Hitler, Adolf

Hitler, Adolf

Político alemán. En 1919 adheriuse ao Deutsche Arbeiterpartei (DAP), que pasou a dirixir en 1921 refundado como Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei (NSDAP), denominado Partido Nazi. En 1923 foi condenado a cinco anos de prisión polo intento de golpe de estado coñecido como o putsch de Múnic, cumprindo só nove meses de cadea, nos que redactou Mein Kampf, principal fundamento da ideoloxía nazi. A crise económica de 1929 fixo posible a vertixinosa ascensión do nacionalsocialismo; malia o simplismo da súa doutrina e do seu programa (superioridade da raza xermánica, submisión incondicional do individuo á comunidade, antisemitismo, antimarxismo, rexeitamento do Tratado de Versailles), este partido conseguiu o maior número de deputados ao Reichstag (1932) e Hitler foi designado chanceler (xaneiro 1933). Fíxose outorgar amplísimos poderes e rapidamente procedeu a desfacerse dos adversarios e dos colaboradores de fidelidade dubidosa, organizou a Gestapo (1934), ditou leis contra os xudeus, creou campos de concentración e tribunais especiais. Á morte de Hindenburg (agosto de 1934), asumiu tamén a presidencia do Reich, co título de Führer. Despois de tres anos de intenso rearmamento, comezou a facer realidade os seus proxectos expansionistas coa ocupación de Renania (1936) e as anexións de Austria (Anschluss, 1938) e os Sudety en Checoslovaquia (1938-1939). A invasión de Polonia (setembro de 1939) provocou o inicio da Segunda Guerra Mundial. Despois dunha primeira fase de vitorias alemanas, o conflito cambiou de signo, ata que en abril de 1945, asediado Berlín polas tropas rusas, se suicidou.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Braunau am Inn, Austria

  • Deceso

    Lugar : Berlín