hindi
(< urdu hindī)
Lingua da familia indoirania do phylum indoeuropeo. Deriva do saurasenī, un dos prácritos medievais. O hindi en escritura devanagari é a lingua oficial da Unión India. Fálano uns 130 millóns de persoas, e ten dúas variantes principais (a oriental e a occidental), situadas globalmente dentro ou na contorna de Uttar Pradesh. A difusión literaria do hindi comezou ao redor de 900 coa redacción das crónicas chamadas rāso, sobre as xestas do pobo rajput. Entre os autores da literatura hindi medieval, pódese incluír o gurú Nānak (1469-1538), fundador dos sikhs, Sūrdās (1483-1563), Dādū (1544-1603) e Tulsidās (1532-1623). No s XVIII, coa decadencia dos moghuls, asístese a unha decadencia literaria do hindi. Destacan os escritores Lallūjilāl (1763-1825) e Hariśchandra (1850-1885). Premchand (1880-1936) é o representante da novela hindi moderna. En poesía, os autores máis reeditados son Bhavaniprasad Misra (1914), Shamsher Bahadur Singh (1911), e tamén poetas novos como Dharmavir Bharati, Kunwar Narayan, P. N. Tripathi e S. S. Saksena. En canto á narrativa, K. Mishra, M. S. Joshi, Nagarjun, S. Singh e Renu, describen a vida rexional, mentres que Rudra, Mohan Rakesh e Amritlat Najar se interesan polas diferentes clases sociais na cidade. Polo que se refire ao teatro, Upendranath Ashk, Ramkumar Varma, L. Mishra, J. Ch. Mathur e Bharat Bhushan Agarwal, contribuíron con obras escritas que se difundiron na escena e na radio. A poesía e a novela son os xéneros que teñen un índice de produción e popularidade máis alto. A temática tradicional do culto ao heroe (Praydgavada) e da procura da personalidade, foi desprazada na década de 1960 polas preocupacións sociais, que se reflicten en escolmas como Sansad Se Sarak Tak (Do parlamento á estrada, 1972), de Dhoomil, e noutros poetas como Soumitramohan, L. Jagoodi e G. Pati. Entre os poetas máis recentes destacan a Bachchan, Nagarjuna, A. Kumar Pashan, Ajneya, V. Das, Trilochan, S. Bajpai e P. Shankar. Na novela, dunha gran variedade temática, aparecen os nomes de B. Sahni, R. Masoom Raza, M. Bandhari, K. Sobti, A. Lal Nagar, R. Chjandra Shah, J. Kumar, M. Ehtesham, J. Chandra, G. Misra, Ramakant e outros. Ademais, salientan as autobiografías, de 1985, pertencentes a S. Poojan Sahai e o poeta Bachchan. Na narración curta sobresaen autores como M. Pande, V. Nautiyal, R. Shukla, P. Verma e N. Kohli. Destacan tamén os ensaios de N. Verma e unha historia da literatura hindi, de 1986, escrita por R. Swarup Chaturvedi. Entre os dramaturgos de finais de século, destacan a R. Vilas Sarma, J. Singh e A. Lal Nagar.