Herzegovina

Herzegovina

Rexión dos Balcáns. Está situada ao S de Bosnia, entre Montenegro, ao S e ao SL, e Dalmacia, ao O, que a separa do Adriático, excepto nun estreito corredor que dá á canle Neretva, diante da illa de Pelješac. É unha rexión moi montañosa, formada por cordilleiras, macizos calcarios e polja cársticos e que está drenada polo río Neretva. Rexión pobre, a poboación é escasa, e vive sobre todo da gandería ovina. O principal núcleo urbano é Mostar. Formou parte da Iliria romana e posteriormente foi ocupada polos godos (s IV) e polos eslavos (s VII). Integrouse no reino croata de Tomislav, pero foi conquistada polos bizantinos (1040), máis tarde foi sometida ao poder dos príncipes serbios (1180-1321) e despois dos bosnios (1322-1377). O voivoda Estebo Vukčić separouna coa axuda do sultán e recibiu o título de duque ou herceg. Unida ao Imperio Turco entre 1482 e 1878, posteriormente pasou a depender da administración austro-húngara. Asociada a Bosnia en 1918 formou parte do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (Iugoslavia desde 1929) e, entre 1945 e 1991, constituíu unha república dentro da República Federativa Socialista de Iugoslavia. Ao desmembrarse este Estado (1991), os antagonismos étnicos no interior do novo Estado de Bosnia-Herzegovina e a presión de Serbia deron lugar a unha guerra civil. Malia que os enfrontamentos remataron en novembro de 1995 cos Acordos de Dayton, e a República de Bosnia-Herzegovina dividiuse en dúas entidades asociadas, a Federación de Bosnia e Herzegovina e a República Serbia, as comunidades de serbios, croatas e musulmáns constituíron tres entidades etnicamente homoxéneas e controladas polos seus exércitos e policía respectivas.