Hesíodo
Poeta grego. Os antigos gregos atribúenlle unha serie de obras “didácticas”, algunhas das que aínda se conservan. Adóitanse datar os seus poemas ao redor do s VIII a C, polo que se presupón que coñecía as composicións homéricas. A Teogonía explica a orixe do mundo e dos deuses, e inclúe novas divindades descoñecidas nos poemas homéricos. Narra a creación do mundo a partir do caos, o nacemento dos deuses e as súas fazañas. Na súa liña de pensamento mítico, o mundo concíbese como resultado da ordenación de Zeus, o soberano do Ceo que tentou vencer os titáns. Así, o poema enténdese como o desenvolvemento do mito da soberanía de Zeus sobre os outros deuses. Os Traballos e días, primeiro exemplo de poesía didáctica, divídese en dúas partes. A primeira delas constitúe un dos poemas de maior relevancia na literatura antiga, tanto polas imitacións posteriores (Aratos, Virxilio), como pola influencia do seu pensamento na lírica arcaica, especialmente en Solón, e na traxedia ática: cómpre seguir a xustiza (δίκη), divinizada como filla de Zeus e evitar o exceso (áβρις). Dirixida ao seu irmán Perses, a pesar do seu fondo pesimista, contén unha valoración positiva do traballo humano e unha crítica cara aos reis doentes, que representan o aspecto negativo do poder. Amosa tamén un afán reformista, pero os modelos do mundo mellor que el desexa descríbeos formando parte dun pasado irrecuperable, mítico, do que derivan todas as utopías posteriores, ata a platónica. Nesta obra describe as súas propias experiencias durante a súa época de campesiño, e está salpicada de episodios alegóricos e fábulas. Nun estilo sinxelo e moralizante, destaca a importancia do traballo e a rectitude, ofrece consellos prácticos sobre cómo vivir e proporciona receitas e normas agrícolas. Inclúe, así mesmo, un calendario relixioso cos días favorables e desfavorables para certas tarefas do campo. Con todo, o tema principal da obra é a decadencia moral. Relata a historia do mundo en cinco etapas, desde a Idade de Ouro ata a Idade de Ferro, que considera dominada polo mal. Da súa obra restante non quedan máis ca títulos e fragmentos, moitos dos cales se atribúen a imitadores de Hesíodo, a “escola hesiódica”. Un exemplo é a composición o Escudo de Heracles, que contén a descrición deste obxecto, e é seguramente obra dun poeta posterior que, a influencia de Hesíodo, uniu a dos poemas homéricos.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ascra, Beocia