hitita
(< hebr ḥittī< hitita ẖattí)
-
adx
Relativo ou pertencente aos hititas ou á súa lingua.
-
s
[ETN/HIST]
Individuo do pobo hitita.
-
s
m pl
[ETN/HIST]
Pobo indoeuropeo que chegou a Anatolia a comezos do II milenio a C e que se estableceu ao S do país dos ẖattís; posteriormente impuxéronse e fundíronse con eles. No s XVII a C Labarnaš I converteuse no primeiro monarca do Reino Antigo (1680 a C?-1500 a C?). O seu sucesor Labarnaš II Hattušiliš , que reinou cara a 1660 a C, trasladou a capital a Hattuša, conquistou Alalah e atacou Arzawa. O seu neto, Muršiliš I reinou cara a 1625 e continuou a expansión na zona de Siria e conquistou Alepo e Babilonia. Telepinuš, que gobernou entre 1525 a C e 1510 a C, revitalizou o pankus, asemblea formada pola aristocracia guerreira, que determinaba a elección do soberano e impartía xustiza. O Reino Medio (1500 a C?-1380 a C) iniciouse con Alluwamnaš cara a 1500 a C, que se enfrontou ao Reino de Mitanni. Baixo Tudhaliaš II (ca 1440 a C), venceron en Alepo e Mitanni e acadaron grandes vitorias no S e no N. No Reino Novo (1375 a C-1190 a C) destacou o monarca Šuppiluliumaš I (1375 a C-1335 a C), que someteu o Reino de Mitanni. A súa expansión polo Próximo Oriente levounos a enfrontarse con Exipto na Batalla de Kadeš (1286) durante o reinado do hitita Muwatalliš, de incerto resultado. Destacaron por introducir a exportación e o emprego do ferro, xunto coa agricultura, a artesanía e o comercio vinculado ao transporte en caravanas. A sociedade dependía dos traballos realizados polos servos e os escravos, normalmente prisioneiros de guerra. O monarca reunía a condición de xuíz supremo, sumo sacerdote e xefe do exército, e tiña carácter hereditario. A súa lexislación recollía normas nas que se contemplaban as penas pecuniarias, a privación de liberdade e a escravitude. A decadencia do Imperio Hitita vinculouse co avance dos pobos do mar, cara a 1200 a C, nun momento de grandes cambios no Mediterráneo Oriental.
-
s
m
[LING]
Lingua anatolia do phylum indoeuropeo. Os hititas chamábana neši, pola cidade de Neša. O nome ten dous xéneros (común, para o masculino e o feminino, e neutro), dous números, vinteúnha declinacións e seis casos no singular. O verbo está formado con prefixos. A frase adoita ir precedida dunha ou máis partículas, o verbo tende a situarse ao final da oración e as oracións subordinadas preceden en moitos casos á principal. O vocabulario procede na súa maioría do anatolio indíxena, aínda que tamén se atopan moitas palabras indoeuropeas comúns. O hitita xeroglífico, anotado coa escritura do mesmo nome, é tamén unha lingua indoeuropea do grupo anatolio, próxima ao hitita.
-
arte hitita
[ARTE]
Arte desenvolvida polo pobo hitita. Atopáronse numerosos testemuños en Asia Menor e Siria setentrional, como Hattuša e Karkamiş, restos de cidades amuralladas, realizadas sobre bases ciclópeas, santuarios e palacios, baixorrelevos nas portas das cidades (Alaja Hüyük) e nos santuarios (Malatya e Karkamiş, de Sam’al, Karetepe), pezas monolíticas e estatuas de metal.
-
escritura hitita
[ESCR]
Cada un dos sistemas gráficos empregados polos hititas. Comprende o hitita cuneiforme, o máis usual, derivado do silabario sumerio-acadio a través dun intermediario aínda sen precisar (a gran maioría das táboas de Boǧazköy), e o hitita xeroglífico, escritura tamén ideofonográfica. Este, pola súa forma externa, é debedor dos xeroglíficos exipcios e, polos principios que o rexen, do sistema gráfico sumerio-acadio. A orientación pode ser de dereita a esquerda ou viceversa e nos textos de máis dunha liña segue o principio bustrofédico.