Himalaia
Gran sistema montañoso de Asia Meridional. Esténdese en sentido lonxitudinal ao longo de 2.500 km dende o val do Indo, ao NO, ao val do Brahmaputra, ao SL, e en sentido transversal do Tibet, ao N, á chaira indoganxética, ao S. Moitos dos seus cumios superan os 7.000 e 8.000 m de altitude. Separa a India e China, e comprende, ademais, territorios doutros estados (Paquistán, Nepal e Bhutan). Formado durante o ciclo oroxénico do Terciario, no Mesozoico e parte do Paleozoico, as fases oroxénicas principais tiveron lugar durante o Mioceno e ao final do Terciario. Dende un punto de vista estrutural distínguense, de S a N, varias rexións: as montañas de Siwalik, dunha altitude media duns 2.000 m; o Pequeno Himalaia o Himalaia Menor, ao redor dos 4.000 m; e o Gran Himalaia, no eixe axial da cordilleira, constituído por granitos, gneises e outras rochas metamórficas, onde se acadan as maiores altitudes da terra, concretamente no Everest, de 8.848 m; outros cumios destacados son o Kānchenjunga (8.585 m), o Makalu (8.470 m) e o Cho Oyu (8.189 m). Os ríos Brahmaputra e Indo son os dous principais colectores das augas do Himalaia. Polo que respecta ao seu clima, o sector oriental é máis húmido.