Hiroshima

Hiroshima

Capital do ken homónimo, na illa de Honshū, Xapón (1.119.117 h [1997]). Activo porto pesqueiro, destaca pola recollida de algas comestibles e a cría de ostras, das que se extraen perlas cultivadas que abastecen unha gran parte do mercado mundial (perlas xaponesas). Tamén é un importante centro industrial, especialmente siderometalúrxico (altos fornos, estaleiros e fábricas de automóbiles). Destruída o 6 de agosto de 1945 pola primeira bomba nuclear lanzada na historia por orde de EE UU, do seu patrimonio monumental só se conserva o palacio de exposicións da prefectura, convertido no memorial pola paz de Hiroshima, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1996.