Tamén recibe o nome de pan de lagartos, uvas de raposa ou uvas do lagarto.
-
herba do lobo [cast: heléboro blanco, ballestera, vedegambre; ingl: white hellebore] [Veratrum album, Fam das liliáceas]
Planta herbácea perenne, de ata 1 m de altura. Presenta rizomas e talos foliados e follas caulinares sentadas, flores verdosas ou algo amarelas, e froito en casulo. Moi frecuente en Europa, habita fundamentalmente os prados húmidos das rexións montañosas. Utilízase como purgante e contra as doenzas reumáticas.
-
herba do pobre/dos mendigos
valdeba.
-
herba do podador [cast: caléndula, maravilla; ingl: marigold]
Nome que designa as especies do xénero Calendula, da familia das asteráceas. Son plantas perennes ou anuais, de follas alternas e flores de cor variable, entre amarela e laranxa, dispostos en capítulos vistosos. Medran entre os cereais, aínda que algunhas especies, como a C. officinalis e a C. suffruticosa, son cultivadas. OBS: Tamén recibe o nome de maravalla, ollo de boi, pampillo e pampullo.
-
herba do reste/dos bolos/redonda
malvela.
-
herba do rodicio [Galium verum, Fam das rubiáceas]
Planta herbácea perenne. Presenta rizomas moi ramificados e talos ergueitos e ascendentes; follas de ata 30 mm de lonxitude dispostas en verticilos de ata 12; flores amarelas e froitos glabros de ata 1,5 mm. Propia de lugares herbosos, areosos e bosques claros, florece a principios de verán. Emprégase como planta medicinal polas súas propidades como aperitivo, espasmolítico, diurético e depurativo.
-
herba do rosco [cast: carretón de amores, trébol de carretilla; ingl: toothed medick, toothed bur clover] [Medicago polymorpha, Fam das fabáceas]
Planta anual, case glabra. Presenta talos de ata 40 cm de altura, rastreiros. Presenta folíolos ovados e dentados cara ao ápice, estípulas ovado-lanceoladas, acuminadas e laciniadas; flores agrupadas en acios de 3 a 5 flores de cor amarela; froito en legume plana. Habita terreos areosos e pedregosos preto do mar.
-
herba dona [cast: té de España] [Corydalis claviculata, Fam das papaveráceas]
Planta anual de raíz capilar. Presenta talo gabeador, follas pinnado-partidas en segmentos palmeado-partidos, con folíolos oblongos e elípticos, enteiros, e follas superiores con gabián ramudo. As flores, en número de 5 a 8, son pequenas, de cor branca amarelenta, dispostas en acios curtos, brácteas pequenas e lanceoladas, e o froito é oblongo. Habita en vertedoiros, gretas das paredes e bosques.
-
herba dos amores
chapizo.
-
herba dos arandos [Vaccinium myrtillus, Fam das ericáceas]
Planta duns 60 cm de altura. Presenta moitas pólas angulosas e verdes, follas pequenas, ovadas e dentadas, e o froito é unha baga comestible de coloración negra violácea (o arando). Florece entre abril e xuño en uceiras e bosques.
-
herba dos calos [cast: hierba callera] [Sedum telephium, Fam das crasuláceas]
Planta herbácea perenne. Presenta talos ergueitos de ata 20-60 cm de altura; follas planas, anchas, opostas, carnosas, ovais e dentadas; flores pequenas, moi numerosas, brancas e rosáceas. As súas follas utilízanse para abrandar os calos e para cicatrizar as feridas.
-
herba dos candís [Arisarum vulgare, Fam das aráceas]
Planta herbácea perenne, de ata 40 cm de altura. Presenta rizoma groso, follas ovadas, base truncada, espata estreita e tubular, con bandas lonxitudinais abrancazadas ou verdes e púrpura, e froito en baga. Florece en primavera e outono en terreos herbosos e pedregosos. Cultívase como planta ornamental.
-
herba dos cantores [Sisymbrium officinale, Fam das brasicáceas]
Planta anual, de 50 a 90 cm de altura. Presenta talos ergueitos, follas pinnatisectas, flores de 3 mm de diámetro con pétalos amarelos que constitúen unha inflorescencia en acio e froito en sílicua. Florece entre maio e setembro en beiras de camiños e lugares secos. Emprégase como planta medicinal.
-
herba dos cóengos [Valerianella locusta, Fam das valerianáceas]
Planta herbácea anual, de 10 a 40 cm de altura e grácil. Presenta follas inferiores en roseta, ovadas, e follas superiores lanceoladas; flores azuladas agrupadas en glomérulos e froito de pequeno tamaño orbicular. Florece de abril a xullo en campos cultivados e incultos.
-
herba dos dedos [Rubia peregrina, Fam das rubiáceas]
Planta herbácea, de ata 2 m de altura. Presenta talos gabeadores, follas de cor verde escura, ovadas ou lanceoladas e coriáceas; flores de cor amarela en acios axilares ou terminais e froito en baga negra. Florece desde finais de primavera ata comezos de verán en matos densos e bosques.
-
herba dos dentes [Capsella bursa-pastoris, Fam das brasicáceas]
Planta herbácea anual, ás veces bianual, de 15 a 50 cm de altura. Presenta follas basais en roseta, oblongo-lanceoladas, pinnatífidas, as caulinares de base auriculada; flores pequenas de cor branca en acio e froitos en sílicua con forma triangular. Florece case todo o ano, fundamentalmente na primavera en bordos de camiños ou de leiras. Emprégase como planta medicinal.
-
herba dos encantos [cast: hierba de San Simón; ingl: enchanter’s-nightshade] [Circaea lutetiana, Fam das onagráceas]
Planta herbácea perenne. Presenta talo de ata 70 cm, follas opostas de base en forma de corazón; flores pequenas de cor branca ou rosadas e dispostas en acios terminais sen follas. Vexeta os solos húmidos, especialmente preto dos ríos. Amplamente distribuída, atribúenselle propiedades vulnerarias e revulsivas.
-
herba dos lamparóns/papeira
brionia.
-
herba dos lombos
marroio.
-
herba dos muros
alfinete.
-
herba dos ollos [Salvia verbenaca, Fam das lamiáceas]
Planta herbácea perenne, de ata 80 cm de altura. Presenta talos glandulares e pilosos, follas basais oblongas, dentadas ou pinnatífidas, follas superiores máis pequenas e sésiles e flores de cor azul ou azul-lila en inflorescencia. Florece entre maio e agosto en bordos de camiños e bosques. Emprégase como planta medicinal.
-
herba dos ouvidos
meimendro.
-
herba dos peitos [Lapsana communis, Fam das asteráceas]
Planta herbácea anual, de 30 a 80 cm de altura. Presenta talo ergueito e ramudo, follas moi divididas e ovadas, as inferiores cun longo pecíolo, flores en capítulos pequenos de cor amarela e froito en aquenio. Florece en primavera e verán no bordo dos camiños. OBS: Tamén recibe o nome de labresto, lampsana, lapsana ou mamota.
-
herba dos pitos [Aquilegia vulgaris, Fam das ranunculáceas]
Planta herbácea perenne, de ata 80 cm de altura. Presenta talo ramificado na parte superior, follas basais tripartitas e flores de cor azul violeta ou branca. Florece de mediados de primavera a mediados do verán en bosques, pastos e lugares rochosos. OBS: Tamén recibe o nome de paxariños.
-
herba dos úmeros/do pobre [cast: hierba de la flámula, flámula] [Ranunculus flammula, Fam das ranunculáceas]
Planta herbácea perenne. Presenta rizoma alongado provisto de numerosas raíces fibrosas; talos de ata 15-50 cm de lonxitude, estriados, ergueitos, cos nós inferiores enraizados e ramificados dicotomicamente; follas enteiras ou escasamente dentadas, as basais longamente pecioladas e ovadas, as superiores sésiles e lanceoladas; flores solitarias ou dispostas en cimas opostas ás follas, sobre pedicelos lixeiramente pubescentes, cinco sépalos verde amarelentos e cinco pétalos amarelo brillantes, con fosa nectarífera na base; froito en aquenio comprimido lateralmente. Florece de marzo a decembro e está amplamente distribuída polas rexions húmidas de toda Europa. OBS: Tamén recibe o nome de lanzona ou bugallón.
-
herba estoque
gladíolo.
-
herba estrela
estrelamar.
-
herba fedenta [Datura stramonium, Fam das solanáceas]
Herbácea de ata 100 cm de altura, de aspecto ramalludo e cuberta de longas espiñas. Presenta follas de ata 20 cm de longo e dentadas, flores brancas pentámeras con forma de funil e froitos constituídos por cápsulas de cor verde de 5 cm de lonxitude. Aparece en medios ruderais, como cultivos e lugares incultos e removidos nitrificados, e presenta alcaloides derivados do tropano -de acción antiespasmódica, antiasmática e antiparkinsoniana-. As follas frescas trituradas empréganse como analxésico local e as follas desecadas fúmanse para solucionar problemas respiratorios e como alucinóxeno pola súa acción soporífera e hipnótica. OBS: Tamén recibe o nome de herba das nacidas, herba do demo, herba do gurgullo, herba do morto e herba dos ourizos.
-
herba forte [Solidago virgaurea, Fam das asteráceas]
Planta herbácea, de ata 100 cm de altura. Presenta talo ergueito, follas basais pubescentes, lanceoladas, e flores de cor castaña, agrupadas en capítulos terminais, e froito en aquenio. Florece entre xuño e setembro. Emprégase como planta medicinal polas súas propiedades diuréticas e astrinxentes. OBS: Tamén recibe o nome de vara de ouro.
-
herba gateira/do gato [cast: nébeda] [Nepeta cataria, Fam das lamiáceas]
Planta herbácea moi recendente, de ata 1 m de altura. Presenta talo pubescente e ramudo; follas pecioladas e fortemente dentadas; flores brancas con manchiñas de cor vermella. Moi apreciada polos gatos, non é moi común en Galicia.
-
herba lameira/lameiriña
Planta acuática do xénero Callitriche, da familia das calitricáceas, que se caracteriza por presentar talos fracos e filiformes e follas opostas e enteiras. As flores son de pequeno tamaño, axilares, sentadas, sen pétalos nin sépalos, cun estame e un ovario trilocular provisto de dous estilos. O froito presenta catro drupiñas. A forma das follas ou do froito constitúen os caracteres diferenciais do xénero. A especie máis común en Galicia é C. stagnalis, que adoita flotar nas pozas, regatos ou na lama. En Santiago de Compostela e Pontevedra pódese ver tamén a C. palustris, de características semellantes á anterior.
-
herba leiteiriña
Nome que reciben as plantas do xénero Euphorbia, da familia das poligonáceas. Son plantas anuais, ergueitas, glaucas, cun único talo avermellado e follas finamente dentadas. As flores son pequenas e agrúpanse en umbelas de 3 a 6 raios, bifurcadas, e cos ciatios no ápice dos raios; cada ciatio leva, exteriormente, glándulas nectaríferas. Os froitos teñen forma de cápsula. Vexeta terreos baldíos e cultivados. OBS: De xeito xeral fai referencia a todas as herbas que segregan un líquido abrancazado ou látex ao seren cortadas e ás que se utilizan como alimento para incrementar a produción de leite dos animais. OBS: Tamén recibe o nome de leitarega, leiteira, leiteiriña ou leiterena.
-
herba lingua [cast: gallos]
Nome que designa as especies do xénero Serapias, da familia das orquidáceas. Son plantas con 2 a 5 tubérculos, dos cales un é sésil, e de 1 a 4 en estolóns, de ovoides a subglobosos; os talos miden de 10 a 35 cm e teñen vaíñas basais verdes, frecuentemente con manchas; as follas son estreitas, enteiras, agudas e xeralmente brillantes; as flores están dispostas en espigas alongadas, de 2 a 6, con brácteas purpúreas, raramente verdes, máis curtas ou de tamaño similar ás flores. Vexetan en terreos húmidos, breixos e áreas litorais do SO de Europa e rexión mediterránea. As especies máis frecuentes en Galicia son S. lingua e S. cordigera. OBS: Tamén recibe o nome de lengüeira, lengoeira, neotia e serapia.
-
herba loba/lombrigueira [Santolina chamaecyparissus, Fam das asteráceas]
Planta leñosa perenne, de ata 50 cm de altura. Presenta talos ramificados e olorosos, follas pinnatisectas alternas, flores amarelas en capítulos globulares de longos pedúnculos, formados por flósculos tubulares, e froito en aquenio, anguloso e desprovisto de lanuxe. Florece no verán en bordos de camiños e matorrais. Emprégase como planta medicinal polas súas propiedades dixestivas e vermífugas. En Galicia cultívase como planta ornamental.
-
herba lombrigueira [cast: hierba lombriguera, tanaceto] [Tanacetum vulgare, Fam das asteráceas]
Planta herbácea, perenne, moi aromática. Presenta numerosos talos ergueitos de ata 1 m de altura que se orixinan a partir dunha base reptante. As follas son pinnadas con 12 pares de folíolos lanceolados, dentados ou lobulados, as inferiores son pecioladas e as superiores semiabrazadeiras. Presenta capítulos amarelo-dourados dispostos en forma de ramallo, brácteas involucrais de cor verde pálida, e froito pequeno con cinco costelas. É planta espontánea ou cultivada, xa que dela se extrae a esencia de tanaceto con propiedades antihelmínticas e como contraveleno. OBS: Tamén recibe o nome de herba das lombrigas, herba da triaca, herba da triaga, herba da pezoña, herba de Nosa Señora, herba do cuxigo e tanaceto.
-
s
f
Planta non lignificada ou pouco lignificada, de maneira que ten consistencia branda en todos os seus órganos.
-
herba abelleira/abella/ belleira
abelleiro.
-
herba acedeira [Rumex acetosa, Fam das poligonáceas]
Planta perenne, dioica, frecuentemente moi papilosa na base dos talos e no envés das follas. Presenta talos ergueitos e estriados de ata 100 cm; follas basais pecioladas, de 2-4 veces máis longas ca anchas, de ata 15 cm de longo, oblongo-lanceoladas, hastadas, subsésiles e as apicais triangular-oblongas; inflorescencias laxas de máis de 12 cm; valvas frutíferas cordado-orbiculares, cun pequeno tubérculo na base; e o froito en aquenio vermello escuro. Está distribuída por toda Europa. OBS: Tamén recibe o nome de salgada ou vinagreira.
-
herba agulla [Erodium ciconium, Fam das xerianáceas]
Planta herbácea anual, de tronco ascendente e pubescente. Presenta follas moi divididas, flores violáceas e froitos en esquizocarpo, prolongadas por un longo pico de 6 a 8 cm. Crece nas beiras dos camiños da rexión mediterránea. OBS: Tamén recibe o nome de agulleira ou pico de cegoña.
-
herba Luísa [Lippia triphylla, Fam das verbenáceas]
Planta arbustiva caducifolia de 2 e ata 6 m de altura en zonas máis cálidas. Presenta talos leñosos e ramificados na parte superior; follas lanceoladas, en verticilos de tres, que desprenden un olor a limón; flores pequenas, de cor branca por fóra e lilas por dentro en inflorescencias paniculares terminais, e froito en drupa. É orixinaria de Perú, Arxentina e Chile, aínda que se aclimatou a Europa desde o s XVIII, onde se cultiva coma planta ornamental e medicinal polas súas propiedades sedantes, dixestivas, antiespasmódicas e carminativas. OBS: Tamén recibe o nome de cedrón.
-
herba melisa [Melittis melissophyllum, Fam das lamiáceas]
Planta herbácea perenne, de ata 50 cm de altura. Presenta talos ergueitos pouco ramificados, follas ovadas ou ovado-lanceoladas, de bordos dentados e nervios moi marcados, e flores grandes de cor rosa-purpúrea. Florece de maio a xullo en lugares sombríos da metade norte peninsular. Emprégase como planta medicinal polas súas propiedades diuréticas e depurativas.
-
herba moura [cast: tomatillos del diablo, hierba mora] [Solanum nigrum, Fam das solanáceas]
Planta herbácea anual, ainda que polo litoral galego pode comportarse como bienal. Talo duro, lignifícado, glabro, anguloso duns 10-60 cm de altura. As follas son ovadas, veludas, pecioladas, con bordos sinuosos e dentados. Presenta de 3 a 6 flores, brancas, pedunculadas, dispostas en acios umbeliformes. Os froitos negros en baga son moi tóxicos ao presentaren saponina, substancia que produce hemólises e solalina, substancia excitante e paralizante do sistema nervioso. Medra en terras cultivadas e ao pé de muros. OBS: Tamén recibe os nomes de herba da fístola, herba das bagas, herba de santa Mariña, herba dona , herba negral e uvas de can.
-
herba namoradeira/empreñadeira/de namorar [cast: clavel marino, clavel de playas] [Armeria maritima, Fam das plumbagináceas]
Planta herbácea perenne con cepa ramuda, de 10 a 30 cm de altura. Presenta follas en mouta basal, lineais e planas, ápice obtuso, glabras ou ciliadas no nervio medio e marxes; as flores son de cor rosa ou rosa abrancazada, dispostas en inflorescencias en glomérulo terminal rodeadas por brácteas de cor cobreada, prolongadas nunha vaíña e amplamente pedunculadas. Moi abundante en Galicia, vexeta en praderías e xunqueiras do litoral, marismas, acantilados e substratos xeralmente areosos. Tradicionalmente tense empregado en fórmulas máxicas relacionadas co matrimonio e o embarazo.
-
herba paxareira
maruxa.
-
herba peluda [cast: hierba velluda, joyel de agua] [Ranunculus bulbosus, Fam das ranunculáceas]
Planta herbácea vivaz, pubescente, de ata 50 cm de altura e base engrosada cunha mouta de follas sobre raíces carnosas. As follas basais son pecioladas e trilobuladas, nas que o lóbulo central presenta un longo pedúnculo; as follas superiores son sésiles e profundamente divididas en segmentos lineais. As flores dispóñense en inflorescencias cimosas e son de cor amarela brillante e o froito en aquenio lenticular. Florece de maio a xuño e habita en campos non cultivados e nas beiras dos camiños. A variedade R. bulbosus maritimus habita nos areais marítimos e é endémica no N da Península Ibérica. OBS: Tamén recibe o nome de patelo, pé de galiña ou pé de gato.
-
herba ala [Inula helenium, Fam das asteráceas]
Planta robusta e perenne, de 1 a 1,5 m de alto. Presenta grandes follas elípticas de ata 80 cm de diámetro, as superiores son ovais, agudas, abrazadoras, finamente dentadas, hirsutas pola cara, lixeiramente pubescentes polo revés. As flores son grandes capítulos amarelos de 6 a 8 cm de diámetro e o froito é pelado, con catro costelas moi marcadas e lanuxe vermella. Atribúenselle propiedades medicinais contra a bronquite; ademais, utilízase para aromatizar e dar sabor a doces e licores.
-
herba algodoeira
cordeiro de praia.
-
herba alleira
alleira.
-
herba armol
armol.
-
herba balestra
lesta.
-
herba becerra/de can [Antirrhinum majus, Fam das escrofulariáceas]
Planta herbácea perenne, de ata 150 cm de altura. Presenta talos glabros inferiormente e pubescente-glandulosos na inflorescencia, follas enteiras lanceoladas, flores de cor rosácea agrupadas en acios terminais e froito en cápsula. Florece entre xuño e setembro.
-
herba belida/de ouro [Ranunculus repens, Fam das ranunculáceas]
Planta herbácea perenne, de ata 50 cm de altura. Presenta talos reptantes con nós dos que agoman as raíces, follas basais con segmentos peciolados e flores de cor amarela brillante. Florece a comezos da primavera, entre maio e xuño, en lugares húmidos e sombrizos de prados e bosques. É unha planta velenosa para o gando. OBS: Tamén recibe o nome de botón de ouro.
-
herba bendita/benta/dos gatos/gateira
valeriana.
-
herba bicha [Aristolochia paucinervis, Fam das aristoloquiáceas]
Herba perenne, glabra, de follas alternas e cordiformes, talos estriados, raíces a miúdo tuberosas e flores tubulosas. É rica en alcaloides e esencias, e desprende un cheiro forte. Empregábase para facilitar o parto e contra moitas afeccións. Atópase amplamente distribuída en Galicia en matogueiras e terras cultivadas.
-
herba boa
hortelá.
-
herba brava
pampillo.
-
herba cana/crecha [Senecio vulgaris, Fam das asteráceas]
Planta herbácea anual, de 8 a 45 cm de altura. Presenta talos ergueitos e ramificados na parte superior; follas irregulares con lóbulos dentados, as superiores sésiles e as inferiores con pecíolo; flores pequenas en capítulos de cor amarela e froito en aquenio. Florece durante todo o ano en zonas de cultivo e costeiras.
-
herba caraveleira/de san Bento [cast: hierba de San Benito] [Geum urbanum, Fam das rosáceas]
Planta herbácea perenne, provista dun rizoma groso. Presenta follas cun único nervio principal, flores de cor amarela dispostas en inflorescencia e froitos en aquenio. Florece entre maio e agosto en zonas húmidas e sombrías de bosques, malezas e lugares áridos. Emprégase como planta medicinal.
-
herba piñeirá/da pedra [Sedum anglicum, Fam das crusuláceas]
Planta herbácea perenne, glauca e glabra. Presenta talos rastreiros de ata 15 cm, con pólas tanto fértiles coma estériles; as follas son ovoides, alternas, e de cor verde rosácea; as flores son pentaméricas, agrupadas en pequenas cimas de 2-3 brazos, os sépalos son libres, ovados e obtusos e os pétalos brancos ou lixeiramente rosáceos; os estames teñen as anteras mouras e os froitos preséntanse en folículos vermellos. Habitan en rochas, dunas e areais da costa occidental de Europa.
-
herba piolleira [Pedicularis sylvatica, Fam das escrofulariáceas]
Planta herbácea perenne, de ata 20 cm de altura. Presenta talo central ergueito, follas alternas lanceoladas e flores rosáceas ou purpúreas agrupadas en acios laxos. Florece de febreiro a outubro en terreos sombrizos. Emprégase como planta medicinal.
-
herba rateira/da cuca [Euphorbia lathyris, Fam das euforbiáceas]
Planta herbácea anual, de ata 1 m de altura. Presenta follas sésiles lanceoladas de bordos enteiros e froito globoso. Florece a comezos de verán en prados e bordos de camiños. En Galicia pódese atopar nalgúns puntos das provincias da Coruña e Lugo. OBS: Tamén recibe o nome de rateira ou tártago.
-
herba roqueira [Calystegia sepium, Fam das convulvaláceas]
Planta herbácea perenne de rizoma rastreiro. Presenta talos gabeadores de ata 3 m de altura, follas pecioladas saxitadas, flores solitarias brancas en forma de campaíña, e o froito é unha cápsula globosa. Florece de xuño a setembro en lugares frescos preto do mar. Emprégase como planta medicinal.
-
herba salgada
salicornia.
-
herba sardoa/sardónica [cast: sardonia] [Ranunculus sardous, Fam das ranunculáceas]
Planta herbácea moi velenosa. Presenta talo estriado de ata 30 cm de altura; follas lisas e brillantes e flores pequenas con sépalos peludos. O seu zume produce unha contracción nos músculos da cara semellante a un riso; de aí a expresión riso sardónico. OBS: Tamén recibe o nome de sardonia.
-
herba tolledeira
peonia.
-
herba toura [Orobanche rapum-genistae, Fam das orobancáceas]
Planta anual, de 20 a 90 cm de altura. Presenta talo robusto, escamoso, de cor amarela ou vermella e flores en espiga cilíndrica. Florece en primavera. É unha planta parasita que vive sobre as raíces doutras plantas, sobre todo de fabáceas.
-
herba triga/trigueira [Holcus lanatus, Fam das poáceas]
Planta herbácea perenne, de talos de ata 1 m de altura. Presenta follas planas, inflorescencia en panícula con multitude de flores de cor rosácea ou purpúrea. Florece de xuño a agosto en toda Europa. Vive en prados, marxes dos cultivos e lindes de bosques.
-
herba viúva [cast: flor de viuda] [Trachelium caeruleum, Fam das campanuláceas]
Planta herbácea perenne, de entre os 30 e os 50 cm de altura. Presenta talo robusto, glabro e non ramudo; as follas son ovais-lanceoladas, pecioladas e dobremente dentadas; as flores en campaíña son azuis ou lilas, pequenas e dispostas en inflorescencias umbeliformes e ramudas. Medra nos muros, gretas e saíntes dos edificios onde se deposita materia orgánica.
-
herba xunqueira
xunca.
-
herba xunqueira
xunco.
-
herba carmín/tintureira [Phytolacca americana, Fam das fitolacáceas]
Planta herbácea perenne que pode acadar os 2 m de altura. Presenta follas pecioladas e ovado-lanceoladas; flores dispostas en acios de cor branca ou verdosa; e froitos en baga carnosos, cunha coloración violeta na madurez, dos que se obtén un colorante vermello. É unha planta orixinaria de Norteamérica, aínda que se pode atopar en Europa como ornamental. Emprégase como planta medicinal para o tratamento de erupcións cutáneas e aplícase en forma de pomada. OBS: Tamén recibe o nome de uva dos tintureiros.
-
herba carneira/cepeira/da bruxa/das estacas/xiganta
acanto.
-
herba centella [cast: hierba centella] [Caltha palustris, Fam das ranunculáceas]
Planta herbácea perenne, vivaz, de raíz fibrosa. Presenta talos ascendentes, brandos, ocos e ramalludos; follas en forma de corazón, obtusas e coa marxe festonada; flores terminais e axilares, grandes e de cor amarela por dentro e verdosa por fóra; e froito en aquenio. Crece na beira dos ríos, pantanos, hortas con exceso de rego e bosques humidos. É unha especie moi tóxica para o gando.
-
herba cheirenta
árnica.
-
herba cicutaria [Anthriscus sylvestris, Fam das apiáceas]
Planta herbácea con talo oco, follas espalladas e flores dispostas en umbelas. Está amplamente distribuída polos países de clima temperado. OBS: Tamén recibe o nome de pirixel bravo.
-
herba cinta
alpiste acuático.
-
herba concheira [Saponaria officinalis, Fam das cariofiláceas]
Herba perenne, con talos de ata 100 cm de altura, glabra. Presenta follas ovadas ou amplamente lanceoladas; flores brancas ou rosadas, agrupadas en cimas densas, e froitos capsulares oblongos. Emprégase contra a asma e algúns males da pel e, polo seu contido en saponinas, como sucedáneo do xabón. Está amplamente distribuída por toda Galicia, en lugares húmidos, beiras de regatos e preto de camiños ou leiras. OBS: Tamén recibe os nomes de herba das ferreñas, herba das mans, herba dos lamparóns, herba nodosa e herba xaboeira, saponaria e zubón.
-
herba contraveleno [Vincetoxicum officinale, Fam das asclepiadáceas]
Planta herbácea. Presenta talos volubles, follas pecioladas e flores brancas ou verdosas que constitúen unha inflorescencia en umbela. Emprégase coma planta medicinal polas súas propiedades diuréticas. Na Antigüidade empregouse como contraveleno da mordedura dos réptiles.
-
herba da abella [cast: abejera, flor abeja; ingl: bee orchid, wasp orchid] [Ophrys apifera, Fam das orquidáceas]
Planta perenne con tubérculo subgloboso. Presenta talos glabros de 15-45 cm; follas elíptico-oblongas, subagudas, que diminúen cara á parte superior; flores agrupadas en espigas; brácteas grandes e semellantes ás follas, xeralmente excedendo as flores. Os segmentos periánticos son externos elíptico-oblongos, rosas pau ou brancos e verdosos no dorso; os internos, laterais, lanceolados e máis curtos ca os externos, rosas ou verdosos, lixeiramente pilosos na súa cara interna. O labelo, duns 10-15 mm, semella unha abella, frecuentemente convexo, semigloboso, trilobulado; lóbulo central grande, púrpura, bordeado de manchas amarelas, e glabro. É unha especie mediterránea e habita en dunas fixas, prados e lugares herbosos.
-
herba da aixada/da illarga/do té/formigueira [Chenopodium ambrosioides, Fam das quenopodiáceas]
Planta herbácea anual ou perenne. Presenta talo ramoso e ergueito de ata 100 cm de altura, fortes ramas, follas enteiras, lanceoladas de ata 10 cm de longo, e flores solitarias ou glomeruladas en espigas con follas ou espidas. Vexeta zonas húmidas, frecuentemente terreos cultivados, e florece entre xullo e outono. Atribúenselle propiedades vermífugas en infusión. É orixinaria de América tropical pero está adaptada en climas cálidos, secos e temperados. OBS: Tamén recibe o nome de quenopodio.
-
herba da andoriña/das espullas/leiteira
ceruda.
-
herba da becerra [Polygonum maritimum, Fam das poligonáceas]
Planta perenne. Presenta talos postrados sen follas na parte inferior; follas fortes alternas e coriáceas; flores pequenas de cor branca ou rosa que poden atoparse, illadas ou en grupos, nas axilas das follas, e froitos en aquenio de cor negra brillante. É moi frecuente en dunas e areais marítimos. OBS: Tamén recibe o nome de polígono na praia.
-
herba da cobra [cast: dragontea, serpentaria; ingl: snakeroot] [Dracunculus vulgaris, Fam das aráceas]
Planta herbácea vivaz de rizoma feculento e groso, listado de verde e negro como a pel dunha cobra. Presenta follas grandes e divididas en cinco lóbulos lanceolados. Cultívase como planta ornamental a pesar do seu fedor desagradable durante a floración.
-
herba da cruz/do bazo/dos ensalmos [Verbena officinalis, Fam das verbenáceas]
Herba perenne, de 30 a 75 cm de altura. Presenta talos ergueitos de sección cuadrangular; follas opostas oblanceoladas ou rómbicas, as inferiores pecioladas e as superiores case sésiles; flores pequenas de cor azul-lila pálido e froito de cor parda-avermellada. Florecen durante o verán en lugares húmidos e acuosos de toda a Península. OBS: Tamén recibe o nome de verbena.
-
herba da disentería/das cámaras do sangue
heliotropo.
-
herba da envexa/ doncela [port: congonha; cast: alcandorea, hierba doncella, pervinca; ingl: lesser periwinkle] [Vinca difformis, Fam das apocináceas]
Planta herbácea perenne de ata 1,5 m de altura. Presenta talo entre ergueito e tumbado; follas ovadas ou lanceoladas, con base obtusa e opostas; flores dispostas en talos ergueitos, con corola en forma de tubo que se ensancha en cinco lóbulos, máis anchos na zona central e de cor branquiazul. Vexeta zonas húmidas e sombrizas e a súa floración transcorre entre finais de xaneiro e xuño.
Sinónimos: semprenoiva. -
herba da fame
Calquera mala herba que aparece nos cultivos e merma a súa produción. De forma concreta, pode designar as especies Vicia hirsuta, Vicia sativa, Corema album e Oxalis violacea.
-
herba da ferradura [cast: herradura] [Hippocrepis comosa, Fam das fabáceas]
Planta perenne con raíz leñosa. Presenta talos delgados, duros ou poco leñosos con follas pubescentes, imparipinnadas, con 4 a 7 pares de folíolos; flores dispostas en umbelas sobre pedúnculos 2-3 cm máis longos ca a folla, de cor amarela. O froito é unha legume articulada en artellos en forma de ferradura, cuberta de glándulas vermellas. Medra por riba dos 1.000 m de altitude.
-
herba da ferradura [Hypochoeris radicata, Fam das asteráceas]
Planta herbácea perenne. Os talos saen directamente da raíz e poden chegar a medir 1 m de altura; as follas son pilosas e lanceoladas, e as flores, liguladas e amarelas. Atribúenselle propiedades para combater a tose.
-
herba da moeda/moedeira [Lysimachia vulgaris, Fam das primuláceas]
Planta herbácea perenne, de ata 60 cm de altura. Presenta talo ergueito, follas pequenas simples e opostas, e flores amarelas dispostas en panículas terminais. Florece durante o verán en sitios húmidos.
-
herba da nácara [cast: platas, hoja de plata, hierba del nácar] [Lunaria annua, Fam das brasicáceas]
Planta bienal de ata 1 m de altura. Presenta talos ergueitos, sinxelos ou poco ramudos; follas ovais, acorazonadas na base, bordeada de grosos dentes desiguais, as superiores sentadas e as inferiores pecioladas; flores grandes, de cor vermella purpúrea e aromáticas pola noite. Cultívase amplamente como ornamental, tanto no xardín como seca, pola beleza das súas flores e dos froitos anacarados.
-
herba da pedra [Hypericum androsaemum, Fam das hipericáceas]
Planta arbustiva, de ata 100 cm de altura. Presenta talo ergueito; follas ovais, opostas, sentadas e con glándulas translúcidas con aspecto de salpicaduras brancas; flores regulares, dispostas en cimas, amarelas, con cinco pétalos caedizos e cinco sépalos e estames moi numerosos dispostos en feixes; e froitos en bagas vermellas e negras cando maduran, de sabor amargo e non comestibles. Florece entre xuño e agosto en ambientes sombrizos.
-
herba da prata [Ranunculus omiophyllus, Fam das ranunculáceas]
Planta herbácea vivaz de ata 50 cm de lonxitude, que presenta talos rastreiros e radicantes nos nós; follas con pecíolo longo e envainante na base e limbo en forma de ril, dividido en tres lóbulos; flores grandes e de cor branca; o froito é un pequeno aquenio con pico longo. Habita as charcas, regatos e ríos pouco profundos. Moi abundante en Galicia.
-
herba da rabia [cast: hierba gallinera] [Anagallis tenella, Fam das primuláceas]
Planta herbácea perenne. Presenta talo rastreiro e flores rosas ou abrancazadas. Medra nas brañas e lugares lamacentos. Atribúenselle propiedades curativas contra as trabaduras de cans doentes e as picadas de animais velenosos.
-
herba da raña [cast: angélica] [Angelica archangelica, Fam das apiáceas]
Planta herbácea bienal, de 1,5 a 2 m de altura. Presenta talo erguido, groso, ramificado a partir do seu terzo superior e rematado en umbelas; follas grandes, pecioladas, opostas, divididas en dous ou tres folíolos dentados, glaucas na súa cara inferior; flores pequenas, de cor branca-verdosa, pedunculadas e distribuídas en forma de umbela; froito composto por mericarpos de cor amarela-verdosa ou parda-amarela, oblongos e comprimidos no dorso. Florece en primavera en zonas húmidas e sombrías, preto de ríos. É orixinaria do N de Europa e Asia, aínda que o seu cultivo e o seu uso se estendeu por todo o mundo. Emprégase como planta medicinal.
Sinónimos: anxélica. -
herba da sabedoría/dos cirurxiáns [cast: hierba de la sabiduría, hierba de Santa Sofía, sofía] [Descurainia sophia, Fam das brasicáceas]
Planta herbácea anual, pubescente, peluda, de cor verde cinza, de 25-80 cm de altura. Presenta follas sésiles, 2-3 pinnadas, segmentos oblongos e festonados, pubescentes, de 2-9 cm de longo; flores pequenas de cor amarela pálida, dispostas en corimbos terminais, os sépalos de cor verde amarelenta, os pétalos enteiros e lanceolados. Florece entre abril e setembro. É unha especie orixinaria de Europa e vexeta nos terreos incultos, especialmente nos camiños.
-
herba da sarna/dos lazarosos [port: angelica de rama; cast: angélica silvestre; ingl: wild angelica] [Angelica sylvestris, Fam das apiáceas]
Planta herbácea perenne de talos manchados, follas pinnadas e flores brancas ou rosáceas. Florece entre maio e agosto en prados e bosques húmidos, xunto a cursos de auga.
-
herba da tiña [cast: amapola marítima] [Glaucium flavum, Fam das papaveráceas]
Planta perenne ou bianual, glauca. Presenta talos de 30 a 90 cm; follas basais moi divididas, as superiores máis pequenas e abrazadeiras; flores illadas, terminais ou axilares con dous sépalos libres, catro pétalos e catro estames amarelos; froito en casulo negro de gran tamaño. Vexeta nos areais litorais do O e S de Europa. Dela extráense alcaloides que se están a investigar como posibles anticancerosos. OBS: Tamén recibe o nome de mapoula das praias ou papoula das praias.
-
herba da trindade/trinitaria [port: amor perfeito; cast: hierba de la trinidad; ingl: heartsease] [Viola tricolor, Fam das violáceas]
Planta herbácea pequena, anual. Presenta talos de 2-10 cm de altura, e follas verdes, longas e dentadas, divididas en lóbulos redondeados. As flores son irregulares e solitarias; a corola ten 5 pétalos con tres cores -azul, amarelo e púrpura-violeta-, o interior máis grande, labiado e con esporóns por detrás. O froito está en cápsula de tres valvas. Está amplamente distribuída e vexeta en bosques, xardíns e prados.
Sinónimos: pensamento, trinitaria. -
herba das alforxas [Trigonella foenum-graecum, Fam das fabáceas]
Planta herbácea anual, erecta, de 20 a 40 cm de altura. Presenta follas trifoliadas, de pecíolo longo, folíolos articulados oblongos e atenuados na base; flores de cor amarela clara ou abrancazada, axilares, sésiles e solitarias ou por pares, e froito en vaíña. É orixinaria de Asia e introduciuse en Europa na Idade Media. Florece en primavera e emprégase como planta medicinal desde a Antigüidade.
-
herba das almorrás [Ranunculus ficaria, Fam das ranunculáceas]
Planta que presenta talo tendido e pouco ramoso, de ata 30 cm de altura, e raíces tuberosas; as follas son triangulares, acorazonadas, pouco lobuladas e lustrosas, e as flores son de cor amarela brillante. Moi común en Galicia, vexeta nos prados, ribeiras húmidas e bordos de torrentes. É velenosa para o gando pero se lle atribúen propiedades medicinais para o tratamento das almorrás, xa que reduce a dilatación dos vasos.
-
herba das anadas/do xerro
2aro.
-
herba das andoriñas [Spergularia media, Fam das cariofiláceas]
Planta herbácea perenne, de 5 a 40 cm de altura. Presenta talos lampos ou pubescentes, follas lineais, flores de cor branca, ápice rosado, e froito en cápsula. Florece entre xaneiro e xuño en zonas do litoral.
-
herba das brañas/malladas [Nardus stricta, Fam das poáceas]
Planta herbácea perenne, de ata 40 cm de altura. Presenta follas glaucas e flores en espiga. Florece desde finais da primavera ata o remate do verán en brañas e pastos de zonas montañosas do interior de Galicia.
-
herba das cortadelas/da rula/dos carpinteiros/dos soldados [Achillea millefolium, Fam das asteráceas]
Planta herbácea perenne, tomentosa, de 20 a 70 cm de altura. Presenta talo ergueito, ramificado preto da inflorescencia; follas inferiores pecioladas e superiores sésiles, lanceoladas, capítulos brancos que se agrupan en corimbios terminais, e froito en aquenio. Florece entre xuño e outubro en prados, beiravías e terreos cultivados. Emprégase como planta ornamental e medicinal polas súas propiedades dixestivas, tónicas, hemostáticas, entre outras. OBS: Tamén recibe o nome de aquilea, merisana, milefolio, milenrama, milfollas ou milfollo.
-
herba das cortaduras/das nacidas/punteira [Sempervivum tectorum, Fam das crasuláceas]
Planta herbácea perenne. Presenta follas suculentas lanceoladas e ovaladas, e flores con escamas carnosas de cores moi rechamantes, como laranxa, rosa ou vermello. Reprodúcese vexetativamente mediante estolóns. Florece entre xuño e agosto e medra en muros e penedos. Orixinaria de Europa Central e Meridional, en Galicia atópase fundamentalmente nas provincias de Lugo e Ourense.
-
herba das crebaduras/herniaria/turca [cast: arenaria, herniaria; ingl: sand spurry] [Herniaria glabra, Fam das cariofiláceas]
Planta herbácea perenne. Presenta talo ramoso; follas pequenas, opostas e elípticas; flores miúdas, de cor amarelo-verdosas, reunidas en espigas; o froito é un casulo de cor marrón. Crece en todo tipo de solos, sobre todo nos pobres e areosos, de toda Europa e gran parte de Asia.
-
herba das culleres [cast: coclearia; ingl: scurvy grass] [Cochlearia officinalis, Fam das brasicáceas]
Planta herbácea bianual ou perenne. Presenta numerosos talos ascendentes; as follas son alternas, algo carnosas e glabras, as inferiores e medias son pecioladas, ovais ou triangulares, lixeiramente acorazonadas na base e coa marxe irregularmente dentada, as superiores son sentadas e abrazadeiras; as flores son brancas ou rosáceas e recendentes. Emprégase para combater o escorbuto.
-
herba das doas [Lithodora prostrata, Fam das boraxináceas]
Planta perenne, duns 60 cm de altura. Presenta follas lineais a elípticas, flores en cimas densas e froito en núcula dura. Florece desde mediados de primavera a principios de verán en piñeirais ou en zonas do litoral.
-
herba das paredes/dos muros [Parietaria judaica, Fam das urticáceas]
Planta herbácea perenne, pubescente, de 20 a 70 cm de altura. Presenta talos ramificados, follas pecioladas, ásperas, lanceoladas ou ovadas, flores en glomérulos na axila das follas e froitos en aquenio. Florece entre maio e outubro, fundamentalmente en muros e rochas. Emprégase como planta medicinal polas súas propiedades diuréticas.
-
herba das quenturas/lista [Polygonum aviculare, Fam das poligonáceas]
Planta herbácea anual. Presenta numerosos talos ramosos, postrados ou ascendentes, follas lanceoladas e elípticas, flores axilares de cor rosa ou branca e froito en aquenio. Florece entre marzo e outubro en lugares da costa e húmidos. Emprégase coma planta medicinal polas súas propiedades diuréticas. OBS: Tamén recibe o nome de pé de paxaro, saíncho ou sanguinaria.
-
herba das sete sangrías [Lithodora fruticosa, Fam das boragináceas]
Planta arbustiva, perenne, pubescente. Presenta talos ramosos tendidos ou ascendentes, de ata 60 cm; follas lineais ou estreitamente elípticas, planas ou coa marxe máis o menos inflexa; flores azuis ou raramente purpúreas ou brancas, dispostas en cimas densas, axilares e terminais; o froito é unha núcula dura. Florece de maio a xullo. É moi abundante en Galicia na zona litoral e media, especialmente nos breixos, piñeirais e áreas litorais.
-
herba das tercianas
gracíola.
-
herba das xuntas [cast: pinillo oloroso, hierba artética, hierba de las junturas; ingl: yellow bugle] [Ajuga chamaepitys, Fam das lamiáceas]
Planta perenne de ata 20 cm de altura. Presenta talos curtos, leñosos na base e cubertos de lanuxe abrancazada; follas sésiles, oblongo-lineais e co nervo central moi patente; flores de cor amarela co labio superior inexistente. Habita nas beiras dos camiños e estradas e nos terreos secos mediterráneos.
-
herba de cura [cast: adormidera] [Papaver somniferum, Fam das papaveráceas]
Planta herbácea de 50 a 150 cm de altura. Presenta talo ergueito e peludo, con follas grandes, inciso-dentadas, as caulinares abrazadeiras; flores de cor branca ou lila e cunha mancha máis escura na base dos pétalos, que son catro e arredondados; froito terminal sobre o talo en forma de casulo arredondado ou achatado. Presenta varios alcaloides no látex, entre eles a morfina, que ten efectos somníferos e sedantes, de aí que reciba tamén o nome de adormideira.
-
herba de Nosa Señora/san Xoán/santa María
Nome que designa as especies Artemisia vulgaris, Chrysanthemum parthenium e Tanacetum parthenium; as especies de compostas máis abondosas en Galicia. A Artemisia vulgaris e unha planta herbácea de ata 1 m de altura; talos simples, lignosos, acanalados, moi ramalludos e de cor gris; follas alternas, sésiles, desigualmente partidas, variables na súa lonxitude, de cor verde e negra pola cara e abrancazada e peludas polo envés; flores amarelas, pequenas, ovoides, capitulares, peludas e reunidas en espigas piramidais, axilares e entre folliñas. A floración transcorre entre finais de xullo e decembro. Vexeta en lugares como as beiras dos camiños, terreos non cultivados ou beiras dos regatos e desprende un cheiro agradable. A Chrysanthemum parthenium é unha planta herbácea vivaz, tamén aromática, de ata 70 cm de altura; follas verde amarelentas, pinnactisectas, pecioladas e pubescentes; flores en capítulos agrupados en corimbos, con flósculos amarelos e lígulas brancas; froito en aquenio rematado nunha pequena coroa. Emprégase moito en infusións polas súas propiedades tónicas e estomacais, moi semellantes ás da manzanilla. OBS: Tamén recibe o nome de madroa, magarza ou matricaria.
-
herba de ouro/dos bois [Halimium alyssoides, Fam das cistáceas]
Arbusto que pode alcanzar 1 m de altura, de follas peludas e alongadas sen pecíolo, flores amarelas e froito en cápsula de pequeno tamaño.
-
herba de san Cristovo [cast: hierba de San Cristóbal] [Actaea spicata, Fam das ranunculáceas]
Planta herbácea perenne de entre 30 e 60 cm de altura. Presenta grandes follas pecioladas, tripinnadas e aserradas; flores pequenas de cor branca, dispostas en acios terminais ou axilares; o froito é unha baga de forma ovoide e alongada de cor negra brillante. Tanto a planta como os seus froitos son tóxicos. Vexeta en bosques húmidos.
-
herba de san Lourenzo/férrea [Ajuga reptans, Fam das lamiáceas]
Planta herbácea de ata 30 cm de altura e glabra. Presenta talos rastreiros que forman estolóns, follas enteiras e ovadas, e flores de cor azul. Vexeta en lugares húmidos, prados e bosques.
-
herba de san Paulo [cast: primavera, prímula] [Primula vulgaris, Fam das primuláceas]
Planta herbácea perenne. Presenta follas dispostas en roseta coa marxe dentada de forma irregular, de cor verde viva na cara e lixeiramante máis pálida no envés; flores de cor amarela que medran illadas sobre longos pedúnculos nacidos desde a base. Habita as zonas sombrías das montañas. Utilízase moito en xardinería. OBS: Tamén recibe o nome de primavera ou prímula.
-
herba de san Pedro/do becho [Helichrysum stoechas, Fam das asteráceas]
Planta herbácea perenne, de talos ergueitos de 5 a 50 cm de altura. Presenta follas estreitas de cor verde pálida e de forte cheiro cando se fregan; flores en capítulos globulares pequenos de cor amarela e froito seco de tamaño reducido. Florecen entre abril e agosto en rochas e areais, sobre todo nas dunas preto do mar. Emprégase como planta medicinal polas súas propiedades como estomacal. OBS: Tamén recibe o nome de “herba do becho” a especie Helichrysum picardii, moi abundante na maioría da costa galega.
-
herba de san Xoán/das feridas [cast: hierba de San Juan] [Hypericum perforatum, Fam das hipericáceas]
Planta que presenta talos glabros e provistos de dúas liñas sobresaíntes que alternan posición nos sucesivos entrenós; follas lampas e provistas de numerosas puntuacións glandulares e translúcidas; flores dispostas en ramalletes, con 5 pétalos amarelos e sépalos lanceolados salpicados ambos con pequenos puntos negros. É unha planta moi abundante en Galicia. OBS: Popularmente este nome designa en xeral calquera herba que intervén na noite de San Xoán. OBS: Tamén recibe o nome de hipérico.
-
herba de santa Bárbara [Barbarea vulgaris, Fam das brasicáceas]
Planta bienal ou perenne de cor verde pálida que pode alcanzar 1 m de altura. Presenta talo glabro, ramudo e ergueito. As follas inferiores son pecioladas, pinnadas, que posúen de dous a cinco pares de folíolos laterais moi pequenos e sésiles e presentan un terminal máis grande e oval; as superiores son enteiras, abrazadeiras e sésiles, e co limbo oval profundamente dentado. Contén inflorescencia en acios terminais e axilares, sépalos amarelentos, trinervados, e pétalos amarelos e lanceolados. Habita en lugares húmidos, terreos incultos, camiños e beiras de estradas.
-
herba de santa Catarina/da triaga [cast: verónica; ingl: common gypsyweed] [Verónica officinalis, Fam das escrofulariáceas]
Planta herbácea, vivaz, de talo rastreiro, que pode alcanzar os 40 cm de altura. Presenta follas de forma elíptica, opostas, coa marxe dentada e pubescentes por ambos os dous lados. As flores agrúpanse en espigas terminais, estreitas e densas, o cáliz está dividido en catro segmentos, a corola é de cor azul pálida con liñas intensamente azuis e divididas en catro lóbulos desiguais e con estames támen azuis. Toda a planta, incluído o froito, é peluda. Habita en matorrais, bosques, terreos sombríos e nas beiras dos camiños de toda Europa, agás a rexión mediterránea. Atribúenselle propiedades medicinais e emprégase fundamentalmente para combater eccemas. OBS: Tamén recibe o nome de triaga.
-
herba de santa Cunegunda/purgueira [Eupatorium cannabinum, Fam das asteráceas]
Planta herbácea perenne, de 50 a 100 cm de altura. Presenta talos dereitos e avermellados, follas opostas, xeralmente trilobuladas ou pentalobuladas, as basais pecioladas e as caulinas subsésiles; flores de cor púrpura en capítulos que se agrupan en corimbos terminais densos e froito en aquenio. Florece en verán en zonas húmidas e sombrías, preto dos ríos. Emprégase como planta medicinal polas súas propiedades como diurético.
-
s
f
herba de Santiago/do sapo [cast: hierba de Santiago] [Senecio jacobaea, Fam das asteráceas] s f
Planta herbácea bienal ou perenne, de ata 150 cm de altura. Presenta talos ramificados na inflorescencia, follas enteiras e flores amarelas, e froito en aquenio coa parte exterior glabra e a interior pubescente. Florece de xuño a outubro en dunas, beiras de camiños e zonas cultivadas. Emprégase como planta medicinal polas súas propiedades emenagogas.
-
herba de santo Antón [cast: hierba de San Antonio, laurel de San Antonio] [Epilobium hirsutum, Fam das onagráceas]
Planta herbácea perenne de ata 1 m de altura. Presenta talos dereitos, arredondados e peludos. As follas son támen peludas, oblongo-lanceoladas, semiabrazadeiras; as basais son opostas mentres que as superiores están desacopladas. As flores, duns 2 cm, son de cor entre rosácea e purpúrea. Habita nas beiras dos regatos. Malia non ser moi común en Galicia, abunda no canón do Sil. OBS: Tamén recibe o nome de loureiro de santo Antón.
-
herba de Vigo [Lolium multiflorum, Fam das poáceas]
Planta herbácea anual, glabra, de ata 130 cm de altura. Presenta follas estreitas, inflorescencia en espiga con raque fino e espículas cunha soa gluma. Florece en primavera e verán en beiras de camiños e cultivos.
-
herba do aire/mar
ara branca.
-
herba do asno
Nome que designa diversas especies do xénero Oenothera, familia das onagráceas. Son herbas de talle medio, caracterizadas polas súas flores solitarias, moi rechamantes e con catro pétalos iguais. A especie Oenothera rosea é moi frecuente na zona de Santiago de Compostela; ten flores de cor rosa e habita en muros de pedra e vertedoiros. O resto de especies deste xénero, presentes en Galicia, habitan as zonas litorais e presentan flores de cor amarela.
-
herba do becho
macela brava.
-
herba do cego
estruga.
-
herba do coitelo [cast: hierba del cuchillo] [Carpobrotus edulis, Fam das aizoáceas]
Planta perenne e subfruticosa. Presenta talo rastreiro de ata 2 m, de base leñosa; follas de cor verde viva, ás veces púrpura nos extremos, de aspecto fusiforme, de textura cérea e sección triangular, duns 10 cm de longo, curvadas cara a arriba, aguzadas na punta e dentadas no envés; flores solitarias, de 60 a 90 mm de diámetro, numerosos pétalos imbricados de cor púrpura, amarela ou alaranxada e estames amarelos; froito carnoso e comestible. Orixinaria da República Sudafricana, está distribuída amplamente por zonas temperadas, sobre todo costeiras. Emprégase moito en xardinería para cubrir grandes extensións espidas e fixar noiros en estradas e dunas.
-
herba do cuco [cast: flor de cuclillo] [Lychnis flos-cuculi, Fam das cariofiláceas]
Planta herbácea, vivaz e áspera. Presenta talos rectos, de 30-60 cm de altura; follas oblongo-lanceoladas e glabras; flores de cor rosácea dispostas en cimas dicotómicas; o froito é un casulo ovoide. Florece en verán e habita en prados húmidos, zonas encharcadas e beiras de regatos. É moi abundante na Galicia interior.
-
herba do fel [Centaurium erythraea, Fam das xencianáceas]
Planta herbácea bienal, de ata 60 cm de altura. Presenta talos a miúdo solitarios; follas basais elípticas; e flores pentámeras, xeralmente de cor rosácea, cos estames inseridos preto do ápice dos pétalos. Vexeta en pastos secos e matogueiras.
-
herba do ferro/das feridas [Prunella vulgaris, Fam das lamiáceas]
Planta herbácea perenne, pubescente, duns 30 cm de altura, de rizomas reptantes. Presenta talos ergueitos ou ascendentes, follas ovais e pecioladas, e flores de cor azul violácea. Florece de xuño a outubro en prados e fragas. Emprégase como planta medicinal.
-
herba do fogo/da dona/da fumaria [Fumaria officinalis, Fam das papaveráceas]
Planta herbácea anual, glabra, de ata 60 cm de altura: Presenta talos ergueitos e ramificados; follas alternas, dúas ou tres veces pinnadas, moi lobuladas; flores zigomorfas de cor rosa agrupadas en acios terminais, e froito en aquenio. Florece a comezos da primavera en prados, bordos de camiños e campos cultivados. Emprégase como planta medicinal polas súas propiedades depurativas.
-
herba do galo/da pulgueira/da pexegueira [Polygonum persicaria, Fam das poligonáceas]
Planta herbácea anual, de 20 a 80 cm de altura. Presenta talos ergueitos de cor vermella; follas subsésiles, lanceoladas, ás veces cunha mancha escura grande no centro; flores en espigas cilíndricas e densas, de cor rosa ou rosa abrancazada, e froito en aquenio. Florece entre maio e outubro en lugares húmidos e zonas de cultivo. É unha herba que resulta prexudicial para os cultivos, sobre todo o da pataca e do millo. Emprégase adoito como planta medicinal.
-
herba do gando [Helleborus foetidus, Fam das ranuláceas]
Planta herbácea perenne de ata 80 cm de altura. Presenta talos erectos, follas caulinares coriáceas, flores de cor verde tinxidas de púrpura e froito en acio rodeado de sépalos. Florece de outubro a abril e está presente en lugares sombríos e húmidos. Orixinaria do O e centro de Europa, caracterízase polo seu mal cheiro. OBS: Tamén recibe os nomes de herba (da) braña, herba chaveira, herba do porco, herba dos bois, herba papeira e heléboro.
-
herba do garrotillo/da paxareira/do fornigo [port: morrião; cast: murajes, pimpinella; ingl: poorman’s weatherglass, scarlet pimpernel] [Anagallis arvensis, Fam das primuláceas]
Planta herbácea anual, glabra, que pode acadar ata 30 cm de altura. Presenta talos cadrados; follas opostas, sésiles, ovais e lanceoladas, con puntos negros no envés; flores solitarias sobre pedúnculos opostos, cáliz con lóbulos lanceolado-acuminados, corola pequena, vermella ou azul, con lóbulos finamente dentados; o froito é un casulo globoso. En Galicia abunda a das flores vermellas que habita en hortas e prados. Atribúenselle propiedades expectorantes e tamén se emprega como curativa de úlceras e erupcións cutáneas.
Sinónimos: muraxes, muruxa. -
herba do hortelán/dos namorados
amores.
-
herba do lagarto [Sedum album, Fam das crasuláceas]
-
s
f
Conxunto desas plantas que nacen nun terreo.
Ex: Deitouse na herba. Trouxo un feixe de herba na cabeza.
-
s
f pl
Conxunto de plantas herbáceas que se utilizan para elaborar infusións ou preparados.
Ex: Ferveu unhas herbas porque lle doía o estómago.
-
s
f
Certo tipo de droga, como a marihuana.
-
herba campeira
Planta que nace espontaneamente.
-
herba Cabreira
[MIT]
Herba fantástica, propia dos contos populares, que non ten correspondencia con ningunha especie real. Tradicionalmente crese que foron empregadas polas meigas nas súas apócemas máxicas.
Refráns
- A lansía cocho mata e cabra cría.
- A nocella inza moito e come a terra.
- Ano de herba, ano de merda.
- Ano de moita herba, ano de moita perda.
- Ata sán Xoán toda a herba é pan.
- En marzo sae a herba, anque lle dean cun mazo.