Himno Galego

Himno Galego
[LIT/MÚS]

Composición musical que constitúe un dos símbolos de Galicia. A música foi composta por Pascual Veiga e tomouse a letra do poema Os Pinos de Eduardo Pondal, da súa obra Queixumes dos Pinos (1886). O himno estreouse o día 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro de La Habana. Musicalmente, é unha composición en compás de 4/4 e que emprega a escala habitual da gaita, co Si bemol na armadura. Con respecto ao seu contido literario, destaca o seu carácter de composición épica culta, relacionada cos guerreiros celtas e co ciclo mitolóxico irlandés, tan de moda na época na que foi escrito por Pondal. O autor constrúe este poema como unha forma máis de lexitimar e defender os valores do pobo galego, co que tenta recrear un pasado glorioso para Galicia e, consecuentemente, dotala duns trazos propios que a distinguen como nación e país mítico, berce de grandes e importantes homes, aos que anima á defensa e á súa identificación coa terra galega. O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 indica no seu artículo 6.2 que “Galicia ten himno e escudo propio”, pero non especifica máis nada sobre o seu texto ou melodía. Foi a Lei 5/1984 de 29 de marzo “de Símbolos de Galicia” a que no seu artículo 4 deixou constancia legal da oficialidade da versión que na práctica se adoptara como himno galego, coa seguinte fórmula: “Declárase himno de Galicia a composición ‘Os Pinos’ poema de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga”. No artículo 8 deste mesmo texto legal establécense as ocasións de obrigada interpretación do himno (“O himno de Galicia deberá ser interpretado nos actos oficiais solemnes das institucións autónomas de Galicia e das entidades locais do seu territorio”). Por último, a Lei de Símbolos de Galicia inclúe na súa disposición adicional terceira o texto e a partitura oficiais.

Audio :

Palabras veciñas

Himmler, Heinrich | himnario | himno | Himno Galego | himnónimo | Hims | Hinault, Bernard