hinduísmo
(< hindú)
Relixión propia de India que se caracteriza pola aceptación da autoridade dos Vedas. A súa profesión implica máis un conxunto de observancias sociais, que un credo común, do que carece, ou dunha uniformidade litúrxica, que tampouco posúe. De todos os xeitos, como outras relixións o hinduísmo divide o seu corpo doutrinal en dúas grandes seccións: a revelación ou śruti e a tradición ou smrti. A revelación está integrada por Veda, Brāhmana, Aranyaka e Upanishād. A tradición está composta pola literatura épica, os Pūrana e os Tantra. A doutrina do atmā brahma é central no hinduísmo, pero os diversos sistemas interprétana de distinto xeito, que basicamente se reduce a tres: o advaita ou non-dualismo, representado principalmente por Śankara, que afirma que o absoluto e o relativo non son dúas realidades á parte, aínda que tampouco se identifican; o viśi ṣṭ advaita, ou non dualismo cualificado, de Rāmānuja, que expresa que a alma individual (jīva) é un fragmento de Īśvara, o señor, pero distinto do Supremo e que retén a individualidade ata incluso despois da xuntanza final co ser Supremo; e o dvaita, ou dualismo de Madhva, que se presenta como a antítese do advaita de Śankara, ao afirmar que Brahmā, ou Deus, é o Creador, esencialmente distinto do jīva xa que a transmigración de jīva tería como desenlace final a salvacción ou condenación eternas. O sistema de castes e o culto son dous aspectos moi importantes do hinduísmo, aínda que o culto pode chegar a ser meramente interno e o sistema de castes globalmente rexeitado. As principais áreas de influencia do hinduísmo fóra de India son a península de Indochina e Indonesia.